www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 12 de agosto de 2024

NOA

 

Foto en madeira realizada polo amigo artista
Sanse Avelaíña




Esta era e segue sendo Noa. Recollina na Marronda, cando pasaba por alí no coche. Estaba con dous cans, unha era como ela. Pensei que estarían abandonados e parei. Noa, que aínda non se chamaba así, veu correndo ata o coche, abrinlle a porta, e meteuse dentro. Dende ese mesmo instante, decidín ter un can e púxenlle, alí mesmmo, o nome de Noa. 

Pasado un tempo, souben que non estaban abandonados. Que súa nai era a que se parecía a ela e que eran dunha aldea da montaña, moi preto de onde a recollín. Tamén coñecín ao seu antigo dono quen a chamóu por Linda e ela foi correndo xunto a él. Noa xa estaba preñada dun can que andaba pola aldea e non era de ninguén. Díxenlle que en canto tivera os cadeliños, que lla devolvía, se quería. O antigo amo contestóume que me quedara con ela, que estaba en boa compaña.

Levaba uns tres anos de vida cando a recollín no  2009 e pasamos xuntas outros catorce, alomenos. 

Onte, despois de despedirme dela dicíndolle que a quería, que a miña vida con ela fora algo que nunca me tiña pasado, que era a cadeliña máis boa e tenra do mundo, que o seu pelo era coma a seda cando a aloumiñaba, que a recordaría sempre...

Cheguéi ao meu cuarto e abrín o libro de Suso de Toro por unha páxina ao azar. Atopeime coa palabra Terra ocupando o centro da páxina. Logo empecei a ler:

"Terra para vivir e mais para que te enterren; si, señor. Terra para gardar a nosa caveira coma se fose un pano fino que cha envolve para que che veña un día un príncipe por aí e che fale e che dea un bico. Sen terra non somos nada, somos unha palla que leva o aire, mais se a palla miudiña está prendida na terra tense alí por moito que pete o vento. Positivamente, así che é a cousa. Máis ou menos. Claro que cando vén a vella da gadaña alá vai a herba, iso sí. Iso xa se sabe, á herbiña chégalle a súa seitura, e logo outro ano ha vir outra, e así sucesivamente. Sempre e mais despois."

Non podía coller o sono. Daba voltas e mais voltas no leito. Quería erguerme, ir xunto a ela... pero non quería vela morrer. Non quería!

Pola mañá, cando acordei, fixen o que sempre fago cando me levanto, ducheime, vestinme e, con toda a calma que puiden, achegueinme a onde a deixara pola noite. Estaba morta. Tiña os olliños abertos, o corpo frío, dunha peza. Apenas pesaba. Levaba moitos días sen comer e xa, ao final, sen beber. 

Cumpría uns dezaoito anos de vida, unha longa vida ao meu carón, xuntas sempre.

Non quero dicir máis. 




Gustábanlle os paseos. Andaba ao meu paso cando fago marcha nórdica. Tiña moitos pretendientes. 
Foi nai tres veces. Bailaba comigo. Encantáballe a música. Cando xa non podía facelo, quería que a abanease no chán ao son da música.





Sempre fixo moi boas migas cos gatos que tivemos. Queríanse como irmáns. Coidábanse mutuamente. Lambíanse, bicábanse, durmían xuntos....



Nesta foto xa se aproximaba o fin. Notábaselle que estaba tristeira, que xa non bulía como acostumaba.



As miñas netas toleaban con ela. Facíanlle bromas como esta cos seus peluches aos que lles chamaban Noa. Noa real e Noa de peluche. Ela aguantaba todo.




Miña nai dicía que tiña andar de "señorita" e as suas poses eran refinadas, como se ve, gustáballe cruzar as patiñas.



Noa acompañábame cando ía ver a miñas netiñas e elas prodigábanlle toda clase de coidados. Pelexaban por sacala de paseo. As dúas querían levar a correa.



Unha vez tivo so un cadeliño, Bobi. O pai era de raza moi parecida á dela. Xa ía moi vello o pai de Bobi. Sinto telo dado en adopción porque houbera sido a continuidade de Noa pero non por moito mais tempo.



O verán pasado tiven huéspedes andaluces e unha nena tocaba a guitarra eléctrica no porche. Noa non salía de xunto a ela. Cómo lle encantaba a música! Ata cando eu tocaba o acordeón, notaba cando desafinaba. Tiña un bo oído, ata que o perdéu!




Baixo o castiñeiro, unha prima facíanos sesións de fotos cada verán. Aquí estabamos as dúas mais novas!


E polo Nadal, non faltaban as felicitacións con eles como protagonistas. 



Moitos dos meus huéspedes volveron a aloxarse na nosa casa, so por estar con Noa. Esta asturiana namorouse dela. Noa sempre quería estar no regazo de alguén que se ofrecera a collela. Tamén era moi boa anfitriona e mesmo me axudaba a recibir aos que viñan quedarse.



Chovese ou nevase, Noa sempre estaba disposta a dar o seu paseo comigo. Parece que lle gustaba andar na neve e sentir caer as folerpas no seu lombo.





Guapa e con señorío, sabía como camelar. Gustábanlle os cans grandes. Tiña un ciu que duraba case todo o ano. Cantos problemas cos cans que viñan cortexala! Desfacían os peches da finca para entrar. 
Agora, todo iso acabóu. Xa non teño que coidar. Botareina moito de menos. Nada será como cando ela estaba xunto a min. Vivirei co seu recordo e ela, quen sabe, pode que a súa alma se reencarne noutro ser que me acompañe.

