www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 24 de novembro de 2013

DIA SORPRESA!

Unha mañanciña lixeira, con sol, co coche recien peiteado, coa liberdade na man, coa chave por fora da porta.... daba gusto iniciar unha viaxe sorpresa.
Esa amiga que desexaba moito que fora a visitala, esa atracción que sinto pola Mariña luguesa e un pulo que tiróu de min.... así partín. E cheguei en menos tempo do que pensaba. Facendo compras polo camiño, pensando xa no Nadal. Na radio, música, no corazón, latexos do inesperado. Así cheguei e chamei e Loli deu un berro de alegría no medio da cola do super e as señoras ollárona con un certo aquel de dúbida, de se estaría tola.
Primeiro din o paseo pola veira do mar. Estaba ben o mar. Recibín o seu iodo e lin os letreiros que explicaban o nome das rochas que quedaron illadas da terra. Nalgúnha plantábanse patacas. Outras eran o cagadeiro das gueivotas, outras onde as gueivotas se xuntaban a falar.... Moi interesante descubrir algo no que non tiña reparado nos anteriores paseios.
Pola praia había xente con nenos paseando. Eu tamén baixéi e crucéi ata a outra veira onde hai un faro. Alí deixeime salpicar polas gotas de auga salgada que traían as olas con unha forza media pero suficiente. Iodo en estado puro! Respiréi fondo varias veces para encherme do apreciado elemento que non teño na montaña.
Voltei á casa da amiga, cruzando a vila polo centro e cheguei decontado. Ainda non regresara de facer a compra do sábado. Entrei nun bar, despois de asesorarme coa ollada, entre os poucos que por alí había. Fun dar ao pior, coido eu, pois non tiñan luz no baño e a limpeza deixaba que desexar malia a que os clientes non lles roubaban moito tempo. Era o sitio equivocado, como a veces acontece pasar cando non se coñece un lugar.
De contadiño divisei a miña amiga que viña empurrando o carriño da compra. Parecía outra dende a súa operación de cadeira. Agora sí que camiñaba co seu habitual donaire!
A ledicia invadíunos ás dúas, pois somos almas de vida semellante e temos pasado moi bos momentos de mutua compañía anos atras cando ibamos ao baile a Redondela. Era unha comedia xa só a viaxe, ríndonos a fartar, cantando no coche e comendo o que levabamos e compartíndoo entre os tres e as veces catro.
É verdade que ningún tempo pasado ha de voltar por mais que queiramos. Tampouco é eso o que se pretende. Eu xa non quixera que os tempos pasados volveran a poder reproducirse. Camiñamos cara adiante e non hai volta atrás. En cada momento a sua cousa. Así pasa cos amores. Aqueles de antano, que se disolveron no seu momento, é case imposible recuperalos. Non serviría de nada. Nada sería igual. "Auga pasada, o río leva" É un fluir cara adiante e debemos deixarnos ir, sen mais.
Xantamos xuntas pero cada unha o seu xantar. Eu levaba o meu listo para non ter que darlle traballo e porque me gustaba. Despois fomos tomar o café á casa de outros amigos. Alí sí que hai bo humor! Hai persoas que nos agasallan coa súa risa, co seu lado positivo de ver. Sentínme coas pilas recargadas e voltei para a casa como se me tivese tocado a lotería. Xa non parecía a mesma de días atrás. Recobrara enerxía para facer cousas e dinlle unha boa volta a todo, incluso ao xaponés!
Cando volte a ter esa sensación de illamento e desánimo xa sei o que teño que facer: sorprender a alguien que non me espera. Eu mesma me sorprendo do efecto que ten o contacto con outros seres cos que podes comunicarte ben.
Qué viva a amizade!!!!

