www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 15 de xullo de 2022

ENTRE FONTEO Y EL MAR



 


Fai unhos anos que caeu nas miñas mans un libro que non só me axudóu a superar unha gripe senón que me achegóu ao coñecemento do río que nace onde eu nacín, o río Eo.

O seu autor, ben alcumado "el señor del Eo", Cándido Sanjurjo Fernández, investigóu a fondo a traxectoria do río e déixanos 246 páxinas con historias e aconteceres, usos e trafegos no percurso das suas augas,  ENTRE FONTEO Y EL MAR, editado en 1995, publicacions do Principado de Asturias.
E non só detalla con todo interese e emoción senón que ilustra con fotos da súa autoría, a toda cor, con documentos, cantigas populares e algún poema como iste que aquí deixo.
 
VIENDO COMO NACE EL EO
(En lengua vernácula)

Vendo o Eo nacer, gorgoleando
como un neno que chora e se espreguicia,
cando nos pardos montes de Galicia
o ferruxento sol se vai deitando.

O rumor que a corriente vai deixando
baixo a ponte que o acolle con delicia,
mismamente parece dar noticia
alegre dir por este mundo andando.

Teus padres; a floresta e o castaño
danche o ser desta auga limpia e fina;
teu Padrín debe ser este reigaño.

Que parece decirche: -¡ Corre axina,
lévalle auga fresquiña e sin engaño
da terra de Santiago a da Santina!...














Nacemento do Eo antes e agora.









Onte fixen, de novo, o percorrido de Fonteo a Ribadeo, seguindo o Eo e cando paso polos lugares nos que él se detivo tanto a describir e falar do que acontecía neles, como aquel primeiro tren que levaba o ferro e a xente dende a Pontenova a Ribadeo, non podo menos que sentir aquela época a meu carón e ver que as xentes que nos precederon tiveron que traballar arreo para que hoxe teñamos todo o que temos.

San Tirso de Abres, A Veiga...lugares que me producen un sentimento de cercanía, de vencello ca nosa historia, río adentro, ate chegar ao mar, a ese mar que eu venero e ao que sempre me dirixo porque me acalma os sentidos.

Deixo unhas cantas fotos que me inspiróu o momento no que cheguéi  á praia de Arnao, nunha mañá tapada pola brétema e que dilue a paisaxe como nun soño.













martes, 12 de xullo de 2022

SOBRE RODAS



 Inspirada polo relato de Xesús Trashorras, "Mentres agonizo", que saca a colación as memorias no seu Dyane seis, non puiden menos que subir ao faiado e buscar nos álbuns de fotos, todas aquelas que tiveron que ver cos coches que me levaron polas aventuras mais aventuradas.

O meu primeiro coche foi o Dyane seis amarelo, cabriolé, (que seica é a palabra axeitada para descapotable). Nesa foto estabamos de acampada en Monte Louro, pola zona de Muros. Era cando tiña a escola en Fisterra. A tenda mercarámola en Andorra, unha amiga e mais eu e funme quedando eu con ela.



O meu Dyane, eu lavábao, peiteábao, cambiáballe as rodas, o aceite...Era o meu primeiro coche!
Despois de Fisterra funme a Londres, e quedóu un ano no garaxe en Fonteo. Non me lembro ónde o metín porque garaxe non había na casa. Debín gardalo na casa duns primos. Sí, así foi!




Coñecín aló a Barry, un tipo de orixe irlandés que vivía con outros mozos e mozas na casa de Crescent Rd. no East End de Londres. Era unha casa con back garden onde se facían as parties. 
Él tiña un Mini Morris, con incrustacións de madeira. Acostumabamos  ir nel ao centro. Barry era un condutor que facía trampas para pasar aos coches meténdose polas veirarúas ou daba oito voltas a unha rotonda se non decidiamos que rumbo tomar. 
Aproveitando que se quedara sen traballo, pensóu  virse a Galiza comigo e facelo no seu Morris, así que viñemos cargados de petates dentro e fora do coche.



Fixemos algunhas paradas por Francia. Levabamos tenda de campaña e faciamos camping libre, cociñando e lavándonos preto a algún río. Lémbrome de ter lavado a cabeza no río, e de ter un tendal de roupa colgada entre as árbres.

Cando chegamos aquí, démoslle un merecido descanso ao Morris e collemos o Dyane para irnos de xira por toda España. Barry quería coñecer o país. Así que fixemos todo o Mediterráneo. Lémbrome dunha noite de tronos e raios en Benicasin, metidos na tenda e degustando un polo asado. O que mellor me soubo en moito tempo! 

