www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

martes, 7 de abril de 2026

CUBILLEDO TOUR


 Domingo de Pascoa, cita en Cabreira. Compartindo coche coa familia dirixímonos a Cubilledo aventura: primeiro á Espiña, raíces paternas, aldea con dúas casas (unha con xente esporadicamente), a outra, onde naceu meu pai, en semiabandono, cun hórreo que aguanta a duras penas o paso do tempo. Explorámolo. Ten varios departamentos, un interior que hai que interpretalo, sitios para amacenar o gran, sitios para colgar os touciños, os untos... un corredor que vai todo arredor deixando no medio, espazos para gardar o máis prezado. O corredor está máis ventilado, ideal para curar os queixos, gardar o pan, todo baixo chave. Alí non hai ratos, todo está protexido e conservado, mesmo se gardaban as mazáns, as castañas, as fabas...


Nestes catro pés aguántase a pesada carga e non hai rato capaz de subir.



Poderíamos dicir que esta é a cúpula por onde se cola a luz entre as madeiras.



O corredor circunda todo e deixa pasar luz e ventilación entre as táboas que o tabican.



Nestes compartimentos a modo de caixóns gardábase o centeo, o trigo...


O forno de cocer o pan en estado ruinoso aínda conserva a memoria dun tempo ido.


E despois da Espiña, agardábanos Tino na Casa do Medio, ou tamén Pousada dos Boieiros, en Esgrade, onde él foi artellando un museo etnográfico con todos os obxectos antigos que se atopaban na casa ou que lle foron dando. Alí teñen lugar de vez en cando actos de presentacións de libros, acompañados con actuacións musicais. Tamén se conserva a pequena cantina-museo na que se poden atopar os obxectos máis variados.









Despois de Esgrade, enfilamos cara a Cabreira para asistir á misa na capela que se celebra unha vez ao ano na honra da patrona, a Pastora, unha virxe pequeniña, e cunha concurrencia case fixa, que somos os convidados e convidadas das dúas casas anfitrionas que aínda manteñen viva Cabreira, entre moitas outras en estado ruinoso e sen xente pero que no seu día, deron vida a esta aldea na que tamén houbo escola.



Con vistas á Marronda e o río Eo no fondo camiño da Corte Vella que está a pouco máis de seis quilómetros seguindo o río, pois é unha das rutas dende Fonteo á Corte Vella.



E logo de cumprir coas devocións relixiosas, un xantar para vinte agardábanos nunha das casas á que estabamos convidados. Tamén na outra casa habería outras tantas persoas e o arrecendo a churrasco estendíase por toda a aldea e ata os cans estaban moi contentos de ter tantas atencións e perspectivas dun bó xantar.


luns, 23 de marzo de 2026

DE SISTELO AO CEO




 Xa ía sendo hora de abandoar a hibernación e sair a percorrer mundo e coñecer lugares marabillosos que temos ao alcance da man, desfrutando da natureza, da compaña de xente agradable, da gastronomía e aprender novas cousas.

Foi así que me apuntei a outra das viaxes que organiza Galicia Infinita, malia ter que madrugar e viaxar aínda con noite ata Lugo, punto de saída do autobús cara ao norte de Portugal, no entorno do Parque Natural da Peneda-Gerês.



Entramos nunhas estradas moi estreitas e cheas de curvas que daba un pouco de medo pero coa emoción e a espectativa de chegar a ese lugar coñecido  polo "Pequeno Tibet Portugués".

Comezamos o roteiro  ECOVÍA  que vai a carón do río Vez. Un tramo de uns 15 kms entre pasadizos ou pasarelas de madeira e camiño de pedra, deixando o río á nosa dereita en sentido Sistelo que sería o último lugar da ruta que na súa totalidade ten 32,5 kms.


O día era primaveral e a paisaxe de arboredo ofrecía frescura. Acompañados sempre polo son da auga  e os rechouchíos dos paxaros en perfecta harmonía orquestral e variando segundo fose o tramo, unhas veces o río ía rápido, rompendo en múltiples cortinas de fervenzas, outras, silandeiro e tranquilo, rezagado... ofrecéndose ao deleite das súas augas no verán e movendo rodas de muíños nos tempos pasados; fé diso dan os inumerables muíños en ruínas ao longo da ruta.