luns, 4 de novembro de 2013

NO BALNEARIO DE PAMBRE

Un novo destino para min. Un camiño, ao borde do Camiño, e ainda por descubrir. Unha aventura mais disposta a realizar. Atopar este sitio foi entretido. Por carreteriñas destas de pequenos lugares que levan a grandes lugares. O bo tempo acompañaba. Lembraba os libros de Kundera sobre os balnearios. Non era esta a primeira vez. Pero sí a primeira en pasar unhos cantos días compartindo con xente que non coñecía. O ambiente era moi familiar. Disfroitamos de paseos ao longo do Ulla. Visitamos varias veces o castelo de Pambre (que xa coñecía e visitara con guía), pero non o balneario. O comezo non foi de todo bó xa que o día que estreaba a piscina, non funcionaba ben e a auga estaba fría. Despois xa todo estaba caldeado. Collín unhos granos por todo o corpo, como unha alerxia a algo. Pensei que me picara un mosquito pero cando vín que se estendía por todo o corpo de cabeza a pés, xa non lles dín a culpa a estes inquilinos.
Os tratamentos, ún por día, estiveron ben. Gustaríame mais unha boa masaxe con mans de verdade pero tiven que conformarme coas máquinas. Polas tardes había sesión de xinasia e de actividades lúdicas para entreternos e pasar o tempo. Logo paseos pola mañá, pola tarde..... e rematar o día bailando ata que cada ún decidise parar e irse a durmir.
Pallozas nas que me aloxei.
Alí atopamos cun valioso tesouro: un berciano de noventa e tres anos que aparentaba non ter idade, dende logo, non esa. A veces vía debuxado no seu rosto sorrinte, un home de vinte, un ciclista que escalaba alturas, un masaxista durante cincoenta anos que entendía de corpos e de mentes. Sabe ler o iris e coñece todo tipos de remedios naturais para todo tipo de males. Foi tanta a simpatía que espertou entre nós que se ofreceu a darnos unha charla sobre alimentación saúdable para deportistas. Unha tarde, despois da cea, sentados en círculo arredor del, escoitamos os consellos mais sabios e descoñecidos para algúns así cómo tamén o sometemos a todo tipo de preguntas sobre as nosas doenzas. Florentino, podía ser a marca para unha vida sana. Positivo e sorrinte, alí pasa quince días pola súa conta e pasea tódolos días, fai xinasia nos aparatos do xinasio e improvisa poesía para cada ocasión. Ainda fai o pino e dobra como un bimbio. Non esqueceréi!
A veces hai que sair, conectar co mundo e descubrir o que está ahi agardando por nós. Ainda que tamén, a veces, o mundo ven á casa cando menos te esperas e dache a sorpresa da túa vida e conéctate con fios invisibles que nunca soñaches. Dou grazas a Providencia por tanta emoción!
Vista do castelo de Pambre ao fondo


Diante do edificio principal

venres, 25 de outubro de 2013

MAÑÁ DE VENRES

Venres pola mañá. Fora non chove. Todo está en calma, agardando a tormenta da tarde que xa se predixo. Fago un pastél mentras a gatiña e a cadela comparten cesta e óllanme con ternura, agardando a miña aprobación e ofrecéndome unha compañía intensa e tranquila, sen sobresaltos. A lavadora entrou en circuíto vicioso e non fai mais que dar voltas aredor do número oito. Mentras, fago un café que acompaño con turrón torta imperial de Jijona suprema. Cada ano que pasa a torta é mais pequena ainda que a caixa conserva o tamaño estandar. Tampouco sabe igual de boa que outros anos. Mágoa que non poñan os artigos de nadal xa a finais de agosto. Eu estaría comendo torta moitos mais días.
Despois de facer o marmelo da temporada penso que xa non me quedan mais preservas pendentes. Este ano saíume moito mellor. Seguín unha receita de internet que me pareceu creíble e velahí!!!
As pilas do transistor están a recargar. Todo parece estar funcionando (un tanto alleo á miña presencia). Son como as mans do titiriteiro que move os fios para que todo se poña en marcha. Mentras, tómome o luxo de escribir no
blog. Fagoo en galego porque sei que a xente do mundo estuda idiomas e entende xa mais dos que pensamos. Eu mesma estou agora co xaponés. A veces danme ganas de non voltar á clase. Non porque non sexa amena. Temos un profesor xoven que vivíu en Xapón tres anos e a verdade é que nos facilita moita información para que visualicemos vídeos, cancións, libros sobre o Xapón. Pero son alumna de mais idade e vexo as miñas limitacións a hora de aprender. Pasábame igual cando empecei clases de guitarra. Cómo podía consentir que os nenos aprendesen sen ningún problema e eu non fose capaz de seguilos. O mesmo me pasa con este novo idioma. Pero vou manter o tipo e seguir, seguir..... a ver que pasa. Pouco podo perder e moito podo gañar se persevero. Alomenos aprenderei algo! O malo é que nunha lingua, a complicación e a dificultade aumenta  gradualmente e se te quedas, xa non tes remedio!
Pero mentras observo como se abanican as follas da camelia, penso que será doado acender o lume na cociña esta tarde, e eso dame unha esperanza, ainda que a lavadora teime por non sair do número oito. Vou ver. Vale, ela gañóu. Teño que tender a roupa mollada e pesada tal como a deixóu. Menos mal que secará, secará.....e xusto a tempo para eu poder irme ao balneario tranquila, sen sobresaltos, deixando roupa tendida e animais con autodispensadores de pienso e auga e bandexas de area. Sobreviviremos?
Non podía escribir de outra cousa mais que desta cotidianidade que me rodea e onde me sinto segura e co tempo pola miña man e co desorde a medio camiño entre o orde pero sabendo que todo irá ben. Despois dun café o espíritu cobra forza e móvese con en puntillas por todo o territorio doméstico. Xantaréi fora. Non teño ganas de cociñar hoxe. Xa fixen o pastel e con eso dabonda para asegurarme unha fin de semana doce, a punto de acabarse o turrón.
Fotos de Noa coa nova gatiña, por fin en armonía e grande amizade. Fotos do marmelo recien embasado.


