www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 19 de setembro de 2016

ROTEIRO POLA MARRONDA


Apunteime a unha das excursións que organiza o Concello de Lugo. Era á Marronda e como vivo perto dela e apenas a coñezo, só de vista, pois non me quedaba outra que animarme e aproveitar a oportunidade que se me ofrecía. A Marronda ten un percorrido de unhos sesenta quilómetros e consideráse GR. Esta vez, uninme a un grupo de xente que, en principio, non coñecía pero nada mais subir ao autobús, xa atopei caras coñecidas e compañeiras de outras actividades. Foi moi emocionante atoparme con elas despois dun longo verán sen vernos. Así que, xa tiña compañía para todo o traxecto. Un autobús dos grandes subíunos ata as antenas por unha estradiña sen asfaltar e chea de baches. Parecía un jeep xigante polo medio do monte costa arriba ata o pico mais alto dende onde podiamos divisar os montes dos Ancares e terras da Fonsagrada, nunha mañanciña de domingo con sol abundante e ceos despexados, un dezaoito de setembro.
 Como era domingo e temporada de caza, atopamos un equipo de cazadores que se dirixían ao mesmo sitio e esto non estaba previsto, polo que lles pedimos que nonos confundisen cos xabaríns.
O tramo polo que eu non pasara, chegaba ladeira abaixo ata unha fervenza moi escondida e de difícil acceso á que so nos atrevemos seis ou sete persoas, entre elas, dous cativos que apañaron os derradeiros arandos que había nas abundantes arandeiras que por alí nacen de forma espontanea, así como tamén acivro. Cando nestas estabamos, cruzóu diante de nós un xabarín a toda mecha. Xa olisqueara o perigo e sabía que o andaban a percurar. Logo empezaron os cans a ladrar e seguramente acorralalo. Espero que tivera a habilidade de esquivalos a tempo e deixarse vivir por algún tempo mais nesta fraga, a mais occidental de Europa que ten un considerable número de faias cubrindo a sua ladeira norte dun verdor espeso e profundo que sorprende á vista e recrea os sentidos e a imaxinación polo impenetrable das suas entrañas onde quén sabe o que se esconde.
Logo de percorrer camiños de cabras e pasar algunha aldea perdida, e subidas interminables e baixadas de vértigo, polas que tiven que camiñar do revés para non molestar os xeonllos, fomos descendo ata a estrada da Corte Vella, xunto á área recreativa, onde o río Eo fai un meandro perfecto, deixando no medio un  illote elevado como unha pequena montaña picuda.

Debían ser perto das catro do serán cando nos sentamos baixo un castañeiro a comer o bocadillo. A min prestoume comelo alí, ao carón do río, sentindo o seu son cantareiro e alegre, entre sol e sombra, devagariño, mastigando ben e sen presa mentras degustaba unha cervexa fría que tiven a sorte de levar na mochila. Despois dese xantar, e sen moverme do sitio, entrei en paz comigo mesma e dispúxenme ao descanso ben merecido despois da andaina. Nesas estaba cando me sorprendeu unha voz que me avisaba de que había que irse para o autobús. Interrumpir así un descansiño que me redimía de malos durmires anteriores era case sacrílego pero non quedaba outra.

 O malo foi atoparme conque o noso guía estaba a meternos noutra andaina de sobremesa por outro roteiro que ía ata Cabreira, Sampaio.... Eu accedín por cortesía e despois de un quilómetro voltei para atrás porque eu xa fixera ese camiño noutra ocasión e non era o mellor momento de repetilo. Así que, o resto foron horas de espera polos que se retrasaron na volta e demoraron a saída do autobús nunha hora polo menos. Pero todo é ben se ben acaba, e cheguei á casa algo cansada pero satisfeita de atoparme con xente que coñecía superficialmente e chegamos a coñecernos mellor e repasar tempos pasados da nosa vida de estudantes en Lugo, con amizades en común, e algunhas ben especiais e sorprendentes.
Grazas por este día, que sen ir a longas distancias, me fixo feliz no lugar no que vivo. Non hai que ir moi lonxe para sentirnos ben. Levámolo con nós a onde queira que vaiamos.



sábado, 10 de setembro de 2016

FISTERRA DA DE SÍ




A tua silueta, que sempre me sorprende ao pasar unha curva da estrada, e apareces maxestuosa, tendida, como unha serea que barase neses cantís, déixame, por un momento, incapaz de avanzar sin parar a recrearme na vista que ofreces a cantos a ti nos diriximos.
E non podía faltar a empanada/torta de mazá, feita nunha das mais antigas paderías de Fisterra, de forma artesanal e que é propiedade dunha exalumna.
 E apareciches ti, haski agarimoso, en semiabandono, para encherme de humanidade e desvivirme por ti, sentir os teus choros e laios, por estar prisioneiro xunto a unha casa desabitada, sen comida e apenas auga.... Chegáchesme a alma....Houbérame gustado poder traerte comigo pero non estaría ben que seguise roubando cans que me parecen abandonados sen estalo de todo, pois teñen dono. Polo menos síntome satisfeita de terte alimentado durante ese tempo que pasei frente a ti, asomando a túa cabeza por enriba do muro de ladrillo cada vez que abríamos a porta da casa. Apareciches como un milagre, despois de ter lido o libro sobre os lobos árticos e os haskis dos esquimos. Alí estabas ti, para lembrarme os teus conxéneres e deixarme recrear na fermosura desa cara expresiva, deses ollos azuis que namoran. Espero que o teu castigo non sexa longo e que voltes axiña onde os que deben cuidar de ti, e nono fan, teñan un momento de dulzura para un ser tan perfecto.