Logo fomos ao sul. En Almería paramos perto dun campo de golf. Él era aficionado a este deporte e co calor que facía, atopar un prado verde, supoño que sería un oáse naquel deserto. 

En Marbella, preguntamos se podiamos poñer a tenda nunha especie de xardín privado dalgunha institución, prometendo non deixar nin rastro de lixo. Sorte que nos deixaron!

Fixemos unha tortilla de patacas en pleno paseo marítimo de Marbella. Hoxe, a boa hora poderiamos facer tal cousa, pero a excentricidade de Barry espertaba simpatía entre a xente que consideraban aquilo como un `happening`, algo que chamaba a atención. So nos faltóu pasar a gorra!




Nunha subasta en Aduanas en Coruña, mercamos esta Morris Van  que Barry rerfixo completamente. Era moi handy man e sabía cambiar o motor ou reconstruir a chapa. Nesa furgoneta viaxamos moitas veces a Inglaterra dende Santander. Nunha desas viaxes eu agardaba o noso bebé, a xulgar polo vestido que me fixera miña nai, pódese intuir que xa tiña unhos mesiños.
Aproveitamos para casarnos alí tamén, e mesmo temos a furgoneta por testigo.




Volvemos  na Morris, escabullindo multas que nos querían poñer, non sei polo que fora, pero sei que convencín aos axentes e libramos de milagre. Era por Cantabria ou país Basco.
Temos fotos saíndo dos ferries.






Fotos por algunha praia do norte de Portugal. 
Logo naceu o noso fillo e seguimos facendo viaxes tanto na furgoneta como no Dyane. 




Iamos a Madrid, aos concertos. Eu conducía en carretera e Barry entendíase moi ben pola cidade, aínda que daquela non había GPS´s.

Cando vexo de novo estas fotos, lémbrome dunha etapa da miña vida que puido ser duradeira pero non todo acaba como comeza. Foron tempos moi felices pero a felicidade é algo moi fráxil. Podo dicir que houbo cousas boas e non tanto.




Ao noso fillo gustáballe moito ir no Dyane pero case sempre ía chorando! Un día, que iamos os dous sos, él atrás, na súa cadeira, non paraba de chorar e eu púxenme moi nervosa. Debín facer algo raro na estrada que nos pararon os de tráfico. Eu expliqueilles que o neno choraba incansablemente todo o viaxe e que me poñía moi nervosa. Aconselláronme parar ate que se calmase e non me multaron tampouco aquela vez.

Logo tiven mais coches, pero xa nonos tratei tan ben. O Dyane marcóu un capítulo na miña vida. 
Andado o tempo, o meu fillo quería facerse con ún, cando xa apenas quedaban. Quiteillo da cabeza.
Era un coche que "afalándolle" daba de sí e adiantaba autos mellores costa arriba. Sobre todo se o conducía o meu compañeiro, de quén aprendín certos trucos na conducción.

Adícolle este post a J. Barry Evans, actualmente residente en Dover.






 Dyane  era un todo terreno,
tanto na Baqueriza nevada,
nas curvas  da Fonsagrada,
con seis cabalos galopaba

luns, 11 de xullo de 2022

UNHA MAÑÁ COSTEIRA

 


Cando cheguéi á praia só había outro coche aparcado. O seu ocupante tampouco se decidía a apearse. A bruma costeira cubría todo e daba un aspecto de incertidume, mesmo de certa desconfianza. A min gústanme as praias pouco concurridas pero, ésta, ademáis, está no fondo duns cantíns. Cambiei o coche de sitio, pensando, incluso, en dar a volta, despois dunha hora de camiño para chegar ata alí. Agardei a ver se chegaba mais xente e así aconteceu. Cando chegaron algunhas outras persoas, baixeime e dirixinme escaleiras abaixo ata a praia. 
A temperatura ambiental era moi agradable, mesmo tirando a fresca. Nada que ver cos case 43º que anunciaban para o día de hoxe. Probei a auga e sentína tépeda. Estaba empezando a subir a marea. Nesa praia apenas queda sitio cando a marea está chea, así que tiven sorte e ata atopei unhas gafas de buceo que traían as ondas.
 

