www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 7 de outubro de 2012

BONECAS DA MIÑA INFANCIA

Deixei pasar o tempo do millo, aquel tempo cando están as espigas en pleno crecimento. Sempre chaman a miña atención e lembro cando eu, de nena, a falta de outras bonecas, utilizaba estas para os meus xogos. Eran loiras de pelo liso, morenas de pelo rizado, peliroxas.... e eu facía do seu cabelo os peiteados que mellor lles quedaban.
Lembro como nunha ocasión, collera mais de trinta bonecas destas e esconderaas entre a palla do palleiro. Eran da finca dos veciños. Nin que dicir do resultado de tal rapiña.
Ademais das bonecas de millo, tamén me gustaban outras que salían dunha planta que medra nos humedais, que son como as bonecas rusas, están unha dentro de outra ata o infinito. Aquelas eran mamás en xestación.
Outras bonecas eran as feitas de trapos que lle sobraban a miña nai de cando facía vestidos. Eran todo unha creación de modeliños feitos de trapos pero que nin a Barby de hoxe!
E por fin, cando recibín a primeira boneca, de cartón, fíxome moitísima ilusión. Era por reis. Tiña un timbre na barriga porque ao movela choraba ou facía algún ruidiño. Morreo na mesa de operacións pero o timbre saíu intacto.
A raíz daquelo, non houbo mais bonecas.

Pasado un tempo, e cando xa empecei a manexar certa información de cómo facerse con cousas desexadas, atopéi un cupón de Maripepa Mendoza que ofrecía enviar unha boneca se lle escribía. Non tardei nada en facelo e contáballe cómo me gustaría ter unha bonequiña preta, como a do catálogo. Non sei por qué nin cómo, aparecéu chegando un paquetiño cunha bonequiña loira, cun vestidiño bermello, braguiñas, zapatiños.... e o vestido era de poñer e quitar.
Conservei esa boneca ata que o meu fillo ma fixo pasar o outro mundo, o dél! E así acabou.
Tiven moi poucas bonecas do mercado pero non me faltóu imaxinación para facerme con outras substitutas.