venres, 18 de outubro de 2013

FROITOS DE OUTONO

Erguínme cedo, como cada mañá, e agradecín á Providencia que o empacho de cidade do día anterior non deixase pegadas no meu estado físico. Despois de soños un pouco pesados, resultóu gratificante erguerse co mesmo ánimo de sempre e disposta a resarcirme do día anterior, cheo de asfalto e tufos varios, así que pensei poñer as chirucas, coller a miña cadeliña e irme a patear os prados en busca de cogumenlos. A herva estaba ainda un pouco mollada pero non tanto como en días anteriores. O aire era fresquiño con mesturas cálidas e o sol andaba por alá enriba cun ollo aberto e outro pechado. Día ideal para apañar os froitos que ofrece a natureza. Estaban no seu punto. Levaba bolsas preparadas e a navalliña de Taramundi que me acompaña dende nena (cousas da miña nai) e que corta moi ben e non pesa nada. Viñen cargada de bola de neve , de sendeiriña e algún que outro agáricus campestris. Boa mestura!
Cando chegamos, a cociña arrecendía a cheiro de setas e enseguida visualicei o que ía facer con elas.
Coa bola de neve, prepararía tomates recheos de arroz salvaxe de catro cores  e coa sendeiriña, conxeláríaa para utilizar nas sopas, purés ou acompañando carnes ao longo do ano.
Púxenme mans á obra e ainda que non tiña feito nunca os tomates recheos, penso que saíron a mar de bos.
Era un prato que nos poñían nas vendimas en Francia, na casa dunha anfitriona moi ben entendida coa cociña. Tiña os tomates recheos conxelados para usar nas vendimas xa que só con sacalos do conxelador e fornealos, xa tiña un prato de moi boa presenza e sabor. Os dela ían recheos con paté daquel que tan ben saben preparar os franceses.  Non esqueceréi nunca aqueles tomates!
Pois ben, decidín pasar o resto do día na casa xa que os xoves teño que estar fora dende pola mañá ata pola noite e ainda que xa vou atopando cousas que facer na cidade, veño acabando o día cunha dor de cabeza e un mareo que non me envía directamente á cama sen cea. Acabo o día cunha clase de xaponés que é a que me ten tanto tempo deambulando por Lugo. Onte decidín ir á biblioteca e ver cómo funcionaba. Nona voltei a utilizar dende que fora estudante nesa cidade, e daquela estaba ubicada na Deputación, no mesmo centro. Era outra cousa! Para min, que esta nova biblioteca non ten a esencia do que foi a outra. Esta mais ben semella un hospital. A xente tose, as ventanas están pechadas e non se renova o aire, ten tres ou catro plantas, os xornais están metidos nunha barriña que non fun quen de tirar dun sen levar a barra canda él! Así que deixeino posto no sitio, non fose que ......me ollaran con certa desconfianza os que estaban lendo por alí.
Non arrecendía a libros nin vellos nin novos. Había un certo cheiro raro, de aire enrarecido, de lugar pouco ventilado.... Quedeime a ler un pouco e levei un libro prestado. Todo tan dixitalizado que precisei axuda para poder levar o libro. Pero sentínme xa capaz de voltar outro día e valerme por min mesma.
E así fun recheando o día ata que chegóu a hora da clase. Menos mal que o profesor esqueceu de mandarnos sair á palestra para unha presentación en xaponés, e non tiven que pasar o apuro de ter que usar chuleta para tal menester. Pois había xente que sabía todo de memoria e mesmo facian a inclinación como os propios nativos. A min sóame a chinés!!!! Bueno, debería soarme a xaponés, non si?
Agora me poño cos deberes. Pero antes, ollarei a serie en You Tube de DENSHA OTOKO con subtíduos en español. Vou polo onceavo capítulo e eso porque me reprimo un pouco e non me permito velos todos dun tirón! Cómo enganchan os culebróns! Pero este merece  a pena, ainda que non teñas interés na lingua nipona. É unha romántica historia de amor.
Ata a próxima!

Como apañei moitos mais exemplares de AGARICUS ARVENSIS, os grandes da foto, ocurríuseme preparalos recheos de xamón e saíu esto que se ve aquí na seguinte foto.

venres, 20 de setembro de 2013

XABÓN CON AMOR!

Aqui está o resultado de un acto de amor: o meu primeiro xabón  de tocador!
Empecei vendo por internet algunhas receitas que me convenceron. Utilicei a táboa de saponización para que o xabón resultante fose apto para o uso da hixiene diaria sen danar ou alterar a pele.
Despois, todo veu da man da propia creatividade e de pensar no xabón mesmo na praia onde recollín cunchas de ostra para facer de base e de xaboneira e para a presentación.
Baixei de internet moitos modelos de caixiñas que podía facer para embasalo. Dinme un golpe na cabeza ao sair dunha papeleira e non me decatar de que a persiana da entrada estaba a media asta e coas presas por ser hora de peche, rebotei ao chán e fun correndo a un bar a por xeo para poñer no golpe. Conducín co cubito de xeo na cabeza, suxeito coas gafas de sol e a baieta do coche. Non era entroido pero o tocado podía valer. Eso todo por amor ao meu xabón.
Despois, pouco uso fixen do cartón e utilizando o que tiña pola casa, decorei, pintei, envolvín e atei o meu xabón á cuncha de ostra.
Non é pouco o pracer que me produce agasallar con esta fabricación caseira. Desta vez non engadín aromas, pois non sei ainda ben qué clase de aromas, cómo conseguilos e cales son aptos para o xabón. Tampouco explotei a cor, pero no futuro, seguro que atopo colorantes naturais e fragancias agradables.
Animo a quen queira facer esta experencia tan gratificante.
Xa levo anos facendo xabón para lavar roupa e louza e de ahí a idea de facer un xabón para corporal.