Aproveitei para camiñar pola area antes de que non houbera sitio. Unha parella descolgábase polas rochas. Ela non estaba afeita e parecía que ía perder o equilibrio dun momento a outro. Él non tratóu de axudarlle. Tomeino como que era un home da nova masculinidade, ou sexa, que non se amosa protector.
Tiven curiosidade e necesidade de usar o WC que hai nesta praia. Subín as longas escaleiras de novo, e alo me fun, non moi segura de que estiveran tan sequera aberto. Pero sí! E a miña sorpresa foi ver que era de nova construcción, que xa non se parecía en nada ao que había antes. Tres portas: donas, cabaleiros e xente con discapacidade. Ao entrar vin todo ben limpo, con papel, xabón, espello, unha nota aconsellando a limpeza de mans, o chan limpo, taza nova e todo en metal e dunha peza, polo tanto non había que levantar ou baixar tapas nin  tocalo coas mans. Loei que na comunidade asturiana, tan veciña nosa, fixesen as cousas con mais esmero e interese. Todo para que a xente non faga as suas cousas na praia. Pois aínda así, vin como as covas que hai nos cantís, servían para o mesmo que antes. 


O día ía mellorando en todo, veu mais xente, non moita, había un bo retrete, atopei unhas gafas, a auga estaba como para meterse nela... en fín, a viaxe pagara a pena. E ademais, gústame ese sitio porque non lonxe dalí hai unha área recreativa na que se pode comer á sombra, colgar a hamaca nas arbres...
Ten un camiño a pé de costa cunhas vistas admirables e ademais, é o traxecto mais curto para achegarme ao mar. As duchas son boas, tamén para pés. Está ben vixiada por socorristas activos que pasean pola mesma ribeira e fíxanse nos e nas que están nadando...


Era case a 1:00 cando decidín emprender o camiño de volta para xantar na casa. Facía un calor xa que se asaban os paxaros no ar. A min non me gusta o ar acondicionado no coche. Con música e con auga, fun facendo a travesía, desexando chegar para meterme neste bunker de verán, que é a miña casa de pedra. Se algo ten de bo é que nestas temperaturas extremas, estáse como nunha cova.


E acabo con aquel trabalinguas que inventei un día a pé de camiño:

Cústame ir á costa
e cando ás costas lles custa ir á costa,
hai que darlle as costas á costa.

sábado, 9 de xullo de 2022

FORGIVEN NOT FORGOTTEN


 Un placer camiñar

entre luz e sombra

na frescura da tarde

coa Noa, amodiño

sentindo o silenzo

e a brisa suave

que abala con tenrura

a frondosa espesura

á veira do camiño.

O río invadido

de perexel salvaxe,

espello das arbres,

vai ledo e lizgairo

levando as súas augas

limpas, cristalinas,

case conxeladas.

É o Eo, no Ríogrande,

onde os carros de vacas

carregados pasaban

coa leña para o lume

e as nais lavaban

e eu, de pedra en pedra,

saltaba e saltaba...

Onde eu dicía "as palabras"

so pena de afogar na auga.

"Forgiven not forgotten"




martes, 5 de xullo de 2022

CLAFOUTIS DE CEREIXAS

 



O meu clafoutis de cereixas,

pasiño a paso, con amor,

foise facendo no forno

e nada sei do seu sabor.




As cereixas, un agasallo

que os visitantes deixaron.

O resto púxeno eu,

que sempre teño gardado.




Golos@s xa sei que sodes,

a xulgar polas visitas.

Cada vez que saco un doce,

o facebook  está que reloce.




Como a galiña do conto,

axiña vou preguntar:

Se queredes comer doce

a facelo hai que axudar!


E agora a receita que tomei do blog da nosa amiga e gran cociñeira, Kasioles.

Precisamos:

Molde de 23cm. desmontable (preferentemente)

350 gr. de cereixas

3 ovos

125 gr. azucre

62,5 gr. fariña trigo e 62,5 améndoa moída  (tipo fariña de améndoa)

250 ml. leite

Azucre glass


Preparación:

Forrar molde con papel de forno

Prequentar forno a 180 º


Dividir as cereixas pola metade para quitar as croias

Cubrir fondo do molde con elas co corte para abaixo, (pódese repetir tanda pero eu so puxen unha)

Nun bol mesturar os tres ovos co azucre ate ben traballado

Ir engadindo as fariñas de trigo e améndoa (mesturadas) pouco a pouco. (eu tamiceinas)

Ir engadindo o leite aos poucos ata conseguir unha mestura lixeira, sen consistencia

Volcar suavemente por enriba das cereixas no molde

Fornear uns 40 minutos, arriba/abaixo ( eu comprobei se saía limpo cun coitelo)

Retirar do forno, deixar temperar sobre reixa antes de desmoldar

Adornar con tres cereixas e azucre glass  (avainillado)