www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 26 de decembro de 2021

ROTEIRO POLO CAMIÑO PRIMITIVO: Soutomerille



 


Coas asociacións Amigos do Patrimonio de Castroverde e Pasada das Cabras de Burela iniciamos un percorrido dende Castroverde, seguindo o Camiño Primitivo, o mais antigo camiño a Santiago de Compostela e un dos mais populares a día de hoxe polo seu interese paisaxístico e por ser un dos mais rectos, e dicir, que non se anda con rodeos, aínda que sí, ten algúns tramos desviados do orixinal.
Non era a primeira vez que o andivemos nin será a última, agardemos!
Para mín, é sempre novo porque cando imos en grupo apenas me fixo por onde vou, de tal xeito que non consigo aprendelo por min misma e eso cáusame problemas se intentara facelo en solitario, claro que ten indicacións pero eu son tan distraída que, as veces, collo por onde non é.
De todos modos, non sempre se ven as cousas da mesma maneira, ao igual que podo ler un libro que xa lera no pasado e non me soa de nada, igualiño que se fose a primeira vez.
Pois igual me ocurre cos sendeiros. 
O mais interesante que temos neste traxecto é Soutomerille. Ali consérvanse, medio en ruínas, un pazo, unha igrexa e un cemiterio todos eles de un grande valor histórico e patrimonial.
O cemiterio so ten tres panteóns. Considérase un dos mais pequenos de Galiza. O seu estado de conservación é bastante aceptable. 



A igrexa é prerománica e de orixe visigótica ou mozárabe a xulgar pola fiestra con arcos de ferradura. Foi reformada en 1619 segundo a inscripción que hai sobre a porta  e tamén se conserva bastante ben. Non está en uso. As poucas casas que formaban esa parroquia foron desaparecendo, como o irán facendo tantas outras da nosa Galiza despoboada que xa se convirten en aldeas pantasma.
Unha propiedade que aínda conservaba algún alpendre foi mercada por un paisano de Valladolid. Está situada xunto a un río e unha canteira de area que deixóu zonas lacustres ao seu redor e o novo propietario considera que a auga acadará prezo de ouro no futuro, polo que coida fixo unha boa inversión.

Despois de admirar estas reliquias do pasado e de darlle honores a un castañeiro centenario que se conserva perto da igrexa e que tivo mellor sorte co seu compañeiro que caéu e agora convertíuse en monumento xunto ao albergue de peregrinos en Castroverde e non por arte de maxia, senón polo empeño que puxo a Asociación en que así fose.
Logo dun traxecto por lugares idílicos e outonais entre prados e carballeiras, chegamos a unha pousada de peregrinos: A Pociña de Muñiz, onde nos agardaba un café de media mañá e petiscos variados caseiros que degustamos con sumo placer alí no porche e espaciado curral que fora antano e que garda lembranzas dos apeiros utilizados na casa labrega galega.



Despois dese alto no camiño e de agradecer a deferencia que tiveron con nós, continuamos o camiño ata final de ruta, onde nos agardaban os autobuses que nos levarían de volta a Castroverde e a outros a un restaurante de A Fonsagrada onde degustarían un auténtico cocido galego.





Banda de gaitas Zucurrundullo (Castroverde)

mércores, 22 de decembro de 2021

O APALPADOR

 


Entre o 20 e 23 de decembro, no Hemisferio Norte, entramos no Solsticio de Inverno que no mundo celta era o Yule. Estes cambios estacionais eran celebrados de maneira especial con festexos, rituais e ofrendas que logo darían paso aos agasallos actuais.

Aquí na Galiza, tiñamos un persoeiro moi curioso de aspecto xigantesco, barba vermella e vestimenta con moitos remendos, na chaqueta sobre todo,  que representaba o que Papá Noel, ou Santa Claus, nos países nórdicos ou a bruxa Befana en Italia veñen a representar agora no mundo globalizado pero que se mantivo un tanto oculto e descoñecido a raíz de que se impuxo a moda de adoptar persoeiros doutra orixe como os Reis Magos de Oriente, anos atrás, e mais recentemente o home das barbas brancas.