xoves, 5 de setembro de 2013

DE HORTA


  "

Cada día hai algo polo que estar agradecidos á Natureza, por canto nos da, por manternos vivos e sans.
Por cada unha das nosas accións que chegan a bo fin. Incluso polas que non chegan, porque tamén teñen o seu siñificado. Agradecer é colaborar co acontecer. Os retos que se presentan no día a día vannos construíndo e dos bos resultados acadamos a satisfacción que nos proporciona a tarea ben feita ou que a sorte nos acompañara nas nosas accións. Pero de aquí á horta, non hai mais que un paso. Todo aquelo que un día plantaches, a pesar de todas as dificultades para lograr sacalo adiante, agasállate agora con estes froitos dos que ti eres protagonista pois sabes que recolles o que sementas ( sen insecticidas, nin pesticidas, nin venenos...., libres de pecado!, nunha palabra)
Pois ben, nestas imaxes quero amosar con sinxelo orgullo eses froitos que serán parte da miña vida, do meu coidar de min, de sentilos meus, logrados na terra que eu traballei, reguéi, protexín, coidei... ata que dela saíu o que agardaba (sempre un segredo), xa que nunca sabes qué pasará con todo eso que alí tes plantado. As patacas, atacadas por un verme voraz que por sorte non lle din tempo a que as chimpara todas. Os tomates con formas exóticas e mesmo eróticas.... Os pementos que son de todo menos de Padrón. Os chícharos delicados, de esplendor tan efímero. As cebolas que eu trenzarei da mellor forma para penduralas durante o inverno, os allos que tan mal logrados me saen sempre....Os escasos calabacíns de este ano falto de chuvia e sen poder regar. As leitugas que xa pasaron a historia....E o avispeiro no invernadeiro.
O avispeiro tenme en vilo. Busquei solucións nos foros de internet. Armeime coa pota de auga fervendo e espátula, enfundada ata mais arriba das orellas.... pero non me atrevín con semellante inemigo. Lémbrome ben das picaduras do día que entrei pola hora de sol no invernadeiro. Acribilláronme!!!  E alí, xusto no pico da entrada, onde se xuntan os vértices dos tellados, está o seu neal. Vinas rebulir ainda agora pola noite. Non me atrevin co da auga fervendo. Secadra, a escaldada sería eu. Veremos outras solucións.
Pero voltando ao da horta, que por dar, da bo e malo, xa se ve, teño que estar agradecida de poder comer estas cousas tan sabrosas e libres de química.
Despois, a arte de preservalas é outra! A cociña vólvese laboratorio e ferven olas por tadas partes.
Quén non pode disfroitar de horta e de cociña, ten os placeres mais sinxelos ben limitados! Ainda que secadra disfroita mais degustando o que outros lle prepararon, nono dubido!
Pois ahí quedan as imaxes tomadas esta mañá cando recollín o que podedes ver. Convidad@s a compartir e a AGRADECER!!!!!


Aquí deixo algo que me chamóu moito a atención e xusto está relacionado co comezo do meu post. Por eso ven a conto. Merece unha reflexión!





SABIDURÍA DE VIEJA...

"Mira, mija, pa´que dejes de andar quejándote, te voy a dar unas cuantas sugerencias pa' que vivas bien, y no nomás sobrevivas...
¡Mírame a mí, estoy en la flor de la vida y me sigo riendo !

1.- Agradece por todo.
No te quejes, dale gracias a Dios que estás, que sigues, y que vives, nomás piensa que a otra bola de gente ya se la llevó...¡la vida!


2.- Cuando puedas comer... come,
cuando puedas dormir... duerme,
cuando puedas disfrutar... disfruta,
cuando puedas trabajar ....trabaja,
y si aún puedes, échate unos traguitos, juega con los hijos, haz el amor o ponte a silbar, a cantar en la ducha, y dá gracias a Dios porque tienes Salud.
No te la pases quejando,

¡¡ayyy si hubieraaaa!, ¡¡ayyy les di! ...¡ayyy si tuviera... ¡cuánto sacrificio!, ¡no m'ijita, altas y bajas siempre han habido y siempre habrán!

3.- Si en la noche no puedes dormir, sí estás vuelta y vuelta en la cama, pos' párate y ponte a hacer algo, arregla un cajón, plancha tu blusa pa mañana, ponte a leer,
porque si te quedas acostada con los ojos abiertos...
¡vas pensar puras huevadas!
Y lo pior es que te paras y las haces...
Ya de por sí......

