www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 14 de marzo de 2020

CORONA VIRUS


Cando o mundo estaba tan entretido noutros asuntos, xurde, inesperadamente, sen previo aviso, o que pode chamarse, según o meu criterio, a terceira guerra mundial, en pleno século XXI. Si, un virus contra a humanidade, e a humanidade contra un virus.
Foi ocupando territorios, sen mais armamento que a súa capacidade de contaxiar. Primeiramente China. Ai!, alí tiña que ser. Hai tanta xente na China que secadra é unha maneira natural de selección da especie. Ataca aos mais endebles!
Logo, para a nosa sorpresa, foise estendendo en menos dun mes, por todo o mundo. Tardamos en reaccionar, en darnos conta que nos tocaba a nós, a NOS!, si, sen distinción de clases nin idades. Incluso á clase política e quenes rexen o mundo. Tamén a quenes traballan na sanidade. Deus, cómo nos veremos se acaban con aqueles que nos sanan, que nos atenden na enfermidade!
Pois sí, e con él veu o pánico xeral. Primeiro un tanto sutilmente foise introducindo nas nosas vidas, facéndonos cambiar de rumbo. Xa non se fala de paro, de refuxiados, de terroristas, de seccesionistas, de violencia de xénero, do cambio climático, NADA!, so se fala de CORONAVIRUS!
A pé de radio, tele, xornais, agardamos as próximas consignas. Cada día mais contundentes. Hai que evitar por todos os medios que este nemigo se estenda e se explaie como lle veña en gana.
Estado de emerxencia, estado de alarma, estado de queda: QUÉDATE NA CASA. Para algunhas persoas esto supón un verdadeiro suplicio. Falla total de liberdades. Cando antes protestabamos polo da lei mordaza, pola falla de liberdade de expresión..... Agora, aceptamos todo o que nos digan dende arriba. Os que mandan, mandan! E mandan polo ben de tod@s. Aparece a picaresca, o afan desmedido de acaparar bens, ainda que sexa o papel hixiénico, o símbolo deste acaparamento por autonomasia. Aparecen o racionamento, o mercado negro ou estraperlo. Tamén é verdade que vai aparecendo a solidariedade. Mesmo a clase política nos da exemplo co seu comportamento de querer arrimar o hombro, de non criticar ao adversario mais que na xusta medida, de querer mesmo colaborar e seren útiles!
As cousas empezan a seren doutra maneira ben diferente do que eran. Xa se pode facer teletraballo, (non sei por qué antes non), pódense facer quendas nos traballos, (conciliación da vida familiar, por fin). Estudar dende a casa por videoconferencia, que os restaurantes che sirvan a domicilio, que poidas ver cine, concertos sen ter que sair da casa.... e un sinfín de alternativas.
Se algunha vez tivemos algunha ventaxa quenes vivimos sós, agora case é un previlexio. E se por riba tes a sorte de vivir en casa con horta, estás de sorte! Alomenos podes ir cavar a ela, cortar a herba, arranxar o xardín, tomar o soliño.....Pero quenes teñen que confinarse nun habitáculo pechado, toda a familia xunta, deben ser días duros de levar, a menos que formen un pequeno mundo ben organizado e planificado no que teña cabida o traballo compartido, o divertimento, as conversas.... e eso se non está cada quén enchufado no seu particular dispositivo que lle sirve de cordón umbilical co resto da especie humana.
Será esto unha revolución? Tería o mundo falta dela e non só os chineses?
Cómo será o día despois? Seremos iguais? Cambiaran formas de vida, de hábitos? Xa nonos bicaremos nen abrazaremos mais? Aumentará a natalidade?.....
Moitas custións que se aglutinan no miolo a un tempo.....
O que sí sei, é que hai maneiras de cambiarnos por moi duras que semellen e aquel Deus que castigóu a Exipto cas doce pragas, o que castigóu coa lepra, ca peste e con tantas catástrofes....estaba buscando facernos mellores!

luns, 9 de marzo de 2020

LEMBRANZAS









O paseo desta mañá tróuxome lembranzas. Ainda que o lugar non mudou de sitio, sí que cambiou a paisaxe e a distribución das fincas. O aparcelamento fixo daquel minifundio, un campo aberto, de praderío que non sabe de límites nin paredes de pedra ou chantos. Todo está aproveitado durante todo o ano alternando herva ou millo.
Pensaba que para ser un lugar pequeno e perdido en ningures, había duas casas con médico. As duas estaban emparentadas e viñan a ser as mais ricas, tendo caseiros e mandados e a axuda da xente do lugar cando a precisaban, que era case sempre.
A casa de Cuenzas, perto a miña, desapareceu debaixo da estrada. So fican a palleira, que tivo a función de garaxe para os autobuses e a casa do forno.
A casa de Escobar, no lugar de Abrairas, está íntegra, co seu xardín cheo de árbores froitales, as casas que ocupaban os caseiros e mesmo coido que tiña unha capela.
Daquela, poucas casas tiñan un xardín. O da casa de Cuenzas era con diseño xeométrico, e alí medraban as roseiras, e moitas outras flores  como os narcisos, os buxos e tamén marmeleiros.
D. Pepe, médico, tiña duas irmáns polo menos. Elas eran as que se ocupaban de que o xardín estivera de bo ver, pois dende a galería do despacho podíase contemplar no seu esplendor cando chegaba a primavera. 
Lémbrome que cando ía a ver as señoritas, os cuartos que eles ocupaban arrecendían a lexivia e dispuñan de cuarto de baño e tiñan luz eléctrica. Pero o que mais me levaba os ollos eran as enormes bonecas que parecian bebés. E eu, que nunca tivera unha, nin sequera pequerrecha!
Nesta casa estaba o correo porque ali durmían os autobuses que viñan de Lugo e que traían ós nosos familiares no verán cando viñan de vacacións e olían a Madríd. Eu acostumaba a ir cada tardiña a coller o correo. Ainda que so fosen os folletos que lle mandaban de propaganda ao médico e que os caseiros me daban para que xogase con eles.
Tamén comían algo que os demais non comíamos, croquetas! Eran feitas das sobras da carne de porco que se cocía no caldo. Como vivían en Madrid e viñan so nos veráns, traían estes costumes que aquí descoñecíamos. Por eso se lles chamaba dona Gloria....dona..... Os demais non tiñamos ese mérito.
Gustáballes estar asomadas polas fiestras e falar coa xente que pasaba pola estrada. Elas non participaban nos traballos, se acaso, algo na cociña para facer para elas cousas mais apetecibles que o caldo diario e as patacas con touciño que comían os seus caseiros. Tampouco ocupaban os mesmos espacios. A casa tiña a zona dos señores e a dos mandados pero vivían todos baixo o mesmo teito. Na planta baixa eran as cortes do gando que saían polo mesmo corredor que utilizaban as persoas.
Aqueles doutores ían polas casas cando os chamaban. Se o sitio era na montaña, tiñan que vir buscalos cun cabalo para levalos. Había que pagarlles en cartos ou en especies ou traballando para eles. Sempre me lembrarei do que D. Pepe de Cuenzas lle dixo a meu pai: "cada ún é médico de si mesmo" e aquela frase coido que me acompaña toda a vida pois se podo pasar sen ir aos médicos, moito mellor! e xunto con outra frase doutro médico mais do meu tempo que aqueles: " a persoa apropiada es tí" veñen a conformar un pouco a miña filosofía.
Deixo unhas fotos que fun facendo cando lembraba estas historias.