Nos primeiros tramos, as pasarelas ou "passadiços" presentábanse bastante deteriorados polos temporais do inverno; case desfeitos e algo perigosos. No último tramo eran máis actuais e estaban en perfecto estado de conservación. Atopamos lugares con piscinas naturais e pontes feitas con grandes pedras que servían para atravesar dunhas a outras polo medio do río.



Estabamos un pouco impacientes por chegar a Sistelo, a ese pequeno Tibet portugués do que nos falaran, considerado unha das sete marabillas de Portugal e candidato a Patrimonio da Humanidade.

Algúns non acabamos o tramo previsto e collemos o autobús antes dos últimos 9 Kms que nos faltaban para chegar ao destino pero xa se nos ía facendo moito camiño e incluso un pouco monótono pois todo eran pasadizos e o río xa nos ofrecera o mellor de sí.



Cando chegamos a Sistelo, pareceunos unha aldea moi pequena, rodeada de altitudes que se desparraman en socalcos ou bancais formando lorzas e con casiñas que testimuñan  que alí preto do ceo vive xente e pacen vacas de raza Cachena nos socalcos. Toda esta paisaxe nos ven a confirmar que,  con razón,  se considere o Tibet pese a estar tan lonxe de Asia.

Adentrámonos no seu núcleo granítico onde todo está á man e cabe nun puño: igrexa, castelo, ponte medieval, viacrucis,  tendas nas que se pode mercar tanto cousas de artesanía como bebida ou comida.

Tivemos tempo de saborear aquel entorno tan peculiar mentres agardabamos polo grupo que sí acabóu o roteiro a pé, como estaba previsto.


Despois, continuando por esa estrada tan estreita e con voltas, sendo máis das tres, hora portuguesa, dirixímonos a un restaurante no que xa nos agardaban. Era un macro restaurante cheo de xente, cun asador xigantesco en forma de pote no que se asaba unha deliciosa carne de vaca Cachena ?. 

Xantamos ben, con ganas. Tamén degustamos o viño da rexión, un viño afrutado, parecido ao Albariño. Despois de todo, a nosa Ribeira Sacra ven sendo a parte galega dese pequeno Tibet. 












luns, 16 de febreiro de 2026

AO MAL TEMPO...

 ...BOA CARA.

Deixar de lado o blog é como esquecer de alimentarse. E para eso nada mellor que poñerse a facer algo que nos distraiga destes días de chuvia que non cesa e que nos ten na casa engaiolados, nunca mellor dito, pois engaiolarse tamén siñifica distraerse con algo e, no meu caso, non é difícil atopar alternativas aos paseos que daría se non chovese. Sempre está a música, o baile, cociñar, tocar o acordeón, estudar xaponés, ler, o ioga... entre outras.

Pois onte era o día ideal para facer fillóas, xa que estamos en tempo de entroido e son algo que non pode faltar entre tanto cocido, orellas e demáis.

Así que mans ás tixolas e con música para bailar entre medias, en tanto que se van dourando, co ollo enriba, por suposto, que non se pasen, e sen pausa, en menos dunha hora hai un bo platado delas enriba da mesa.

Empezaremos polos preparativos:



Duas tixolas crepeiras, ovos (no meu caso só ún ou dous, porque van ser poucas), as fariñas, ( de forza da panadería, de trigo sarraceno, de espelta...), auga, sal ao gosto e, esta vez, púxenlle raladura de laranxa ecolóxica, o aceite xa fritido nunha das tixolas e un pincel.

Nun bol mesturo cunha pouca de auga as fariñas e bato con culler de pau que leva un burato no medio, (agasallo dunhas amigas checas) cando a auga coa fariña están moi espesas para que non se formen grumos despois. Logo vou engadindo auga e tamén incorporo o ovo batido aparte, o sal e a raladura de laranxa, neste caso, ata obter un amoado nen moi lixeiro nen moi espeso, no seu punto.

Xa coas tixolas quentes, untadas lixeiramente de aceite fritido, antes usábase un torrezmo de touciño, vaise estendendo o amoado cun cazo e repartíndoo pola tixola cubrindoa toda que non queden buratiños e se quedan pódese ir parchando.



Eu uso lubas brancas de algodón para non queimar os dedos ao darlles a volta na tixola para que se fagan polos dous lados. Cando empezan a levantar a orella xa se lles pode virar porque así non rachan e vanse colocando nun prato dado a volta ata que xa teñas o montón que querías facer.

Unha vez frías pódense conxelar. Eo collo seis ou sete e enróloas en film para gardar no conxelador e comer noutra ocasión. Sempre se deben desconxelar na neveira.