O Apalpador, era un carboeiro, que vivía nas montañas luguesas, (de Lugo) e que unha ou duas veces ó ano, coincidindo co Solsticio de Inverno, baixaba a asegurarse que os e as mais cativos non pasasen fame e traíalles unhas castañas quentes, ou asadas como agasallo  alén de enredos feitos con madeira para quenes se tiveran portado ben e estiveran mais mantidiños, e dicir, que tivesen a barriga mais chea, de ahí o seu nome Apalpador pois era o primeiro que apalpaba para saber se comeran ben.

Tamén se coñece un vello ritual que consistía en manter aceso na lareira un madeiro de carballo, ao que chamaban Natarego, durante o Solsticio de Inverno até o Ano  Novo, ao que logo se lle daba outros usos ao longo do ano, acendéndoo en caso de treboadas, para curar o  gando ou como fertilizante nas terras. Esta tradición, data do S XII ata o S XIX e principio do S XX e estaba moi estendida por toda Europa.


Este tronco de nadal, elaborado pola amiga e lectora do meu blog, Iria, representa o Natarego. A receta coido que a encontrou por terras do Courel da nosa provincia de Lugo, de onde O Apalpador ten orixe.

Onte, en Santiago de Compostela, participei nun pasarúas organizado pola "Escola de Ensino Galego", que percorreu a zona vella da cidade, con música, escenificacións, bailes e cantigas, a golpe de tambores e candeas de pau acesas  e repartindo folletos informativos sobre O Apalpador  para espallalo e dalo a coñecer como algo noso, local e á man.

Tal vez sexa hora de ir trocando ídolos alleos polos propios, como ocorre co Halloween, que non é outro que o noso Samaín.

Entre tanta confusión e competencia, xa non sabemos a quén pedirlle os agasallos e ao igual co que pasa coa lingua, haberá partidarios e partidarias de uns ou de outros e ao fin e o cabo, trátase de consumir mais da conta e encher as casas de cousas que acaban no lixo unhos días despois.

Gustóume a mensaxe do Apalpador : o mellor agasallo é o amor, a ledicia, o coidarnos mutuamente e querernos, ter harmonía, paz e saber apreciar as pequenas cousas, a natureza e todo o bon que nos rodea e que é de balde.

BON SOLSTICIO DE INVERNO!






sábado, 11 de decembro de 2021

MADALENAS DE CABAZA



 Creo nos días máxicos. Días nos que a enerxía flue e convírtese en resultados sorpresa. Unha simple saída, sen chuvia, á cidade mais próxima. Compras de comida. Piscina para rematar a mañá. Unha rúa para min soa. Menos de dez persoas nadando. Como a min me gusta! Retorno sen problemas. Xantar xa  feito. Sobremesa con lectura de Almudena Grandes, "Atlas de geografía humana". Paseo a boa marcha con e sin Noa. Bo lume para quentarse. Moitas horas de sono, cousa rara! E acordar con enerxía, con ilusión, con auga quente, con ganas de cociñar... TODO FORNO!

Despois de preparar o que sería o meu xantar, (almorzo en portugués) consistente en un codillo de porco asado xunto con patacas, cenorias e cabaza, todo asado, decidín seguir utilizando ese medio de cociñar e fixen as madalenas que me dixeran que saíran moi boas da outra vez que as fixera. Foi unha receta que encontrei en Internet, e quitándolle a metade de azucre recomendada, quedaron ao meu gusto.

Deixo aquí a receta:

Ingredintes:

365 gr de cabaza asada./ 80gr. aceite oliva extra virxe. /culleradiña de extracto de vainilla./ 2 ovos tamaño 2. e TRITURAR.

180gr fariña espelta branca (eu puxen metade integral)./ 200gr azucar moreno (puxen 100gr)./ 7gr bicarbonato sódico. / 1culleradiña de café de sal. / 5gr canela en pó. / MESTURAR BEN

Engadir á mezcla de cabaza e ovos, mezclando ben.

 Poñer nos moldes (so ata a metade). Fornear 50 min. (no meu forno xa estaban en 15 min.) Pinchar cun palillo e se sae seco, están. Forno arriba/abaixo a 180º (eu puxen a 150 ou menos). Enfriar sobre rexilla 15min.

Bañarlles a cabeza en chocolate negro previamente derretido cun pouco de manteiga no microhondas. Gardar na neveira 15 min ata que enfríe o topping de chocolate e xa as podemos PROBAR!






Feitas con amor

para alegrar o día.

De cabaza laranxa

con canela e vainilla.

Con top de chocolate

van estar de remate.

