www.leriasdebea.blogspot.com
Translate
martes, 25 de xaneiro de 2022
BAILAR PEGADOS
sábado, 15 de xaneiro de 2022
ROTEIRO POR PARQUES EÓLICOS
Sábado. Agardaba un día normal. A pota do caldo de castañas xa estaba ao lume. Preparando o meu almorzo, despois dunha ducha. Vestida para as temperaturas baixo cero destas xélidas mañás, estilo cebola. Seis capas entre camisetas, polares e chalecos polares tamén.
Soa o teléfono xusto cando ía almorzar. Era hoxe o roteiro e non mañá! O que acontece por non saber en que día se vive.
Deixei todo o que tiña en marcha e collín botas, mochila e bastóns e co coche, enseguida me presentei no lugar sinalado, a deshora, claro. Agardaban por min. Eramos un grupo pequeno.
Empezamos a camiñar pola pista que se abrira con motivo da "plantación" de aeroxeradores, haberá dous ou tres anos. Estabamos no concello de Castro Verde, que ficou rodeado por estes papaventos, sen comelo nen bebelo. Ningúen puxo obstáculos, ninguén preguntóu á veciñanza. Planifican no noso, sen nós! Saben que aquí non queda quén proteste. A xente maior so quere calorciño, veña de onde veña, pero as facturas da luz, sí que as vemos e temos que pagalas a prezo de ouro, con todo ter plantado tantas hortas con productoras de enerxía eléctrica, e aturar o ruxido que fan e, secadra, outras consecuencias...
Pero esquecendo os "contras" e indo aos "pros", a paisaxe era espectacular. Cos Ancares ao lonxe, sen neve, o sol aquencéndonos, a xeada cubrindo o fermoso val que se estende amplo e chán, entre elevacións de non mais de cincocentos metros, aldeas que outrora estiveron incomunicadas e que gardan esa "esencia" da chamada "Galicia profunda", cas chemineas fumeando, os animais gardados e as xentes de portas adentro. So algúns cabalos, que durmen fora, amosáronse ledos por ter visita e mesmo nos demostraron o seu porte, camiñando como por unha pasarela ou facendo unha carreira estilosa.
Pasamos por unha aldea chamada Foguentelle, que ten unha fonte cun bo cano ao pe do camiño. Por Furís e outras das que non lembro o nome.
Eu tiven que rematar a andaina antes de tempo para aproveitar que alguén me ía levar de volta ao coche que deixara ao principio, por non chegar a tempo de coller o autobús en Castro Verde. Así aínda podía seguir cos plans do meu día, como o caldo de castañas, poñer a lavadora...
Hoxe toca xantar mais tarde do previsto pero non importa. Sempre se aprende algo novo estando con outra xente. A pandemia fixo que nos afastaramos destas actividades que tanto aportan no plano humano e de coñecemento de lugares pero agardamos que todo volva a ser como era antes.
domingo, 9 de xaneiro de 2022
DE EPÍSTOLAS E EPISTOLARIOS
Meu avó materno era aficionado a ler e escribir cartas a toda a familia. Miña nai tamén era a que mantiña comunicación con seus irmáns e irmás que estaban lonxe da terra. Mesmo lle escribía as cartas a algunhas personas da parroquia que eran analfabetas. Coa chegada do teléfono, foise perdendo esa costume pero eu, xa dende ben nova, adquirín ese hábito e podo dicir que escribín perto dun milleiro de cartas.
Nos primeiros tempos, sacaba enderezos de famosos e famosas, das revistas que meu pai mercaba cando ía á cidade ou que facilitaban na radio. Sobre todo de cantantes daquela época aos que lles pedía fotos, autógrafos... Unha das que mais me gustóu fora a dos Mustang, que era un grupo de músicos xovens e o cantante, Santi, era o meu preferido. Tiña as paredes da taberna cheas de cartaces, fotos...e coa vitrola no mostrador (barra, hoxe) semellaba un pub dos de agora mais que unha cantina de aldea.
Xa na época de estudante, empecei a relacionarme con xente que tiñan os mesmos intereses ca min: falar e escribir en galego, a poesía... así foi como entablamos unha amizade por correspondencia que en algunhos casos tamén tivo matices mais íntimos. Como non había teléfonos nin internet, eran as cartas as que nos mantiñan en contacto. Gardo con verdadeiro esmero aquelas que mais me interesaron e que son de personas que chegaron a ser importantes no mundo das letras e das artes.
Durante a miña vida profesional como mestra de inglés, intentei inculcar ao alumnado esa costume de escribirse con xente do seu igual doutros países. Así foi como durante catro e mais anos nos carteamos con alumnado de Finlandia, de Chequia, Italia e Rumanía, dando lugar a intercambios escolares que foron pioneiros aquí no rural galego.
Hoxe, volto ás cartas para poñelas a salvo do tempo e do abandono, pasándoas ao ordenador e quizá aveirando a idea de poder facer con elas un epistolario como estes que estou lendo de Emilia Pardo Bazán a Benito Pérez Galdós, dous escritores de "primeira" da nosa literatura do S XIX. ou o que se rercolle noutro libro que acabei de ler, Cartas de Amor Salvaje(s) que é unha escolma das epístolas que se intercambiaron, escritores e escritoras tanto europeos como americanos dende o S XIX ata primeiros do S XX.
Deixo aquí a foto de portada destes dous libros que me "engatusaron" e que desbordan paixón e arte de amar e de escribir.
Seguirei indagando noutros epistolarios, xa que neles atópome ca autenticidade dos seres que os escribiron, a sua vida íntima, o seu sentir e forma de pensar, refléxanse muito mellor que nas obras que nos deixaron.
Música do grupo Los Mustangs que cito no meu texto.
sábado, 1 de xaneiro de 2022
ANO NOVO 2022
A mañá presentábase así de corida e auguraba un día de sol, con temperaturas de vinte graus, aquí, no interior de Galiza. Din que non sucedera dende 1987 ter unhos días tan quentes en pleno inverno.
Un día para ir ao mar, pasear pola praia e despedir así o 2021.
Emprendín viaxe á Mariña e cal non sería a miña sorpresa cando ao pasar polo Alto da Cancela, o punto mais alto do percorrido, aparece diante de min un fermoso cabalo branco que non se sabía ben se ía apartarse hacia a dereita ou hacia a esquerda. Un risco poñerse a adiantalo, levando coches detras e bici polo lado. Nin que dicir ten que me emocionóu iste incidente como se fose outro augurio engadido que facía que o día fose especial e marcado polas sorpresas.
Cando cheguéi a Lourenzá, terra de fabas, decidín facer unha parada e ver toda unha exposición de Nadal, diante do Mosteiro de San Salvador, do S. XII e que é un lugar emblemático porque por esta vila pasa o Camiño do Norte a Santiago de Compostela.
Xa a medio camiño da costa, fun direita á praia de Llás e fíxenme unha selfie co mar ao fondo. A praia estaba case sen xente e a pouca que había paseaba cas suas mascotas, entre elas, unha gatiña co seu arnés igual que un can.
Despois dunhos cantos paseos pola praia, despedinme de tan apetecible lugar, non sen sentir mágoa por ter que facelo pero quería mercar a miña cea de fin de ano antes de que os supermercados se enchesen de xente e poder volver xantar á casa.
Así son as miñas escapadas que me levan á luz do mar, á sua brisa, a ese ímpetu que me transmite enerxía positiva e me fai sentir libre e infinita.