www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 11 de agosto de 2013

FROR DE CACTUS

Sorpréndenme os cactus. Parecían medio mortos. Sempre igual. Non se apreciaba que medrasen. Unhas protuberancias algo secas asomaban como restos de frores vellas. Cando pasei por xunto deles esta mañá, había unhas fermosas frores amarelas con todo o esplendor que lles daba o sol nacente. Preparei a cámara e tirei unhas cantas fotos. Demasiadas, pensando que non saíran. E quedeime pensando cómo estas plantiñas, con tantos pinchos, tan a defensiva sempre, poden facernos sentir "algo" que nos conmove e nos alegra o día. Ainda alí, onde todo parece que saca as unñas, escóndese beleza e boas razóns para ser admirado.
Así, como os cactus, percibo eu, que fun de nena e ainda agora sigo a ser esquiva como os cactus. Pouco vou á igrexa. Hoxe foi un día "especial" Había moita xente daquí que está fora. Tiven que facer bos esforzos para asociar as imaxes dagora coas que eu tiña coñecido antes. A estas persoas pasáballes o mesmo comigo. Tamén tiveron que remexer no baúl dos recordos. Sentínme agasallada pola imaxe que parece tiñan de min cando era quinceaneira. Non vou dicir o "piropo" porque o gardo como esa fror de cáctus na que me vexo reflexada. Será que hai días que veñen feitos á medida, como se estiveran programados. Desencadéan unha ringleira de sensacións e aconteceres que é como se nos estivesen agardando dende tempo atrás.
Valeu a pena ir á misa. Mesmo quería acompañar os cantos coa miña voz que esperaba saíra limpa e crara como cando canto na casa, pero saíame quebrada, rota, impresentable e non osei amosala. Pero a verdade é que me gustaría cantar na igrexa como eu sei cantar, con todo o sentimento.... e porque ainda que non vaia co que penso, está ahí colgado, dende nena, como cando cantabamos a María no mes de maio, no mes das frores, das frores que non eran de cáctus naqueles tempos, senón de violeta. E subida nunha mesa que miña nai levóu diante da igrexa, vestida de branco, de comunión, co traxe que ela me fixo a ratos libres, sentíame unha raíña, recitando aquel poema aprendido dun libro ou dunha mestra.
Todos os que foramos a xente nova destas aldeas, estabamos agora alí, case estranos, sen apenas saber quenes eramos, co cabelo canoso, co corpo entrado en quilos ou tal vez algúns mais conservados en forma..... acompañados,das suas parellas que eran de sitios tan dispares, de moi lonxe e outras de menos. Case sempre é fermoso ir un día a misa polo verán, no mes de agosto, se non queres perder o pasado e o presente. Hoxe foi un día con moitas emocións!