BON APPÉTIT!


sábado, 4 de decembro de 2021

CHUTNEY DE CEBOLA




 Que perfecta é a cebola

como loce, como mola

e caramelizada

delicia conservada.

Beneficiosa  calada,

capa sobre capa,

sempre abrigada.

Cruda ou en chutney

favorita de Bob Marley.

Contigo pan e cebola,

din os enamorados...

Co tempo tod@s el@s

acaban decepcionad@s.

Dunhas bágoas agridoces

ninguén te vai librar

cando con cebolas

se che ocurra tratar.







THE END


Joan Manuel Serrat cantando Nanas de la cebolla, poema de Miguel Hernández



domingo, 28 de novembro de 2021

O XISTRAL XISTROU!

 


A Serra do Xistral, está ao noroeste da provincia de Lugo. Próxima a Viveiro. Componse de montañas de formas redondeadas e suaves, como se fose a  versión feminina das serras mais orientais: o Caurel ou os  Ancares. Son bastante escarpadas ou espidas e deixan amplos e luminosos vales nos que predomina o Pinus Pinaster e pastizais nos que poden verse vacas e cabalos en liberdade.

É importante como grande reserva de carbono, debido ás suas extensas turbeiras, o cal é un recurso moi útil na loita contra o cambio climático. Por eso, se está a desenvolver un proxecto para protexer esta zona, en consonancia cas Comunidades de Monte en Man Común, coidando de manter o seu estado virxe e libre de contaminación e de impactos medioambientais.


A súa elevación mais importante sobrepasa pouco os mil metros de altura e nas suas lomas ou montañas pode verse unha sementeira de xeradores eólicos, apiñados, a veces, como un racimo de uvas, e distribuidos, outras, ao longo das suas elevacións. 

Non é de extrañar que escollesen este sitio tan venteiro ao que chegan correntes húmidas e xélidas procedentes do Cantábrico e do Atlántico. Estes ventos chamados xistres, azoutan a zona arrastando chuvia, saraiba, nevarisca e creando humedais que favorecen unha vexetación moi característica e axudan á formación de turbeiras, onde a materia orgánica non se descompón ao completo e de ahí esa acumulación de carbono nas súas entrañas.



Chegamos ata alí, percorrendo en bus e logo a pé, o seu val mais importante. Acompañados de personal do Proxecto LIFE IN COMMON LAND quenes nos foron explicando paso a paso todos os pormenores desta interesante acción de conservación desta serra, facendo paradas sobre o terreo para ver de preto algúns dos traballos realizados con sumo coidado de non causar estragos meioambientais, usando animais e trineos para o transporte de árbores e nunca aparellos mais agresivos.

O tempo foi variado nese curto percorrido, dende vento que nos tumbaba, saraiba e nevarisca. Emparapetad@s diante dos parachuvas, impermeables, gorros, tapabocas...foi unha experencia que pagou a pena.



Tiven a sorte de poder acompañarme da familia, netas incluídas, que fixeron aínda mais atraínte a aventura. Coa pouca neve que puideron recoller, deu para un boneco de neve, de forma redonda. Eso sí, con boca, ollos e nariz.

Arriba agardaban os autobuses para recollernos e levarnos polas inumerables pistas que surcan o territorio.

Chegamos ó sitio de partida, O Viveiró, onde nos agardaba un xantar ben desexado. O meu soño era que empezase por algo quente, despois de tanto frío que pasamos, pero non foi así.



Un entremés de embutidos e queixo, un pan moi rico e fresco....Despois ameixas á mariñeira, para sentir a cercanía do mar, seguido dun arroz con algo de polo, que sabía moi ben e que nos fixo pensar que sería o último prato. Pois non, apareceu o caldo, (na mesa había prato fondo e culler),  aparecéu pero en cuarto orde, cando debería ser en primeiro. E se alguén pensara, como eu pensei) que o caldo poñería punto e final ao  menú, estaría ben equivocad@. Xusto cando decidín emprender o camiño de volta, por mor de non atoparme coa noite na estrada, empezaron a repartir o cocido....

A miña familia seguíu alí ata o final e tiven noticia deles, mediante fotos, que despois do abundante cocido, ainda se lles servíu un estofado de carne con pataquiñas ben xeitosas ao carón. Mais a sobremesa e o café.

