Así estaba a praza do Cádavo, (Valeira) cando cheguéi pouco máis das dez e media da mañá, carregada cos bártulos para ocupar un stand nesta mostra de productos que teñen que ver co río Eo na súa traxectoria de 81 kms ao encontro co mar en Ribadeo.
A carpa de degustación do mexillón e a xouba ou parrocha, como lle chaman na Mariña, tamén tiña os fogóns preparados para fritir tanto peixe que logo de escoitar a charanga Louband, tería lugar baixo a enorme carpa que nos protexéu da benzoada chuvia, dando treguas solleiras para tocar e danzar na praza.
Ao final so ocupamos tres dos cinco stands que estaban preparados. Faltóu xente, tal vez por mor da chuvia ou do cansazo. Así que os primeiros fomos Ovapiscis e o noso stand de libros de Antón Cando, Beatriz Pin e de ámbolos dous no libro Entre Nós e o Eo, que era o que máis tiña que ver co evento.
Aquí estamos co madrugador case centenario que veu acompañado da súa coidadora, unha moza colombiana moi animada e festexeira que o leva a todo canto evento hai en Valeira e así ambos se adivirten.
Logo foron chegando familiares que nos acompañaron e sacaron moitas fotos cos nosos libros e nos mercaron tamén algúns que levarían para Barcelona, para agasallar a amizades e para telos na casa como un bo recordo.
Aquí estamos con Sergio do Val de Arán, e Mónica Pin. Ambos transplantados de ril varias veces; sete no caso de Sergio que é un valente e conduce dende Catalunya á Galiza todos os veráns. Ten saído nos medios do seu país por este motivo dos numerosos trasplantes. O último foi grazas a un irmán donante. Traballan pola causa das donacións de órganos tan necesarios e escasos. Todos los anos editan un calendário con fotos e textos sobre este tema para sensibilizar a poboación e darlle visibilidade.
Amenizado pola charanga Louband que tocaron e bailaron para o púclico, sen pausa e movéndose por todo o escenario, vestidos como se ve na foto e que nin a chuvia os arredóu de seguir tocando, mesmo debaixo da carpa que xa empezaba a estar chea de xente que viña á degustación oferecida de balde para quen quixera mesmo repetir unha, duas ou tres veces. Eu fun unha que aprendín de contado esa maniobra de ir comendo e poñéndome de novo na rea e así ata que quedei farta.

O alcalde de Valeira, Ángel Martínez Puga, tamén pasóu polo noso stand e mesmo nos mercóu un libro e dixóuse retratar con Antón e comigo.
Os de Ovapiscis levaron un acuario cos seus alevíns e con ovos que poden vivir sen estar na auga.
As futuras troitas, movíanse sen parar, como aprendendo a nadar despois de ter saído dos diminitos ovos de cor laranxa e forma redonda. Tamén trouxeron os seus dous cans que son moi entendidos na materia.
Logo da degustación, volveron tocar os de Louband para bailar o comido mentres, fora da carpa caía a chuvia a pracer, nunca mellor dito, porque os lumes hai que apagalos dende o ceu cando dende a terra nada se pode facer.
E así remata este día festeiro e divertido que sube un pouco os ánimos antes de poñer o pé en setembro e ir camiño do inverno, paseniñamente, como quen non quere a cousa, pero sí, xa imos cara ao longo inverno que nos espera neste lado do mapa.
E por se nono contei ben, aquí está a prensa para darlle un toque diferente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.