Chéganme fotos de unha amiga que coñeceu a Noa e non podo menos que deixalas aquí. Grazas Iria!






xoves, 1 de agosto de 2024

Experiencia " CASA VITA "

 


A Casa Vita, xorde dunha experiencia antiga, finais anos cincoenta, comezos dos sesenta, cando Ramiro e Natalia, decidiron comezar cunha cantina, como medio de vida, nunha casa alugada que fora de labranza, e compartíndoa con outra familia. Ao cabo duns anos, a familia foise e eles mercaron a casa, coñecida por casa de Canónigo e máis tarde por a Cantina do Pibidal, ou casa de Ramiro e Natalia, ou a  a Taberna.



Rexentárona perante trinta anos, sendo cantina, tenda de comestíbeis, aloxamento e casa de xantares, ao tempo que exercían as súas profesións de carpinteiro e costureira mentres me criaban, me mandaban á escola e logo a estudar a Lugo onde rematei maxisterio a mediados dos anos setenta.



O entorno da casa é un lugar onde o Eo amosa as súas primeiras augas, ao que se ía lavar a roupa, enfriar as bebidas no verán, beber o gando....Está situado nun longo val que se estende dende Baralla ata Meira, con montañas suaves que o definen, entre elas a Marronda, actualmente coñecida pola súa ruta de sendeirismo que pasa polos meandros de a Cortevella, e vai camiño de Ribadeo, sen deterse ata atopar o seu ansiado mar Cantábrico.



A casa ha de ter preto de douscentos anos. Foi restaurada no 2011, cando meus pais xa estaban a punto de irse despois dunha longa vida, case centenaria, e nós decidimos conservala e coidala, quedando con tan boa presenza que eu decidín continuar a miña vida nela a pesares de ter o meu fogar ubicado noutro lado, xunto ao mar, que tanto quero. Foi unha decisión que xurdíu como un fío que tiras dél e vaslle vendo o que dá de sí. 



Eu, que nunca quixen quedar na casa, como se acostumaba nos vellos tempos, continuando co negocio dos meus país, pois preferín estudar e ter a miña profesión e vivir dela, cousa que conquerín, unha vez xubilada, pensei en retomar o uso que tivo a casa noutra época, pero adaptada aos tempos de hoxe.



Así foi como naceu CASA VITA. Por qué ese nome? Pois, o que son as cousas! De rapaza, chamábanme Vita e a min non me gustaba nada, porque nada tiña que ver con Beatriz, que é o meu nome de pila. Pero coñéceseme por Vita. Así que pensei chamarlle así á casa e tamén pensando que VITA en latín é VIDA e a miña casa ía ter unha nova vida, a que eu lle diseñéi. Tamén, porque a miña actividade está conectada coa vida, ca natureza, co vivir tranquilo nun entorno moi admirado e desexado por quenes o visitan, pois é un lugar silenzoso, con moito verde, con clima suave no verán, polo menos dentro da casa é un refuxio nas vagas de calor que nos aqueixan ultimamente, e veñen de sitios onde non poden resistir as altas temperaturas. Aquí dúrmese de noite e de día tamén, se se quere, e mesmo se precisa unha mantiña no resío das mañás.



Dende o 2011 pasaron por este aloxamento personas de moi lonxe como de Australia, Nova Zelanda, EEUU, Reino Unido, Francia, Holanda, Polonia, Rusia...e logo da pandemia viñeron máis nacionais que estranxeiros, sobre todo do sur , do Mediterráneo, cataláns, madrileños...



O

s últimos que acaban de marchar, eran unha familia de Alacante coa que fixen de guía, como con tantos outros, nun roteiro que cae moi á man, xa que parte do nacemento do Eo, ata Sampaio, para ver as fervenzas da acea de Serra e a da Ferraría. Seguindo logo ata Cabreira, se se quere, mesmo ata a Cortevella. Pero despois de darse un baño na fervenza da Ferraría, decidimos visitar a Pousada dos boieiros en Esgrade, que é un museo en cernes, xa que se trata dunha casa particular convertida en museo, en centro cultural na que teñen lugar actos moi interesantes como o último sobre a memoria de Arximiro Rico, un mestre asasinado polo fascismo perante a Guerra Civil, e outros actos como presentación de libros, un deles "A rota dos boieiros", que fala da historia da casa dende o ano mil seiscentos e na que se conserva a taberna e todos os apeiros dunha casa boa de labranza ao longo das xeracións que a habitaron.



Logo de aceptar o convite que nos ofrecéu Tino, o dono da casa, na súa taberna, na que aínda hai cousas feitas por meu pai, fomos xantar a un restaurante rural no que se comen produtos caseiros e que sempre recomendo aos meus huéspedes.

Se me piden suxerencias de sitios para visitar, considerando as súas preferencias, non me faltan lugares aos que encamiñalos, pois moitas das rutas xa as teño experimentadas, así como sobre qué comer, beber...Tamén estiven sempre aberta a compartir con elas e eles calquera outra actividade, como degustación de pratos típicos dos nosos lugares, así, fixemos unha paella valenciana, unha queimada galega con esconxuro incluído e disfraz improvisado de meiga/o, caldo de castañas, doces típicos...


A experiencia CASA VITA é algo máis que un aloxamento vacacional, é tamén un compartir, aprender e comunicar. Tamén participar. Nesta ocasión, as personas axudáronme no xardín e eu correspondín con outras cousas como froitos da horta, lavado de roupa...




Deixo algunhas fotos desta última visita e tamén doutras anteriores ao longo destes trece anos que me adico á actividade turística, sen ánimo de lucro, senón por manterme activa, por estar ocupada, por seguir coidando a casa, por darlle o que non puiden darlle noutra época: o seu espíritu vital!