www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

mércores, 23 de novembro de 2022

CALDO DE CASTAÑAS

 




Cun trinco de touciño

Algo de unto de porco

Liscos de cebola picada

Descascadas as castañas

O caldiño imos facer

De primeiro os tres primeiros

E cando xa estan cocidos

Castañas, logo, engadimos

As patacas canda elas

Se tes unha ola expres

Telo doado de facer

Após dunha meia hora

Ñan, ñan no pensamento

Arrecemde que da pracer

Sal ao gosto e a comer.


(Acróstico)

Beatriz Pin Díaz



Receita de bombóns de castaña. (Vídeo)



sábado, 12 de novembro de 2022

CABREIRA

 


Un martes de novembro. Día de tódolos santos, acompañada por unha parella amiga, diriximos os nosos pasos hacia Cabreira.

Deixamos o coche en Sampaio, fixemos unha paradiña para ver as fervenzas e seguimos, a carón do Eo, polo camiño vestido xa de outono e ofrecéndonos  os seus preciados froitos: as castañas.


Facía un día solleiro, case de verán. Pois polo San Martiño, volve sempre un veránciño que pode ser duradeiro ou non. Este ano parece que é xeneroso e oferece días con temperaturas moi agradables que xa quixera para todo o ano!

Entre conversas, recollemos castañas para facer un magosto. 


Xa era case a hora do xantar cando chegamos a Cabreira. Aldea agochada entre montañas, protexida dos ventos e pola que pasa o río Eo no que se teñen pescado boas troitas noutros tempos.

Esta aldea de unhas dez casas, mais delas en ruína, outras aínda manteñen o tipo e duas delas están habitadas.

Petamos á porta dos meus parentes e ninguén aparecéu por alí. Entón, a veciña, Felicitas, convidóunos a entrar na súa casa e ofrecéunos unhos cafeciños. Era o día do seu oitenta e seis aniversario e movíase  pola cociña como unha moza. 

Foi un recibimento moi agradable e pasamos alí un tempo que se nos fixo curto pero no que repasamos lembranzas de outrora e lembramos persoas que hoxe xa non están pero que foron coñecidas nosas, mais que nada, dela e miñas.


Cabreira está nunha costa que vai ata o río. As casas, como descolgadas por unha ladeira, semellan unha fervenza de pedra.

Algunhas delas foron casas pudentes. Aínda se conservan en bo estado. Por exemplo a casa que está xunto á capela da Pastora onde se celebra misa unha vez ao ano pola Pascoa e a que tiñamos por costume acudir para logo xantar cos nosos parentes e parentas.

A casa de Mingos, no fondo, xunto ao río, cun hórreo tamén e con outras dependencias nas que houbo escola nunha delas. Conserva aínda os apeiros de labranza, o carro, a leña xunto ao forno de cocer o pan...


Seguimos río arriba para tomar o camiño de volta por outro lugar que nos levaría ata Esgrade, outra aldeíña de poucas casas, só unha habitada e con gando. Tamén alí nos ofrecían un prato de caldo. Era xa boa hora do xantar.

Fixemos algunhas fotos de cousas que nos chamaron a atención, como o aldabón dunha porta.


Logo continuamos ata Sanpaio, onde empezamos a ruta. Alegróume saber que viven bastantes veciños e veciñas alí. Duas casas foron mercadas fai pouco por xente de fóra e viven e cultivan hortas. 

Pasamos polo, que no seu día, servíu para poñer escola e na que estiven unhos días substituíndo á mestra cando aínda estaba facendo os meus estudos de maxisterio.

Detívémonos a vela por dentro e fixemos unha foto dun monolito que está a seu carón.


Así, fomos chegando ata o coche que deixaramos no comezo da ruta e acabamos xantando na miña casa. O día anterior, cando me avisaron de facer este roteiro, penséi en ter un caldo de castañas feito para cando chegaramos. 

Xunto cun bo viño e unhos "ósos de santo" de sobremesa, puxemos fin a este día tan cheo de boas experencias.




(Acróstico)

Camiñando ao pé do Eo

A Cabreira imos chegando

Baixiño o rio vai cantando

Rise o sol nos castiñeiros

E apañamos as castañas

Imos visitar a Pastora

Rezar para que algún día

Aldea habitada se volva.


(Agradecer a Iria e Sanse polas fotos que fixeron. Eu perdín todas as miñas)