www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 31 de xullo de 2023

PEDRAS NEGRAS


 Domingo, 30 de xullo, decidín facer unha excursión co grupo Galicia Infinita. Collín o autobús ás 8:00 en Lugo e nunhas dúas horas puxémonos no comezo da ruta que partía da igrexa de San Vicente do Mar.

Fomos pasando por praias ás que non chegan os coches. Nalgunha delas xa estivera hai uns cantos anos.


Son como pequenas calas cheas de pedras redondeadas que forman conxuntos arquitectónicos e que se estenden todo ao longo do camiño que fomos transitando en fila india, sorteando pedras e penedos, sempre seguindo a linea de costa.


A esa hora da mañá apenas había xente nelas. A auga, de cor turquesa, convidaba a darse un baño, pero os quince kms de sendeiro que tiñamos que percorrer para chegar á praia da Lanzada, non permitían apenas demoras. O camiño non estaba sinalizado e no podiamos perder de vista o grupo, e a guía para non perdernos. Por certo, ela ía deixando unhas frechas que tiña que recollelas a persoa que viñera de última.


Aquí atopamos vestixios de algunha batería do exército cun canón apuntando ao mar. O chán que pisabamos era dunar e abondaban as prantas propias dese hábitat, que sempre chaman a miña atención pola súa rareza e resistencia ao calor e a aridez.


No cartaz que anunciaba a ruta, víanse pasarelas de madeira e afixérame á idea de que o percorrido sería por estes pasadizos de fácil andadura e sen ter que meternos por estradas, zonas de negocios turísticos etc... Moi lonxe diso, o que nos atopamos foi ter que transitar por zonas de chiringuitos, estrada principal a tope de coches nun domingo, cheiro a sardiñas asadas, urbanizacións tipo praia dos Cristianos en Tenerife. Mesmo pensei que me atopaba por aqueles lares, de non ser polo feismo que nos caracteriza no tocante ao turismo improvisado que nos pillóu en bragas e para o que aínda non estamos á altura.


Á medida na que iamos avanzando, as praias amosábanse máis concurridas e tiñamos que ir sorteando bañistas, coches, bicis, embarcacións...pero coa sorte de compartir conversas interesantes que nos levaban por outros paraísos como Gales, auroras boreais e moitas viaxes imaxinarias que se farán realidade ou non.


Coñecemos dúas mozas colombianas que sacaban fotos e fotos todo o tempo. Tamén nolas facían a nós se lle lo pediamos, e unha delas levaba un vestido roxo ata os pés e que luce na foto da igrexa pola que pasamos. Ela sí que viña preparada para a pasarela!



Cando chegamos ao principio da praia da Lanzada, aínda nos faltaban varios quilómetros para percorrela ata chegar ao sitio onde nos agardaba o autobús co noso xantar. Pola mañá, quen quixo quedarse na praia, puido facelo. Eu decidín non quedar e case me pesóu porque perdín de aproveitar as mellores horas para estar na praia e así tivemos que soportar as de máis calor se queríamos poñer os pés na area porque o que era bañarse, imposible con tanta onda e mar picada. A praia estaba chea de xente, unha espida de todo e outra, coma mín, vestida para protexerse do sol. Nin rastro dunha sombra baixo a que refuxiarse tan sequera para xantar.

Penso que tiña que ter sido á inversa, empezar na Lanzada e acabar por ónde comezamos. Pero como 'All is well if ends well' nada hai que dicir. Chegamos de volta a Lugo sobre as 20.30 da tarde e coa sensación de ter visto o mar.


luns, 17 de xullo de 2023

ROTEIRO POR CABO PRIOR




 E se nada ocorre por casualidade?

Atopei, por casualidade, no Facebook o cartaz que anunciaba este roteiro, e sen pensar dúas veces, xa me apuntei para facelo. Moi convencida de que me ía gustar. E así foi!

Saímos de Lugo nun autobús grande, con guía, e dirixímonos hacia Ferrol. Unha costa que poucas veces teño ocasión de visitar. A Costa Ártabra esténdese dende Estaca de Bares, onde o ócéano Atlántico conflúe co Mar Cantábrico ata o sul de Ferrol dando lugar á Ría de Ferrol, Betanzos, Ares. Lugares como Cariño, San Andrés de Teixido, Ortigueira, Valdoviño, Mugardos...son algúns dos que se estenden ao longo desta costa que os romanos bautizaron como Magnus Portus Artabrorum.



