www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

martes, 29 de marzo de 2016

XUNTO A NOITE CO DIA

Xunto a noite co día, adianto reloxios que obedecen docilmente. Traduzo horas e xantares. Altero os biorritmos. Espabilo o sono, prolongo a ración de tele, xa non leo libro e rezo. Rezo para que a loucura non se estenda, que se pare a violencia, que renaza o sentido común, que os soños dos teimosos nonos atropelen. Que a vida siga sendo desexable. Que o mundo abra os brazos e acolla con piedade e misericordia aos oprimidos. Non son relixiosa pero creo. Creo na bondade, na perfección da humanidade, no pensar sensato, no actuar correcto, no amor ao próximo, na compasión, na tolerancia, na diversidade, na diferencia, no que nos une a todos, no pouco tempo que temos sobre a terra, para disfroitala, para dar o mellor de nós, e recibir o que nos ofrecen. Creo no entendemento, no respeto, na pouca importancia das cousas terrenais. Creo no espazo que sobra e que non acolle. Creo que todos temos dereito a vivir mellor, a non estar hacinados, a non soportar as guerras, a destrución, a aniquilación de todo vínculo. Medio mundo está baldeiro. Non é preciso encher  cidades, de por sí xa cheas. Hai moito campo que habitar, moita soidade nestas paraxes, moitas casas sen xente, moita terra que cultivar...persoas as que asistir e coas que intercambiar os nosos saberes.
Un vello proverbio dí que a música une aos povos. Que a música sustituia os sons destructores da maquinaria da guerra. Bailemos todos en harmonía dándonos as mans, queréndonos como irmáns que somos. Repartamos entre todos para que ninguén se sinta menos. Un mundo novo, un mundo mellor non se logra pola forza das armas. Lógrase co amor e coa piedade, coa solidariedade. Non é moito pedir, non é un imposible. A paz é posible. Senón  o mundo esniquizarase, saltará polos aires e comezará de novo, da nada, dende o principio ata que aprendamos a ser humáns.

sábado, 5 de marzo de 2016

RIO RATO


Que o río Miño pasa por Lugo é algo coñecido pero do río Rato non sabe todo o mundo, porque é un río pequeno e con historia, pois nos seus vellos tempos, que son os meus, tal como eu o recordo era un regato que cambiaba de cor e de cheiro asegún as circunstancias do matadeiro de Frigsa. Así, uns días ía sanguiñolento, outras amarelo como o Ganxes e dende o palomar onde eu o observaba podía percebir o seu arrecendo un pouco desagradable.
 Coa desaparición do seu elemento contaminante, o río coñeceu mellores tempos e ofrece na actualidade un percorrido case obligatorio para calqueira lucense que aprecie a natureza e o afastamento do centro da urbe para descargar as tensións da vida diaria.
O trazado foi coidadosamente pensado e xira en torno ao río e ao Centro de Interpretación
 que se ubica nunha zona axardinada, con bar, restaurante e museo nun antigo muíño. Ao longo do río sucédense diferentes fervenzas e rápidos que no inverno están no seu apoxeo, pois auga non lles falta. E para quen se esqueceu de levar os bártulos da piscina e xinasia, unha mañá de primeiros de marzo, cun sol que quentaba, foi a alternativa perfecta onde pasar unha hora camiñando a bo paso e ao tempo que escoitaba a música do río coas suas variacions de fervenza a fervenza. Río cantareiro que discurre por entre sendeiros con abundante arboreda conservada de vello e outra nova introducida como elemento decorativo alén das hortas urbáns que se divisan na súa cercanía e moitas pontes de madeira que permiten cruzar o río por onde mais a cadaquén lle conveña buscando o sol ou a sombra, asegún.
Sentínme contenta de poder percorrelo nun dos seus tramos, empregando unha hora que pensaba adicar a outras actividades tamén deportivas. Pero penso que foi a mellor das opcións, xa que nada como o deporte ao ár libre para enerxizarse.
Parei a facer fotos para ilustrar este texto e dar a coñecer esta ruta alternativa a moitas outras que hai por Lugo e que merece a pena sexan coñecidas.
Dende o centro pódese chegar en menos de sete minutos sobre todo polos atallos que van directamente ao río. Eso sí, con unha pendente que ata para baixar se fai difícil por ter que ir freando, nada que dicir da volta ao centro. Como hai sitio para aparcar coches ou outros vehículos, esa dificultade podese reducir bastante. Logo é todo chán a pé de río. Continuando o paseo xa se pode ir a carón do río Miño, outro paraxe interesante.