Despois de ler este libro, non precisei pensar moito para darme conta de que os nenos e nenas de hoxe en día, sobre todo aqueles e aquelas que viven nas cidades, precisan urxentemente volver á Natureza e sentir que teñen os pes e as mans na terra, nas árbores, na auga e que poden e deben xogar cos elementos naturais que lles estan vedados, ás veces por ese costume imposto por unha sociedade onde o aséptico é unha regra de hixiene que hai que manter a toda consta.
Pois, onte, tiven a oportunidade de asistir a unha celebración de aniversario das miñas netas, en plena natureza, na que viven, posto que viven no rural baleirado e onde apenas hai outros nenos ou nenas da súa edade.
Coincidindo coa súa primeira inmersión na escola pública, (pois antes tiveron escola na casa onde pai e nai fixeron de mestres ata xa ben avanzados os estudos primarios), convidaron a todas as novas amizades que fixeron na escola do seu concello.
A festa tiña moitas partes. Un programa ben organizado que se levóu a cabo coa colaboración de pais, nais dos e das convidados.
Foron chegando arredor das catro da tarde a aldea e no lugar indicado para a festa, explicouse o plan:
Primeiramente había que sair a percoller o lugar e ir seguindo as indicacións que os levarían a atopar un tesouro.
Metidos xa por unha corredoira, na fraga, atopamos a bruxa Pitoña que nos estaba agardando carregada de fardelos e outras quincallas.
Ela empezóu a darnos as súas explicacións para poder chegar felizmente ao agardado tesouro. Amosábase moi eisixente e poñíanolo un tanto complicado, a base de notiñas que os nenos e nenas tiñan que ir lendo porque ela non sabía nada de ler palabras escritas, só sabía ler nos garabullos que levaba na faldriqueira.
De seguida lle puxo catro trapos a unha voluntaria que faría de axudanta de bruxa e foi a que leu a primeira nota que nos mandaba ir ata a primeira volta do camiño e alí buscar algún dos bechos que se precisaban para facer unha pócema. Os bechos eran tres sapos, tres serpes, moco de murcego e fiuncho, (herba que se lle pon ás castañas cocidas para aromatizalas e que medra nas veiras dos camiños) pero non estaban todos nun sitio, había que ir e vir e facer sumas e restas e tirarlle das orellas á bruxa para sacarlle os paus que escondera e que ela interpretaba ou lía. Total, que nos fixo, ler, calcular, e tamén nos deu outros consellos para non caer en trampas, que hoxe está o mundo cheo delas.
Había que consultar tamén cun zorro que vive na fraga e tivemos que chamalo o berros ata que nos escoitóu e logo veunos dar algunhas pistas que precisabamos. Era un zorriño moi amable e ben falado.
Logo de atopar os requeridos ingredintes escondidos nos sitios menos pensados: debaixo das follas, subidos nunha árbore...
Faltábanos ir buscar ao espantallo Froilán que estaba nunha horta da aldea coidando de que os paxaros non comeran o que era para a xente. Uniuse á comitiva e encamiñámonos para o lugar da festa onde estaba o caldeiro da bruxa agardando para facermos a pócema.
Fomos metendo nel todos os bechos, remexendo e remexendo e por se eso fose pouco tivemos que aprender as palabras máxicas que non nos saíron ben á primeira, nin a segunda, nin a terceira, e mesmo tivemos que ensaiar unha chea de veces ata que por fin, a cousa funcionóu e dalí saían cousas malas, ao primeiro, cousas que non había que probar así porque sí, xa que podían ser dañinas para a nosa saúde. Pero tamén saíron outras que viñan envasadas en tarriños de cristal e tiñan unha cor como de chocolate, e estaban quentes, e ulían ben, a chocolate...e entón SÍ, aquelo podía beberse!
Aínda nos faltaba dar co tesouro e non sabiamos como seguiría aquela busca, pero, en principio servíunos para repoñer forzas despois da andaina e de tanto ler e calcular facendo sumas e restas para sacar sempre o resultado cero. Tiñamos xa dous ceros e quizá o terceiro nos levase ao tesouro.
Non sei ben como se chegóu a él pero apareceu alí na porta do garaxe unha gran maleta. Abrímola e dentro había tantos paquetes cos nomes dos e das asistentes, que mesmo parecía que eran os agasallos do apalpador. Colléu cada quen o seu e abrírono. Dentro viñan cousas para comer, libretiñas para escribir e outros enredos.
Felices e contentos/as, pasamos xa a merendar a gran banquetada que nos tiñan preparada para toda a xente pequena e grande na que non faltóu de nada, bocatas, doces, froita, gominolas, patacas fritas, zumes, empanadas... e unha enorme torta de chocolate coas candeas enriba para que as agasalladas sopraran, coas luces apagadas e coa cantiga de parabéns de todos e todas nós.
Logo da fartura, veu o lecer. Abríronse os agasallos que trouxeran os e as convidadas. Sorpresas e máis sorpresas...
Despois organizóuse un taller de confección de bonecas nas que participaron tanto as nenas, nenos, como pais e nais . Foron horas de traballo e con moi bos resultados.
Mentres, eu fíxenme amiga do espantallo e convideino a un baile. Primeiro bailamos un valse e logo unha bachata. Eu que sempre soñei con atopar un bailarín!
Non me quero despedir sen que saibades o reverso do libro que puxen de primeiro. Tal vez nos sexa de moita utilidade.