Comezamos o roteiro partindo da praia de Doniños polo seu lado máis oriental e fomos bordeando a península, con fabulosas vistas dun mar embravecido e poderoso que forma acantilados de 170 metros de altura e dende onde poidemos ver un faro que estivo activo dende mediados do S. XIX xunto cunha batería militar abandonada no 1998 e da que quedan restos que foron parte de búnkers, polvoríns, túneis, pozos e garitas de vixiancia.



O camiño, ao principio pedregoso, cheo de coios que se foron desprendendo das rochas, (as máis antigas da Península Ibérica), debido a teimosía da forza mariña nesa zona onde o perigo é inminente sobre todo nos temporais do inverno, foise suavizando e facéndose máis transitable e mulido á medida que avanzabamos cara á praia de Doniños de onde comezamos a ruta circular. Houbo tramos de ir case monte a través, por estreitos carreiros que me fixeron pensar nos bosques de laurisilva das Illas Canarias, e logo humedais onde abondan as xunqueiras e herbosas.



Paramos na praia de San Xurxo, unha praia moi visitada por surfistas na que fixemos algunhas fotos cos arroáces de mentira e seguimos camiño ata a praia de Doniños entrando nela polo lado máis occidental, na que nos agardaba o autobús coas nosas vituallas que degustamos á sombra de pinos e con vistas fabulosas a esa praia de gran ondeaxe na que só nos puidemos "refrescar" nun tramo de apenas cinco metros e cos socorristas a pé de onda sen pestanexar.



Un brindis en inglés no chiringuito, degustando unha cervexa ben merecida, fixo que dúas rapazas da mesa do lado se voltearan a ollarnos. Eran "guiris". Logo dunha pequena conversa en inglés, seguimos rumo a outra parte.



A práctica do inglés durante toda a camiñada cun compañeiro moi docto en linguas, fixo que non me enterara da quilometraxe que lles metín aos botíns Clarks, made in Britain.




sábado, 8 de xullo de 2023

RUTA DAS FERVENZAS DO EO

 


Un día chuvioso a máis non poder non conseguíu botarnos para atrás. Deixamos os coches en San Paio e con paraugas e chuvasqueiros visitamos a fervenza da Acea de Serra, que por certo, ten un acceso imposible para quen non teña por costume saltar paredes. Con todo, uns cantos pasamos ao outro lado para vela de preto e os e as demáis tiveron que conformarse con vela de esguello dende a veira do prado coa acea por medio. Mellor iso que sair cunha pata coxa.

Falamos con unha veciña de San Paio que xa nos tiña o café preparado pero estragóuselle o muíño e tivemos que pasar sen él. 

O sendeiro estaba limpo de facía poucos días. Boa laboura do Concello de Baleira e que agradecemos xa que de non ser así, estaría intransitable.  Aínda arrecendía a ramaxe recén cortada. 

Agardábanos a fervenza máis fermosa na redonda e tamén a máis agachada e difícil de dar con ela. A fervenza da Ferrería onde se xuntan o Eo e o río de Cubilledo, nome que dá nome á parroquia ou a parroquia ao río!


Fixemos as fotos cos paraugas e máis cun canciño que nos acompañóu de bó grao.  Entre nós estaba a escritora castrovedense Ánxela Gracián e o seu fillo Manuel, de cinco anos. 

Dende alí, fomos tomando decisións segundo se nos presentaba o día e o roteiro. Non quixemos aventurarnos por sitios sen desbrozar e retornamos a San Paio polo mesmo carreiro.

Xa, nos coches, mollados ata a médula, fomos a Esgrade, outra aldea veciña onde nos agardaba Tino na súa casa natal onde agocha  todo un museo etnográfico coas cousas que conservóu da súa casa de labranza e criadora de bois que se exportaban a terras de León por camiños primitivos, case campo a través, e que duraba a viaxe quince días alomenos. Por iso se coñecía como a casa do boieiro pero que acabóu por chamarse a casa do medio, quizá por estar no medio das outras.


Cun hórreo restaurado e ben conservado, deixóu intactas as cuadras do gando xunto á cociña moderna e a antiga lareira na que nos tiña un lume preparado que nos soubo a gloria despois de virmos mollados e fríos, foi como entrar nun útero materno, acurrunchados uns cos outros/as, xurdiron as cancións de taberna de xeito espontáneo e, eu, marchei buscar o acordeón ao coche, que levaba preparado para tocar no nacemento do Eo, pero coa chuvia, houbera sido imposible. Aquel era o momento e nada me cortei en tocar, como boamente sei e puiden, algunhas pezas das nosas de antes.



