Andaba eu estes días xestionando a miña bici, que ten uns corenta anos, e pensaba pendurala do teito para quitala do medio e mais por mantela saudable, pois visto o visto, non a estou utilizando moito nos últimos tempos, ou sexa, xubilala!!!! Merquei onte mesmo un deses ganchos para colgala por unha roda. Cando pola noitiña abrín o Facebook, cal non seria a miña sorpresa: recibín unha mensaxe dunha persoa que lembraba a miña bici dende que era un neno e a opinión que tiña dela era de que a bici non se asemellaba ás que había na súa aldea. Era unha bici diferente, con un certo "aquel" que lle daba un aire distinguido. Ata se lembraba da cor. Preguntábame se aínda a tiña e que se asi era, que fixera por ela.
Todo xira, todo flue e as cousas acontecen así, sen buscalas para amosarnos o camiño.
Coido que esta bici merece que lle rinda este pequeno homaxe de adicarlle un post no blog e agradezo a esa persoa o tela fichada e arquivada tanto tempo na súa memoria e que, xusto agora, mo comunicara. Pois nona vou xubilar, de momento, e verei se ainda podo facer pequenos percorridos por estes camiños sen tráfego que nos foron quedando despois de reformar a estrada que agora ten moito tránsito.
Pois ben, ela é de cor vermella tirando a granate. É unha BH que non ten marchas, só a que eu lle dou; é de muller (moi sexista a idea pero moi práctica) e mantense en perfecta forma como a súa ama.
Nela facía traxectos curtos de ata vinte quilómetros e, nos veráns, usabaa todos os días, unhas veces para os recados na vila, outra para ir recoller moras, outras para facer exercicio e sentir os arrecendos das flores na primavera, e sempre, sempre para sentirme aireada de pes a cabeza.
A min viñérame a aficción pola bici dun xeito semellante ao que lle pasara a ese rapaz que me vía pasar nela. As coincidencias son, a veces, sorprendentes: un home da súa aldea, andaba sempre na bicicleta ainda cando xa ía entrado en anos. A min gustábame velo pasar por diante da miña casa e sentía unha sana envexa de poder eu algún día ter un vehículo así. Por outra banda, sempre fora un soño non realizado da miña nae e tamén influíu que os mozos que viñan dende lonxe, ver ás súas mozas, deixaban as bicis na miña casa ou reparábanas pola noite cando voltaban.
Eu aprendín sen caer nunca dela. Eso foi un mérito. Víase que estaba feita para as dúas rodas. Sentido do equilibrio! E poido dicir que nunca tiven unha caída na que sufrira dano algún. Gustábame baixar as costas sen tocar o freo pero sabendo que éste respondería, claro. Tampouco fun temeraria no meu guiar. A prudencia acompañóume sempre.
Cando xa tiven coche, a xente da aldea non entendía porque ía na bici a facer os recados. Tampouco entenden hoxe porque ando con dous bastóns. Pois ben, aclaro esto por se alguén ten dúbidas: os bastóns que utilizo para camiñar son especiais para facer Nordic Walking, unha marcha nórdica que practico dende fai tempo, dende que decidín camiñar a pé, non só polo dos coches na estrada, senón tamén porque me acompaña Noa, a cadeliña, e mellor que as dúas utilicimos o mesmo medio de transporte. Cando intentei ir na bici e ela a pé, non facía mais que correr e correr sen sentido de arriba abaixo, seguindo os meus percorridos.
Hoxe fíxenlle unha foto, que aquí deixo. Algún día pasará aos meus netiños, se é que para daquela se atrevan a ir nunha bici sen marchas pero deixareilles constancia de que a mellor marcha é a propia de cadaquén.