Friol, era un lugar no que nunca estivera ata hoxe. A poucos quilómetros de Lugo capital pero a sesenta e tantos dende onde eu vivo, tivo que ser un erro na data co odontólogo, o que me levara, hoxe, ata alí, nunha maña de néboa mesta e algo de friaxe, seguindo, como acostumo facer o meu sentido de orientación sen gps e entrando nunha estrada secundaria que eu considerei pouco axeitada para chegar a tan coñecido lugar. Sen dúbida, había outras mellores que descubrín á volta.
Cando cheguéi, medio decepcionada por terme trabucado de día, optei por ir tomar un café e logo volver, non por onde viñera, senón por unha estrada mellor. Pero foi un encontro co río Narla, o que me fixo querer explorar un pouco máis a vila.
Collín un paseo que vai a carón do río e de fervenzas que me chamaron a atención. Ninguén transitaba por alí a aquelas horas temperás, así que fixen o percorrido en solitario, admirando toda a natureza que acompaña ao río no seu afán de atoparse co pai Miño en Ombreiro, despois de ter percorrido 24 kms dende o seu nacemento no monte do Toxo, parroquia de Xía, Friol, Lugo.
Vin que tamén anunciaba un castro e non tardei en ver unhas pallozas alá nun alto ás que me dirixín por unha ponte de madeira e ferro en forma de arco que cruza o río na cercanía dun complexo deportivo con piscinas ou praia de Friol, como queiramos chamarlle.
O castro, non fora escavado, no caso de que fora orixinariamente iso, pero había alí unha mostra etnográfica do que poidera ter sido. Pallozas, palleiros e outras construccións, dábanlle a aparencia castrexa que precisaba para ambientar alí algunha celebración ou simplemente para usar como merendeiro. De feito, celébrase un mini Arde Lucus polo verán.
Seguín pola veira do río e cruceino por unha ponte de formigón que estaba xusto cubrindo o cauce despois de formar unha fervenza a carón dun vello muíño. Case me daba vértigo cruzalo así tan rente da auga que saía con forza.
Quixen volver pola outra marxe do río, pasando polas piscinas e centro deportivo que alí se encontra e que nos meses de verán debe estar bastante concurrido. Aproveitando para facer dende alí outras fotos do conxunto.
Logo detívenme no centro, nunha praza grande con árbores no seu apoxéo outonal. Lugar onde se celebraba antes a feira, segundo me informóu unha muller dalí e xa, sen ter interese por outras exploracións na vila, voltei para o coche e retornei á casa por estradas de mellor ver.
Din que non hai mal que por ben non veña e eu case estou de acordo. De ter ido ao odontólogo non houbera dedicado o meu tempo a coñecer algo de Friol. Agora xa teño unha idea. O sol saíu sen tardar moito e quentaba como para querer estar todo o tempo por fora.
Foi un pracer sair á aventura, facer unha viaxe para ir coñecer outro sitio, cousa que non acostumo facer. Case sempre vou por algún motivo e non por descubrir algo novo. A aventura é algo que teño que ir recuperando e practicar máis a miudo.