4.- Los problemas grandotes, esos que son del mundo, y que se oyen en la televisión, que sí se está calentando el planeta, que sí a tal país ya se le llevaron los dineros, que si los narcos.....
¿esos mija?, mándalos a la m........
¡¡no los vas a arreglar tú!
Luego ni les entiendes, ¡no te hagas bolas!
Deja que los que pueden, los arreglen.
Pero tú... ocúpate de los que se ven más chiquitos, esos que sí están en tus manos.
Despabílate, aunque sea a ratos, atiende esos, los demás ¡¡a la p…. madre!!

5.- Si te dan... agarra todo lo que te den.
Agárralo, aprovéchalo, así sea un beso o una pendejadita, porque uno vive pensando, que las cosas las genera uno, pero no sabes de qué forma te llegan...
¡así que tú agarra y no te acorbades!

6.- ¡Ahhh! pero eso si..
¡No agarres lo que no es tuyo¡
ni la bicicleta, ni la bolsa, ni el dinero, ni al marido o amante de otra, lo ajeno respétalo, es de otra, cada quien tiene lo suyo, ¡lo que se gana y lo que se merece!

7.- Lo que hagas
hazlo con ganas, con muchas ganas y mucho gusto, y hazlo bien o no lo hagas y déjate de pendejadas, olvídate de las envidias tú ...a lo tuyo porque no sabes cuánto vales...

8.- Cuídate de las cabronas y aléjate de las pendejas, fíjate bien como son ....porque ¡¡hay malvadas!, conócelas y nunca seas como ellas..

Ayuda y escucha a tus amigas, no hables mal de la gente, ní de las cabronas, ni de las pendejas, sé orgullosa, pero no seas arrogante ni prepotente.

Sé humilde, no agachada;
sé valiente, no imprudente.
Cuando ganes, sonríe, cuando pierdas, no armes un escandalo, y si te dá la gana... llora.

9.- Nunca te preocupes por lo que no tienes, por lo que no puedes comprar,
cuántas cabronas que tienen todo el dinero del mundo están en la cárcel, enfermas de la cabeza, o guardadas en un hospital, asustadas e inseguras, o tienen un marido pendejo, no son felices, no saben comunicarse, no tienen una familia como la tuya.

Tú tienes algo más valioso que es ....tu gente y tu salud.

10.- Manda a la mierda la Muerte ...... que sea ella la que se preocupe por no poderte llevar, y no seas tú la que se preocupe porque ya te va a llevar!

¿Así ?, ¿o más claro?

Y, por último, mijita, si la vida te dá limones ...
¡¡ Qué limonada, ni qué mierda!!
'' TU PIDE TEQUILA Y SAL''
(Autor Desconocido)

domingo, 11 de agosto de 2013

FROR DE CACTUS

Sorpréndenme os cactus. Parecían medio mortos. Sempre igual. Non se apreciaba que medrasen. Unhas protuberancias algo secas asomaban como restos de frores vellas. Cando pasei por xunto deles esta mañá, había unhas fermosas frores amarelas con todo o esplendor que lles daba o sol nacente. Preparei a cámara e tirei unhas cantas fotos. Demasiadas, pensando que non saíran. E quedeime pensando cómo estas plantiñas, con tantos pinchos, tan a defensiva sempre, poden facernos sentir "algo" que nos conmove e nos alegra o día. Ainda alí, onde todo parece que saca as unñas, escóndese beleza e boas razóns para ser admirado.
Así, como os cactus, percibo eu, que fun de nena e ainda agora sigo a ser esquiva como os cactus. Pouco vou á igrexa. Hoxe foi un día "especial" Había moita xente daquí que está fora. Tiven que facer bos esforzos para asociar as imaxes dagora coas que eu tiña coñecido antes. A estas persoas pasáballes o mesmo comigo. Tamén tiveron que remexer no baúl dos recordos. Sentínme agasallada pola imaxe que parece tiñan de min cando era quinceaneira. Non vou dicir o "piropo" porque o gardo como esa fror de cáctus na que me vexo reflexada. Será que hai días que veñen feitos á medida, como se estiveran programados. Desencadéan unha ringleira de sensacións e aconteceres que é como se nos estivesen agardando dende tempo atrás.
Valeu a pena ir á misa. Mesmo quería acompañar os cantos coa miña voz que esperaba saíra limpa e crara como cando canto na casa, pero saíame quebrada, rota, impresentable e non osei amosala. Pero a verdade é que me gustaría cantar na igrexa como eu sei cantar, con todo o sentimento.... e porque ainda que non vaia co que penso, está ahí colgado, dende nena, como cando cantabamos a María no mes de maio, no mes das frores, das frores que non eran de cáctus naqueles tempos, senón de violeta. E subida nunha mesa que miña nai levóu diante da igrexa, vestida de branco, de comunión, co traxe que ela me fixo a ratos libres, sentíame unha raíña, recitando aquel poema aprendido dun libro ou dunha mestra.
Todos os que foramos a xente nova destas aldeas, estabamos agora alí, case estranos, sen apenas saber quenes eramos, co cabelo canoso, co corpo entrado en quilos ou tal vez algúns mais conservados en forma..... acompañados,das suas parellas que eran de sitios tan dispares, de moi lonxe e outras de menos. Case sempre é fermoso ir un día a misa polo verán, no mes de agosto, se non queres perder o pasado e o presente. Hoxe foi un día con moitas emocións!