Eu xa non ía probar mais nada pero, a pesar de que todo estaba moi ben cociñado e rico, non me convencéu o orde no que foi servido.  Claro que, " a cabalo regalado, non lle mires os dentes".

Foi unha deferencia das e dos organizadores desta viaxe  dentro do programa mencionado no que colaboran a Deputación de Lugo e a Universidade de A Coruña como unha saída de campo co fin de estudar e divulgar o proxecto para que outras zonas desenvolvan este tipo de accións meioambientais.

Todo é ben se ben acaba, e a pesares da época do ano e da climatoloxía, "non te deitarás sen saber unha cousa mais".




venres, 26 de novembro de 2021

PETISCOS POÉTICOS

 

Un plato ben emplatado

fai do sinxelo, un manxar!

Tamén me ven de familia

o sabelo presentar.

E mentres o plato merma,

o poema vai medrando.

Enerxía trasformada,

Todo flue, nada cambia-


Desfruto vendo este pedazo de lúa xunto a unha estrela veciña que a acompaña e mais outra na distancia.

         O lume fai un ruidiño amoroso, sinal de que está ledo.

         E mentres, o lusco fusco separa o día da noite cun azul intenso, penso que non preciso de mais.


Son poeta de baixa intensidade, 

non arraso por onde paso,

inspiro o ar de xurro perfumado

e mentres, ollo para outro lado.


Calma absoluta nesta mañá.

                                                                          Os papaventos parados.

O millo para recoller

e o soliño a aquecer.

Qué pracer, qué pracer!


My dear meat pie,

here you are

ready to eat,

not all at once!

Guests are not yet,

so I will keep you

for when they come



Os camiños do meu andar,

vellos camiños de carro,

polos que vou de vagar

en calquer intre do ano.



Gústame este acougo.

Un ceo sen sorpresas.

A calma do outono.

A morneza do sol

que nos prepara

para o que veña.


Abrindo o día con fortes ondas,

viñen papar o mar,

que me orballe,

me cubra de escuma,

de acompasados sons,

de correntes atraíntes

que me reguen as veas,

de cores que me ollen

e se deixen ollar,

que me avisen do perigo,

de querelo probar.

Este atraínte mar 

quero conquistar.





venres, 12 de novembro de 2021

O ALMORZO IMPORTA!


 Un bo almorzo da enerxía para todo o día. Un repaso polos almorzos da miña vida.

No rural galego, a xente traballaba de sol a sol. Comezaba cedo o día para atender a súa facenda. Primeiro os animais e logo a xente. 

Algún comezaba cunha copiña de caña (augardente) para quentar o corpo nas frías mañáns de inverno.

Cando os animais estaban atendidos, sentábanse a comer un almorzo que podía consistir, segundo os días, os hábitos de cada casa, nun caldo de rustrido feito con patacas picadas, cebola e un refrito de allo con pementón doce.

Outra xente almorzaban unha boa taza de café con leite e sopas de pan remolladas nél. Ese era o que mais se mantivo no tempo, pasando de xeración a xeración e aínda hai quen o toma.

Cando había tempo, facíanse as sopas de allo. Había que poñer rafas de pan de centeo nunha taza. Cubrir con auga ben quente. Deixar que remollaran ben e logo, se fose necerario, escurrir a sobrante. Preparar un refrito con allo e pemento doce que se poñía por enriba das sopas. Engadir azucar e, sen remexer nada, deixar a taza sobre a plancha de ferro na cociña de leña ata que se torrase un pouco por abaixo. Unha delicia que lembro con nostalxia.

No tempo dos traballos no monte, como cavar, segar, preparar a terra etc. acostumábase a levarlles ous homes as once. Unha ringleira de mulleres con cestas na cabeza subían polos carreiros que as levaban xunto aos seus. Era como unha merenda na que non faltaban chourizos, touciño, pan, queixo , chulas... e o viño xa o tiñan eles nas botas de pel das que se acanillaba separando a bota e deixando que un chorro contínuo fose gorxa abaixo. Esto era como un festexo porque, polo xeral, traballábase en rogas, coa axuda de veciños. 

Ao almorzo tamén se lle chamaba a parva. Non sei ben o por qué deste nome. 

Pasando ao meu desaiuno de nena, cando xa ía á escola, direi que, como na nosa casa tiñamos taberna e había de todo, dábanme un paquete de galletas tostadas que eu mollaba no leite collendo de seis en seis para que pareceran un bizcoito e me rendiran na boca. Un paquete ao día era moito! De vez en cando, un ponche que se facía cun ovo batido, engadindo viño de Sanson, ou café con leite.

