Neste segundo aniversario da túa viaxe ao alén, volvemos sobre os teus pasos para lembrar os camiños que tantas veces percorriches, escoitando o cuco que che cucaba ideas para levar a cabo no teu taller de Peredo, na casa onde naciches.
Comezamos na Vaqueriza, divisando a cidade de Lugo como un trazo branco no horizonte pero deixamos para outra andaina, o pico dende onde ti podías ver Triacastela e Monforte.
Diante da túa casa, lemos cousas sobre ti, para irte descubrindo aos poucos porque descubrirte de todo sería xa un tratado polidimensional inmenso que non está ao alcance de todos.
Entramos no teu taller mais xenuíno no que aparecen expostas algunhas das túas obras. O can fixo de conserxe e deixounos ver, moi amablemente o que alí se garda aínda como un tesouro ben agochado.
Logo seguimos o camiño pasando por A Freiría, parroquia a que pertence o teu Peredo, e vimos a igrexa en honra á Virxe das Dores e máis o Pazo que xunto coas casas todas de granito, forman un conxunto arquitectónico rural moi emblemático do concello de Castroverde.
A chuvia destes días deixóunos un respiro para poder facer o percorrido con sol e calorciño. Desfrutar das árbores froiteiras carregadas de froitas outonais das que demos boa conta a media mañá segundo iamos pasando polos camiños cubertos de castañas, noces, mazáns, peras...
Pasamos tamén polo Muíño do tío Suso, onde fixemos fotos de grupo mentres tomabamos un ben merecido descanso nese lugar tan fresco, e lemos, de novo, o poema da súa sobriña Carla que tan ben soubo describilo cando era unha rapaciña nova.
Rematamos en CastroVerde cun xantar de confraternidade na túa honra, con comida traída das casas ou encargada nos fornos de pan. Non faltóu de nada. Foi moi ben acollida despois da camiñada que fixemos e non faltaron a sobremesa e o café caseiro para poñer punto final a un día no que te lembramos con nostalxia, botando en falta o teu humor, os teus discursos, o teu ser tan especial que enche o sitio no que estás facéndote o centro do universo.
Seguro que alí onde te atopes, seguirás facendo o mesmo!
Unha aperta de irmá.