sábado, 29 de xuño de 2013

O DIA NO QUE DEVIÑEN LICENCIADA EN ANTROPOLOXÍA

Este, é, sen dúbida, un día importante na miña vida. Dende sempre, quixen facer estudos na universidade pero as circunstancias non mo permitiron ata que andados os anos, tomei a decisión de facer realidade algo que tiña pendente conmigo mesma. Así empecéi a estudar Antropoloxía Social e Cultural pola UNED. Foron nove longos anos de dedicación a tempo parcial, compartido co meu traballo como mestra, coidado dos meus pais e tareas múltiples das que non nos podemos librar quenes temos ademais unha horta que coidar. A experencia foi enriquecedora en tódolos aspectos xa que me sinto con moita mais axilidade mental e con unha autoestima mellorada por ser capaz de ir superando retos que se me plantexaban difíciles pero non imposibles. O resultado compensa con medras todo o tempo empregado na tarefa do estudo, privándome de diversións ou actividades que outra xente podía facer. Limitando un tanto a miña liberdade pero desciplinándome en todos os sentidos. Xa sei que non é mais que un "título" que pendurar, ou non,dunha parede pero, no fondo, foi toda unha transformación no pensamento, na maneira de ver o mundo, de encaixar novas perspectivas e coñecementos que agora terei de ver qué facer con eles. Dende logo que non penso quedarme ahí, parada, como se rematase algo que xa non precisa de mais atención. Pero non, todo o contrario, ábrenseme camiños e novas posibilidades de seguir cultivando a miña mente e de vivir experencias novas, que non son outras, que as vellas, disfrazadas, pois eu nunca deixei de sentirme exploradora, aventureira, no senso de probar todo o que ofrece o variado mundo, escollendo, eso sí, aquelo que me atrae mais. Pero o que mais me agrada, é o feito de sentirme "capaz" de sacar unhos estudos que requeriron moito esforzo a nivel memorístico e de comprensión e interpretación. Asimilar conceptos, descriminar contidos, escoller aquelo que é o importante. Ler e ler entre lineas e pasar de non entender nada a poder medianamente sacar algo en limpo en materias como a filosofía que se me presentaba como algo intelexible á primeira vista, e a segunda e a terceira..... ata que empecei a ver un pouco de luz. Unha das materias que mais me gustóu foi Hominización. Sentía, dende sempre, moitísima curiosidade polos nosos oríxens, pola nosa evolución como humanos. E ainda que a confusión é parte do moito investigado, podo sentir que teño unha idea mais clara de como foi a nosa traxectoria por este mundo que habitamos. E cando visitei o DOMUS (museo de A Coruña) puiden entender algo mais e sentir que precisaba un día enteiro para ver o museo. A xente que me brindou apoio, os menos, sempre foron o pulo que tiraba de min. Os que mesmo me desanimaban pensando que á miña idade..... que na miña situación.....qué para qué????? Pois si, para moito. Comprendo o seu punto de vista pero cada persoa somos un mundo de desexos, emocións, sentimentos, aspiracións.... que constituen o noso Ego e sabemos ben por qué o facemos, as razóns que temos para empeñarse en algo costoso pero, sen dúbida, moi beneficioso, agora que ademais estase a falar de envellecimento activo, de cómo poñerllo mais difícil ao mal do Alzheimer..... Dous cursos de verán estanme a agardar: un en Tui, sobre turismo e outro en Lugo sobre emprendedores. Síntome identificada coa temática dos dous, pois, agora tamén, á miña idade e circunstancias metinme no mundo do turismo, que sempre me gustóu e no que traballei cando estudante e mesmo me criei nel xa que na miña casa, na casa que agora teño como de turismo rural, foi na época dos meus pais, unha pousada, cantina, tenda.... E sobre emprendedores, penso que non hai idade límite para sentirse emprendedor ou emprendedora! A vida, que eu saiba, só se vive unha soa vez. Aproveitar o tempo é algo que ten sentido se se quere morrer dicindo a frase célebre: CONFESO QUE TEÑO VIVIDO!!!!