Aos domingos, antes de ir á misa, tomabamos algo lixeiro pero ao volver, miña nai sempre facía unha tortilla á francesa que levaba cebola, ou quentabamos os cachelos que sobraran da noite, cortados en cachos pequenos e con cebola e, cando os había, algúns roxóns...

Outras veces, a xente facía papas para o almorzo. Estaban moi boas, quentiñas e espesas. Feitas con leite e fariña da que había na casa. Nalgúns lugares facíanas de millo. Unha amiga, contóume que as mulleres que estaban para parir, preparaban un bo lume na lareira e un bo pote de papas, e alí tiña lugar o parto. 

Contáronme que pola zona da montaña luguesa, Caurel, Ancares, a xente almorzaba a base de pan con chourizo, xamón, ovos, queixo remasado que levaba augardente na súa preparación e picaba un pouco. Coñecín ese queixo! Cun trinco de queixo e unha copiña de augardente, xa ía o corpo disposto para o traballo.

Os meus almorzos foron cambiando ao longo da miña vida. Cando estiven noutros países, fun adoitando os que a xente facía. Un dos que mais me chamóu a atención foi o English breakfast, do que aínda uso algunhas receitas como os scrambled eggs ou os  three minutes boild egg ou o seu delicioso almorzo a base de bacon, egg, baked beens, toast, cup of tea...Ou tamén o porridge ou os cereais con leite, torradas con manteiga e marmelada...

Deixo, a modo de anécdota, o que me contaron de cómo dous irlandeses que compartían aloxamento nunha pequena vila dos Apeninos, almorzaban ovos fritidos cada mañá, incluso cando tiveron que levantarse ás 5 am  para ir ver os ursos.  

Sen despreciar os cruasans con unha taza de café con leite cando me tocóu pasar por París.

Tamén nas vendimas, en Francia, souben apreciar os bos almorzos a base de foie gras, queixo de camenbert, salami...etc.

Para min, o almorzo, segue a ser a comida mais importante do día. Por eso, é case un ritual de mañá, na que vou dividindo o tempo entre o primeiro vaso de auga con limón, sementes de lino en remollo, levadura de cervexa, pasada media hora, a froita, e logo as torradas con diferentes tops ( marmelo, pavo, queixo) ou ( aguacate, sardiñas, sementes varias, tofu ou queixo de cabra), sempre poño nas torradas aceite de oliva e allo, logo todo o que se me ocurra. Acompañado dun té verde xaponés ou café con leite.

Lembro que nas clases de inglés que impartía e para propiciar unha conversa nese idioma, preguntaba ao alumnado qué tomaran de almorzo. Había de todo pero predominaban os almorzos "pobres" e non porque non tiveran con qué, senón, por falta de hábitos, por falta de tempo, por ignorancia... Pero notábase no rendimento e predisposición ante o traballo escolar.

Non son quén para dar consellos pero quixera, dende aquí, convidar á xente a mellorar o seu almorzo. Verán a vitalidade que gañan!.



Un dos meus favoritos: All bran, flocos de aveia e trigo sarraceno, con noces, froitos secos, froitas frescas e kéfir caseiro.


Outro dos meus habituais. Montadiños torrados con diferentes tops.


martes, 9 de novembro de 2021

CAMIÑANDO O OUTONO





Nesta mañá de néboa interior,

seguindo o soar do Eo,

cantareiro e ledo

dibuxamos un círculo

no noso camiñar,

para abrazalo,

sentir o seu pulso,

deternos nas cores

deste outono solleiro.

Partimos de Fonteo,

deixando a acea a un lado, 

adentrándonos no Carballal.

As barbas de frade a remollar,

son sinal de bosque san.

Non te deitarás sen saber

unha cousa mais.

As árbores pousan para nós,

déixanse retratar, 

fachendosas das suas cores.

a quen mais ha de impactar!

Calade, que para todas hai!

Viramos en San Paio,

na ladeira que  ten sol, 

ata chegar ao Real

onde non ladran os cans 

e as casas están de bo ver.

pedra vista,  como ten que ser.