Logo tocóulle o turno ao anfitrión, Tino, que nos explicóu moitos detalles da súa familia antepasada e do que alí acontecera, sendo él neno, que logo emigróu á cidade e agora convirte a casa nun museo e ponlle o nome TABERNA /POUSADA DO BOIEIRO.


Case me emociono ao ver o chinero da cociña feito por meu pai e máis o mostrador da cantina, que tanto se parece a que tiñamos nós en Fonteo.



Deixamos Esgrade, dende ónde pensabamos seguir para a Corte Vella pero como chovía e se achegaba a hora do xantar, fomos de volta para Fonteo para ver o nacemento do río Eo onde Manuel Muñiz nos leu varias páxinas do recén estreado libro de Manuel Vázquez, "O pracer da chuvia" nas que fala da Marronda, do Eo e das aldeas sen xente. Nunca mellor ocasión para falar dese pracer da chuvia que nos aloumiñóu toda a mañá e que nós recibimos como a terra a recibe, sabendo que non hai mal que por ben non veña.


Rematamos a xornada cun xantar de confraternidade nun restaurante de O Cádavo e coido que ninguén tivo queixa do día, nin da chuvia nin de mín, que organicei a ruta da mellor maneira posible.

Dixen que tiña un plan B por se chovía, e saíume ao encontro cando, onte, en Lugo, me atopei con Tino e nos suxiríu que foramos ata a súa casa museo. 

O mellor café que nos podía ofrecer, foi o lume na lareira, o fume, a gramalleira e o pote colgando e tantas e tantas cousas que evocan un pasado que me é ben coñecido. 


luns, 3 de xullo de 2023

I LOVE BREAKFAST TIME!

 



Nada coma empezar a xornada cun bó almorzo. Non ten que ser sempre o mesmo. Iso sería moi monótono e pouco beneficioso para a nosa saúde. Hai que variar, deixarse levar polo que o corpo che pide en cada momento. Saber entendelo e ir acorde con él.

Tamén é verdade que depende dos ingredintes que teñas á man. De nada serve querer comer algo que non tes na casa nen vas ter á primeira hora da mañán.

A min sempre me gustóu variar, incorporar alimentos novos, ler, ver e observar cómo almorza o mundo. Fíxome moito no que recomendan nas revistas de saúde, nas dietas doutras culturas e do que eu considero que pode ir ben ás necesidades, sobre todo, ás miñas. Non ten que ser igual para outros e outras. 

O da foto é algo que como habitualmente: despois de ter tomado, non sempre,  un vaso de auga con sementes de liño, mel, limón e levadura de cervexa e agardar unha media hora facendo outras cousas, o seguinte é tomar unha froita. Hoxe foi laranxa. Mentres todo isto vai circulando polo meu dixestivo, eu preparo té verde, normalmente, pero pode ser algún día, café, unha infusión...e tamén cociño para os meus animais.

Ultimamente, por mor dunha dieta que se me recomendóu, deixei de consumir trigo e paseime ao trigo sarraceno, que non é trigo, aclaro ben, é unha semente e non ten gluten. Pero para non deixar de lado o gluten totalmente, alterno con pan de millo, que xa sabemos que leva gluten porque se fai mesturado con trigo.

As torradas de hoxe, levan aceite de oliva, allo, aguacate, sardinillas, tofu e sementes de papoula.

Acompañéi con duas noces e kéfir de leite que elaboro con leite de cabra. E tamén duas tazas de té verde.

Atrás quedaron os meus estudos de nutrición e dietética, por correspondencia na Escola Mayo de Barcelona pero xa antes e despois seguín interesándome polo que comemos. Penso en tanta xente que non sabe o importante que é unha dieta axeitada a cada persona!

A miña netiña de cinco anos xa sabe ver nas etiquetas o que é ou non saudábel. Quedei impresionada!

A nós nada diso nos ensinaron na escola nin na casa. Agardo que as xeracións futuras saiban coidarse mellor do que nós o fixemos ate agora.

Dime que almorzas e direiche quen es!


Porridge de flocos de aveia, farelo de trigo, polenta italiana (expres) en leite de améndoa. Noces, dátiles, papoulas, ralladura de limón, algo de sal e acompañada dunha banana e kéfir. É outra das moitas opcións que teño para almorzar ou cear.