venres, 17 de maio de 2013

ÁRBORE DA SORTE

A casa de Cuenzas, dos médicos da aldea, dos señores con casa grande, con criados e moitas terras, desaparecéu do mapa. Quedou a palleira, o forno e unhas cantas árbores. Entre elas, esta da foto, que ten unha flor branca e que chama a atención pola súa frondosidade floral. Pero tamén a edra fixo extragos nela e decateime de que este ano ou non vai revivir ou o fará moi tarde. Cando os criados dos señores de Cuenzas emigraron para outra vila onde mora a súa única filla, levaron un brote desta árbore porque seguramente lles gustaba tanto como me gusta a min. Eu paso por esa vila varias veces e non me tiña decatado de que mesmo diante da casa onde moraban e na que finaron fai unhos anos, había un vástago da mesma árbore que tiñan aquí. Alegreime do descobrimento pois eso, alén de outras cousas, fanme ver que tiñamos en común algo mais do que eu pensaba noutros tempos, (o gosto polas croquetas, por exemplo). Onte, cando viña de Lugo, pareime para fotografiar co móbil a árbore que tanto admiraba e desexaba que continuara no sitio, frente a miña casa para vela cada primavera en plena flor. Paréi e mesmo abrigaba a esperanza de atopar un filliño que poidera levarme á miña horta. Pois alí estaba agardándome. Era o único brote que sobresalía do chán, coa elegancia dun garotiño novo que se sentía ufano de medrar á sombra dunha nai tan grande e fermosa. Collino con coidado para non romper as súas raigames tan tenras e escasas. Leveino cunha pouquiña de terra tan nutritiva que parecía alí onde medraba. E tan pronto cheguéi, planteino na horta xunto a araucaria do Brasil. Non sei o nome da árbore, ainda que agardo descubrila pola foto, pola flor, pola folla... Terá o seu nome latino e o seu nome vulgar. Gustaríame sabelos. É posible que sexa un tipo de castiñeiro porque pareceume que a plantiña saía dunha castaña. E mentras, espero que a loita que se trae coa edra que recubre ao que teño aquí perto da miña casa, sexa a de sair adiante e abrirse paso para alegrarnos de novo coa súa fermosura. Tres casas como as tres en raia foron soterradas baixo a nova estrada unha tras de outra, todas á mesma man e contiguas: casa de Bieito, Casa de Cuenzas e Casa de Brañas, á que lle fixen un poema que debe andar por este blog. Hoxe, convertidas en estrada, déixanse pisar por calquera que pase.

domingo, 28 de abril de 2013

A ZOCA DE EMPEÑA

Remexendo entre a leña, saíu unha daquelas miñas zocas de cando ía a escola. Chamábanse zocas de empeña, por teren unha polaina de coiro, a modo de bota. Facías meu tio Pepe. Eu tiña que ir probalas e facíame tanta ilusión como mercar hoxe zapatos novos. Pregúntome cómo podiamos correr e brincar con aqueles artefactos nos pés. Coas medias de lá 100%, molladas moitas veces e o noso pé non se queixaba nin amosaba feridas. Lémbrome das miñas primeiras zoquiñas, tan feitiñas e pequerrechas como o meu pé de nena de dous anos, pouco máis. Sempre as gardei con esmero, como gardaba todas as pertenencias da miña nenez. Pero non consigo atopalas e están no meu recordo. Parecían bordadas pois tiñan debuxos gravados sobre o fondo negro da súa pintura. Atopareinas calquer día cando busque outra cousa, como sempre sucede. Xa pasaron anos. Pasóu tempo e choveu, sí, e o que ainda pasará. E neste silencio, neste valdeiro que me deixaron os que aquí moraban, pasan os meus días sen apenas falar con ninguén, sen que soe o meu teléfono, sen que chegue un mínimo sinal de humanidade.... E así é cómo me parece que debe ser envellecer. Qué sería se non tivese a compañía destes animaliños que comparten a miña soedade? Eles son a miña ocupación diaria e o meu divertimento. Tamén, a veces, sinto mágoa por eles. Tamén envellecerán, e terán quén se ocupe deles? Estaréi eu ainda para axudarlles? Quén sabe! Hoxe acheguéime a xogar co gatiño que ainda naceu fai pouco. Noteille que non ve dun ollo. Tan bonito que é, branquiño e algodonoso e que lle falte a vista dun ollo! Eu quereréino igual. Pero terá dificultades para ver os ratos. Non é o mesmo que ter dous ollos ben abertos! Finais de abril e amenceu cunha nevarada que cubría todo. Será que o inverno non acaba de irse e que instala a melancolía na miña alma que clama polo sol. Será eso, e será que as cousas fermosas son para compartilas porque cando non se comparten, parece que mesmo nos sobran! Porque aquí fermosura non falta e a tranquilidade é de envexa para quen vive no tumulto pero vótase de menos "algo" que non hai, que é o poder compartir todo esto en harmonía con alguén que se sente a mesa contigo, que tome o sol ao teu carón.....E incluso eso non falta, pois, como dicía, os meus amiguiños que son tres, están sempre á miña mesa e toman o sol comigo.... Entón, que será.....?

venres, 29 de marzo de 2013

Airbnb in Fonteo, Galicia

This place is in Galicia, Spain. Nice and evergreen (this spring is greener than ever!) Lovely mountains and rivers and quality air to breath. Unspoiled and clean. All the silence you need. The "slow" life in the countryside. Come and see by yourself. My house is waiting to have guests! If you have no money,it doesn´t matter. Surely you know how to do something: cut the grass, chop some wood, build a fence, gardening.....We are back to old times (the swaping economy) I give you accomodation and food and you do some work! But it has to be serious or you may sleep in the open and pick some berries, ha, ha, ha But if you have some savings, you deserve a real holiday. So, do a booking with www.airbnb.es and make the most of this place. Enter www.airbnb.es Look for ENJOY RURAL LIFE BY THE EO You probably start making your plans right now!!! See you soon

mércores, 13 de marzo de 2013

ANO DE NEVES....