Comelas, cada quen cómeas como máis lle gusten pero eu teño a miña propia maneira de comelas.

Quento de unha en unha na tixola, primeiro por un lado, logo doulle a volta e poño enriba, queixo relado, pavo...(mesmo salmón, ás veces) e cando se funda e vexa que están tesas, é cando as poño no prato espolvoreadas de canela, mel de caña, ou mel de abella...como se apreza nesta foto. 

Pódese rechear con nata montada, con marmelada, simplemente con azucre...ao gusto de cada quen.


E así se pasa unha tarde entre música, baile e aroma das fillóas, que eu tamén lles chamo creps porque compartín piso cunha bretona en Londres a finais dos setenta e cando viña de vacacións da súa Bretaña sempre traía creps que logo recheaba con salchichas, bacon, ovos... pero o que eu non sabía daquela e souben andado o tempo é que se facían con trigo sarraceno e chámanlle "galettes.

Aquí deixo un video de como facer as galettes bretones.









martes, 6 de xaneiro de 2026

MANTO BRANCO

 



Levantarse nesta mañá de Reis, abrir a pequena xanela do cuarto e ver o manto branco que pousa delicadamente sobre os arbustos do xardín, foi todo un agasallo visual.
Nin curta nen perezosa, púxenme o equipo axeitado e fun levarlles un pequeno aguinaldo ás únicas veciñas que teño. 
Como non quería molestalas, caso de que aínda estiveran na cama, levei con qué colgalo na xanela da cociña pero ao ir facelo, abríuse a folla e alí estaba Alba!
Pasaban carros pola estrada e eu era a única supervivinte da contorna. Cos paus de marcha nórdica case semellaba que fose practicar esquí de fondo pero tan só era catar a neve no seu máis alto apoxeo da mañán, denantes de que o sol fixese o seu.
Ao voltar, lembreime de que a miña familia estaba viaxando de volta dende Berlín, onde pasaron uns días na cidade e desfrutaron de moita máis neve da que temos aquí e penséi que lles faría un boneco de neve para darlles a benvida. Así foi. Non perdo as mañas, malia a idade, e, como cando era nena, ou mellor se cabe, logo artelléi un boneco de neve que deixo por aquíe que lle vou chamar Farruquiño.




Seguían caendo folerpas sobre a miña cabeza, ben protexida e impermeabilizada de pes a cabeza, tentei de non esvarar no xeo que cubría o manto branco e dinme un bo paseo pola aldea deserta. As imaxes eran increiblemente fermosas como sempre o son nestas circunstancias ten efémeras. Pois logo virían os raios de sol derreter todo o que a noite creóu.





Mandei polo whatsapp fotos ás miñas amizades de lonxe para que puideran tamén contemplar estas estampas que o cambian todo e sempre nos sorprenden para ben. Sobre todo neste día festivo, no que moita  xente non precisa erguerse cedo pero outra sí, pois tamén pasóu unha ambulancia e algúns coches que por algo terían que sair.
Ao abrir a xanela, o que primeiro vin foi o seto que está en frente e que logo botará a flor, pois é madrugador coma mín.



En contraste con esas floriñas que quedaron nunha pranta, esquecidas e que pasan o inverno na maceta da miña xanela para alegrarme as mañás, a neve engalanara as ramas coa sutileza do algodón.
Nin que dicir ten que rachei a miña rutina e case se me pasa a hora de tomar o antibiótico por mor do oído, con  tanta novedade que admirar.



As rosas truncadas polo frío, que non chegaron a abrir, tiñan enriba un bodoque branco que lles daba un toque algo exótico. Lembreime dunha fotógrafa que pasóu uns día nesta casa e que fai fotos deste estilo. Chámase Maida e é malagueña, neste momento en Camboia? Dende alí chegóume unha imaxe do Gingko que é unha pranta moi útil para a mamoria e o rego sanguíneo. As follas teñen forma de abanico. Esta é a foto que colgóu no Facebook e que me tomo o permiso de compartila aquí, logo xa llo pregunto!




E xa para terminar porque o frío instálase nos ósos e case inmobiliza as articulacións para escribir, vou rematando o tema de hoxe agradecéndolles aos reis tan exquisito agasallo que me deixaron á porta.
Para mín, son os mellores presentes que o día pode ofrecerme, despois da saúde, naturalmente.