Tres persoas, dous coches e moita enerxía para acometer unha ruta de mais de 15 kms.
Tratábase do sendeiro Quintá - Donsal.
Deixamos un coche nas Cabanas e subimos ao Couso no outro coche para comezar o roteiro dende alí.
As vistas eran espectaculares. Podíanse ver Os Ancares con picos nevados e toda a paisaxe era de elevacións considerables, con pastizais e moito arboredo autóctono aínda que, desafortunadamente, invadida pola especie trabucada: os eucaliptos.
O día non era solleiro pero tampouco chovía. Había unha lixeira neblina que lle daba ese encanto soñodar e misterioso que caracteriza á nosa paisaxe na que destacaban comunidades de árbores ben diferentes.
Fixámonos nestas uriceiras de forma cuadrangular, sendo as máis habituais as de forma redonda.
Estabamos seguindo o curso do río Donsal, cos seus muíños semicaídos, algunha acea en bo estado de conservación, moitas fervenzas e pontes de reciente construcción que sustitúen ás de antes feitas de algunhas táboas e travesas e sen barandas.
Unha mini central eléctrica, con un pequeno encoro e presa para desviar a auga do río, pasala pola turbina e volvela ao río despois, era un sistema de producir electricidade para o alumeado nas casas antes de que viñeran a electrificación por estes lugares do rural. A veces só se beneficiaba unha casa e era da súa propiedade.
Os patriarcas da fraga, deixábanse ver no seu estado ruinoso pero vivo, os castiñeiros de mais de 1200 anos deixaban constancia da súa lonxevidade e resistencia ás inclemencias do tempo.
Un alto no camiño, aproveitando o patio dunha antiga escola, acondicionada para asuntos comunais agora, tiña unha mesa con fregadeiro e alí decidimos facer a degustación do meu licor de noces e uns confites de laranxa bañada en chocolate.
Os carreiros eran estreitos, pedregosos e algo esbaradizos polo que nos viñan moi ben as barandas, colocadas dun xeito artístico e orixinal que nos chamóu a atención.
Compartindo conversas e silenzos, a ruta parecía interminable. Eu perdín unha luba, recollida por quen nos seguía atrás e así seguimos ata a hora de xantar, noutra mesa con asentos de tronco, húmidos, pero que cubertos ca miña capa de plástico, utilizamos de bo grado.
Cánto non se tería moído nesta acea! Unha construcción das mellores conservadas que fomos atopando a carón do río Donsal que rega terras de Quintá.
Dende este mirador, pódense ver os Ancares, ao fondo e outras serras con moitas penas que gardan as aldeíñas case despoboadas desta Galiza interior, de montaña, onde todo é costo e difícil para a vida que queremos hoxe. Apenas vimos xente. Un señor maior que afalaba a unhas cinco ou seis vacas co seu cencerro e o can axudándolle, garuleiro.
Mais adiante, tamén fariamos trato cun mastín que nos acompañóu un bo treito e foise sen despedirse, de volta para a súa confortable casa, unha das mellores que vimos na contorna.
Algo fixemos mal que nos saímos do roteiro e atopámonos nunha estrada, sen saber que sentido tomar.
Non ía ser este o único percance que nos acontecese, alén de perder xa a miña mesma luba de novo e sen retorno. Quedei sen ela e ben que lle quería! Mais iso pouco ía importar, logo de horas e horas subindo empinadas costas e baixando, eu, de cú para non molestar os xeónllos que xa non querían seguir.
Camiñamos un bo treito a carón do río Návia. Lembreime da miña netiña que así se chama e tamén como o lugar Navia de Suarna, que non ficaba lonxe dalí.
O río ía ben medrado e algo desbordado a carón dos prados e pasando xa unha ponte atopámonos no final da ruta: en Cabana. Ai! pero un dos coches estaba en As Cabanas! E non era o mesmo un nome que outro, como se puidera pensar antes de coñecer os lugares. Así que, ao non atopar o coche onde o deixaramos... Estabamos totalmente indefesos. Fixemos cálculos dos cartos que podiamos xuntar entre os tres e chamamos o taxi que estivera mais preto para que nos levase onde deixamos o coche, que estaba a uns 30 kms.
A aventura foi completa. Arrimados a duas casas restauradas, a carón da estrada. Sen un alma a quén pedir axuda, case raiando na oscuridade da noite, entre montañas e montañas sen xente, aínda puxen o dedo para facer auto-stop a un coche de cazadores que por alí pasaba, pero nada.
Ao cabo de pouco, chegóu o taxi dende Becerreá e moi atentamente nos levóu ao sitio mais próximo onde tiñamos un dos coches e servíunos de guía para ir ata o outro.
No medio dunha néboa espesa que apenas deixaba ver a estrada, fomos chegando á de Baralla - Baleira, onde cada ún de nós tomóu rumbo á casa, sen mais demoras.
All is well if ends well!
Degustando os níscalos e lingua de vaca recollidos onte no camiño.