Sempre un brindis por esa Fisterra que deixa en min lembranzas de tempos vividos alí e hoxe píntase de cosmopolita con tanta afluencia de camiñantes que acaban alí o Camiño ou empezan un retorno despois de teren chegado ao punto mais occidental de Europa.
 

Voltar cada ano a Fisterra, sentir o sol da fin de verán; mergullarse nas suas augas cristalinas e algo frescas; recoller cunchas mentras se pasea pola veira da praia; degustar o bo peixe e marisco nos restaurantes do porto e compartir coas amigas de fai tempo momentos de encontro, de poñerse ao día nas nosas vidas, de rir como tolas diante dunha carta de tés para acabar pedindo unha manzanilla, ten o seu engado, non se pode negar.


domingo, 4 de setembro de 2016

FEIREANDO EN DONCOS (Os Ancares)




Qué mellor cousa se pode facer nun domingo de sol e calor, xa entrado setembro, que irse de feira?
E sobre todo, se non coñezo o lugar, mesmo estando tan perto. Ai, o que son as fobias! A min non se me dá circular por eses precipicios de pontes que sosteñen a autovía. Con todo, atrevínme e como a esa hora da mañá está todo dormido, apenas atopei coches e menos ainda camións. Deixei a autovía a altura de As Nogais para non aventurarme por mais pontes e fun pola estrada normal ata Doncos. Estaban empezando a organizar os postos e había sitio de sobra para aparcar á sombra dos espesos castañeiros. Era unha feira de artesanía, de oficios e de productos da zona. Había doces, mel, queixos e pan alén de outras larpeiradas caseiras. Toda a semana tiveran diversos talleres para aprender a traballar a lá, a madeira, a cerámica, os enredos e xoias pero eu quixen ir o domingo e así poder visitar unha antiga compañeira de instituto, que, por certo, non estaba pero o que sí vin foi a casa de turismo rural da súa propiedade. Mágoa que non atopase a ninguén coñecido ainda que falei con moita xente que estaba por alí. O arrecendo a polbo e churrasco xa empezaba a quentar os motores para un delecioso xantar que eu non esperei a degustar, entre outras cousas, porque acabei moi axiña de ver a feiriña e perderme por algúns camiños e decidín ir comer a miña merenda á casa. Eso sí, antes de irme dinme o meu gusto dun cafetiño levado da casa co chiculate e as améndoas. Case me avergoño de non facer nada de gasto como se supón que fagan a persoas que alí van. Pero merquei queixo do Cebreiro, mel de As Nogais e dous libros de libreiro vello que atopei interesantes.




O regreso fíxeno amodiño pola antiga Nacional VI que vai pasando por todas a pequenas aldeas nas que sempre hai algo que ver e non por esa vía rápida onde todo o mundo corre como se non chegara a tempo e eu, qué presa tiña? Ainda me pesóu por non tomar a estrada mais antiga de todas, aquela de tantas curvas e estreitiña que había antes da Nacional VI, pero déixoa para outra ocasión. Polo menos van perto dun río e pódese parar en áreas recreativas ou dar un paseo por algún sendeiro dos que sempre hai agora en calqueira sitio. Así, de vagariño, sen presa, fun chegando a Becerreá, sen apurarme a montarme na autovía ata o último momento cando xa non me quedaba outro remedio para dirixirme á miña casa. E como era domingo, e a xente agarda visitas e prepara churrasco , decidín parar na aldea dunha coñecida miña do baile e alí estaba toda a familia disposta a cociñar un bo xantar. Fíxenme unha foto cos seus canciños pequenos porque quería que constara que hoxe me vestín toda de branco, como sempre quixen facelo e poucas veces o consigo, debido ao tempo que temos en Galiza, pero que é moi normal levar esa cor nas illas Baleares, nas Canarias..... e a min ben que me gusta ir alí por eso, polo branco con algo de azul.
E bo aventurarse algúnha vez e facer unha incursión en territorio alleo, pero nada me dá mais seguridade e confianza que a miña casiña, a miña horta e os meus animaliños. Qué bonito é pasar a tarde na horta, con esa calorciña tan infrecuente nestes lares, calcetando xa para o inverno e recollendo os productos da terra. Meus pais tamén eran unhos disfrutadores destas pequenas cousas e nunca se lles dera por viaxar. A mellor viaxe é a dentro dun mesmo, cun bo libro nas mans xa se viaxa e co pensamento non existen fronteiras. Eu ando cos lobos árticos a voltas e mesmo lles tomei agarimo, tanto que xa quixera atoparme con algún dos nosos, se é que quedan. Como carapuchiña xa teño atopado con algún e logrei sair sá e salva. Haber hainos!!!!