

Lembro que alá polo 1962, eu fora estudar a Lugo. Pasaba tódolos días por diante daquel Campo da Feira, que, os días de mercado, estaba cheo de xente que vendía e mercaba. Había autobuses de línea tamén e hoxe é onde se ubica a Estación de Autobuses de Lugo. Ao lado, o cárcere, con aqueles barrotes en tódalas ventanas e a veces algún preso asomado. Eu ollaba con tristura e vergoña de sentirme libre diante de outros que xa non podían sentir o mesmo. De todos modos, estarían pagando por algo que fixeran mal. Pero os cárceres non eran o lugar idóneo para pasar os mellores anos da vida de calquera. Hoxe, ese cárcere, tras unha reforma levada a cabo por un bo arquitecto, pasa a ser un centro cultural onde se van levar a cabo actividades teatrais, conferencias, exposicións de arte e cunha cafetería na cima de todo con vistas á Muralla que nada terá que ver con aquelo que foi no seu día, con celdas pequenas e mal acondicionadas, con patios estreitos e reixas nas xanelas e nas portas, con caravillas de ferreiro e con celosías e mirillas para ver sen ser visto.
Celdas, celdas, celdas
sepulcros blanqueados
tobogáns da memoria
gaiolas asépticas
do despilfarro humano
xa non tedes razón de ser
Un percorrido por todas as súas estancias, con escaleiras en torno a un patio interior central dende o que poden verse as celdas nas diferentes plantas e rematando cunha interesante cúpula que ilumina ese patio da a impresión de que alí pasábase moito frío. Os seus muros de pedra de canteiría, estarían espidos ou todo mais encalados. O chan, de madeiras vellas, e aquelas gaiolas sen nada onde durmir, desprovistas de todo o que un ser humano necesita minimamente, e días interminables, e noites de frío e soidade, penso que eran mais que suficiente para cobrarse o delito que un preso tiña que pagar por telo cometido, se ese fose o caso, que algunhas veces nono era.

Outro cárcere que me chamou moito a atención foi o de Cork, en Irlanda. Alí a xente morría de fame naquela época da peste na pataca. E as maquinarias torturadoras que por alí se exhibían tamén causaban pánico. A humanidade moito ten sufrido en tódalas épocas. Guerras, pestes, fame, cárceres, enfermidades....Non sei se Deus é xusto co que criou! Ou será culpa nosa non saber aproveitar as oportunidades que a vida nos ofrece. Pero hai quen xa nace sen elas.