E nos, coas pilas cargadas,

fotos e fotos gardadas,

atravesamos Basín

pasando por Pena Cobreira

cobixo da Xenoveva,

chegamos a onde empezamos,

a Fonteo.











mércores, 27 de outubro de 2021

COUSAS DO FAIADO

 


supercalifragilisticoespialidoso  esternocleidomastoideo.... son palabras que se perderon no tempo dos meus anos de academia de mecanografía e taquigrafía en Lugo.

A miña primeira Olivetti, e a única máquina de escribir que tiven, escribiu os meus primeiros poemas alá polos finais dos anos sesenta, principios dos setenta.

Hoxe, repousa felizmente no faiado, agardando que pase o tempo e alguen  pouse os ollos nela e tamen as mans para ver como funcionaba o aparello que nos redimiu de escribir á man e nos uniformou coa letra impresa.

Pero eu non quería falar da máquina de escribir, senon das primeiras revistas que tiven na miña xuventude e dos contos que viñan nas tabletas do chocolate.

Un primo meu, agasalloume, por reis, cunha subscrición á revista Readers Digest, por un ano ou  mais.

Funas coleccionando e encuadernando nunhas tapas que mandaban ca revista.  A foto xa di bastante!


Cando meu pai viaxaba a Lugo facer compra para vendermos na nosa tenda, sempre me traía pasteis "recen feitos", que así os pedía el para a sua nena,  que lle gustaban moito. Pero xa, mais adiante, eu quería que me trouxera unha revista. Non sabía de ningunha en especial, así que, el, mercaba "La Actualidad" e, a min, que era de boa conformidade, gustábame esa revista.



 Logo, cando xa marchei estudar á cidade, entrei en contacto con outro tipo de revistas, un tanto  "underground", como Ajo Blanco, editada en Catalunya e que ía moi ben coa miña forma de pensar e vivir, pois era unha revista que rompía co establecido, era diferente...




E, como unhas cousas pedían outras, susbcribinme á revista Integral que tamén se editaba en Catalunya. Os temas que trataba eran interesantes. Alimentación natural, comunas, contracultura, vida sa...

Cheguei aos días de hoxe con ela. Aínda a merco de vez en cando ou leo na biblioteca pero xa non é o que foi nos primeiros tempos.  Gardo, eso si, unha boa morea delas no faiado.


Pero, falando de faiado, onde eu lía aqueles contos clásicos que viñan nas tabletas de chocolate Carmiña, un chocolate elaborado en Lugo, penso, como o café Candelas, eu non gardei ningún daqueles mini libros pero sí que vin un nunha tenda de antigüidades  e que tiña o prezo de 100 pesetas de daquela.


Todo o que puiden encontrar en Internet foi esta foto que da idea de como eran aqueles contos. Hoxe, gustaríame poder telos e lérllelos ás miñas netas, pero recoñezo que son contos que tiveron a súa razón de ser, noutra época e que, quizais non vaian ben nos nosos tempos, xa que son contos un tanto machistas.

E despois diste repaso polas miñas primeiras lecturas, case me atrevo a dicir:

SOMOS O QUE LEMOS, O QUE COMEMOS, O COMO NOS CRIAMOS...

domingo, 24 de outubro de 2021

LIXO CREATIVO

O "Camarada" X, ten todo o tempo para sembrar o monte de figuras. Unhas son aproveitadas de madeiras con formas, que él decide o que van ser, outras son obxectos en desuso cos que crea e recrea historias que teñen que ver co mundo que o rodea. Así atopamos peixeiras, pescadores, barcos, arados de ferro, autobuses... que el transforma en esceas nun mini escenario onde se representan, co seu decorado correspondente, como xardíns, pozas de auga que son mares onde o pescador vota a sua cana, ou cervos que corretean polos prados...

Todo o bosque parece un lugar de encantamento: arpas, troncos con deseños, ou con bolboretas xigantes aleteando colgadas das árbres...

Un lugar, preto do mar, no meio dunha paisaxe virxe, sen outros seres que o habiten mais que os imaxinados por este artista, que se fai chamar "Camarada" e do que se puidera pensar que se trata dun louco, dun excéntrico... Lémbrome de Man, o home de Camelle, que construía esculturas usando os cantos rodados que o mar deixaba na beiramar, onde habitaba, tamén, nunha casa construída de refugallos, de lixos varios que él artellaba da maneira mais artística e sinxela, pero que non faría calquera de nós,