Deixo aquí unhas imaxes desta mañá, cargadiñas de neve.

ANO DE NEVES.....

En galego chapurreado, cadraría ben:  ANO DE NEVES, ANO DE BIENES, pero eu nono vou traducir.
A xulgar polo frío de onte e polas folerpas ocasionais que nos deixaba a tardiña, era de agardar que amencese ben nevado. Erguínme coa prontitude de ir descubrir un segredo moi agardado e atopeime con tooodo nevado arredor. Era fermosísimo ver o manto que cubría coche, árbores, estrada, tellados.... A paisaxe era de postal de nadal.
Apresureime a coller a cámara para que aquela blancura non se me fose a manchar ou desaparecer. Estaba facendo a primeira foto dende a fiestra cando un coche facía o primeiro derroteiro desta mañá. Eran as oito.
A camelia, que tarda en frolecer, estaba cargadiña de froles brancas, pero de neve, claro.
Lembreime de Sevylla, de que tivo sorte sair a facer o Camiño Primitivo a Santiago antes de esta gran nevarada, senón tiña que ficar unhos días xunto desta lareira.
Este ano, a neve está sendo pródiga aquí. E por eso que teremos boa colleita de froita e de hortalizas. Eso din! Eo non acredito moito.
Ainda nevará mais. Xa ten nevado en maio mesmo. Lembro de ter feito un boneco de neve co meu fillo ainda pequerrecho. Era moi divertido esto da neve e segue sendo. A case todos nos gusta. E, nós, aquí, temos a sorte de ver nevadas unhas cantas veces ao ano.
O que menos me gusta de todo é o día antes de nevar, cando o frío é case insoportable e non che gusta sair fora nese frío. Pero unha vez que nevou, xa é outra cousa, mentras non caia xeada, claro. Parece como se o frío se fixera manto e nos abrigara. Non debo andar moi desacertada xa que hai refuxios de neve e coa neve que abrigan

martes, 5 de febreiro de 2013

ROMANESCA

A miña horta é unha fonte de sorpresas. Tan perto a teño que podo dicir que a vexo cada día, pero non, nona vexo ben. Será polo tempo frío e chuvioso que non vou moito a observar polo miudo. Pero, esta tarde, que facía un dia de sol que convidaba a facer vida fora, asoméime ao pequeno invernadeiro, para regar algúnhas leitugas e cal non sería a miña sorpresa ao ver unha col fermosísima, como de encaixe ou nido de abella, asomar por entre as follas verdes que a protexían. Estivo medrando todo o tempo e eu nona vin nacer, non vin que saíse dela nada en concreto. Dende que recollera o brucoli xa pensei que nada ía a sair daquelas coles. Só me fixaba nas coles de bruxelas que sí penduran por todos lados dunha col moi alta. Así que cando vin a romanesca, quedei abraiada e recollina para a cea deste oito de febreiro.
Agora xa sei que se me dan ven as crucíferas na miña horta, concretamente no invernadeiro, pois nada así se tería logrado fora dél. Poñeréi outro mais grande e cultivarei esta variedade de col porque son anticanceríxenas.
Nada como ter unha horta que te sorprenda coa primeira frol, con verduras un tanto exóticas que pensabas que non se darían.
Ahí deixo a miña col para que a admiredes como unha frol de filigrana.

sábado, 19 de xaneiro de 2013

SOUTOMERILLE






Soutomerille de lenda
escasas reliquias deixas
emblemáticas dabondo
de nobreza e fidalguía.
Unha igrexa peligrina
unha pousada derruída
un cemiterio escondido
e tí, castiñeiro altivo
O teu souto deuche nome
a terra substancia viva
esculpido na parede
formas parte dunha linde
dun camiño primitivo
que vai por Soutomerille

venres, 28 de decembro de 2012

O GATIÑO DONADO

Dar e recibir é algo que se practica dende tempos inmemoriais. Dar o que queres é dar o mellor de tí. Eu din o meu gato, que por certo lembrábame a meu pai na súa face, tiña unha certa seriedade dun capricornio comedido.
O meu gatiño, mozo fornido, en plena xuventude, ainda virxe, non perdeu a inocencia e déixase enganar con facilidade.
Leveino no trasportín pero no colo, non collido pola asa. Quería que me fose vendo mentras llo levava a unha veciña. Connosco ía Nóa, a cadela, para que él non se sentise raro. Como se fose un paseo daqueles faraóns meniños que eran levados nunha especie de trasportín, entre catro esclavos.
O camiño xa se lle ía facendo longo e comezóu a miañar polo baixiño. Cando chegamos xa tiña a cama preparada, a area e a comida. Pois fora antes a prepararlle o terreo para que nada lle faltara. Como estaba coa Noa, non reparou no cambio e amosou curiosidade inmediata por explorar o novo lugar.
Dalí a pouco deixámolo solo. A veciña agradeceu moito o agasallo. Mesmo quixo que llo levara a súa nai de 102 anos para que o vise. Gustóulle moito velo tan gordecho e branco como unha bola de neve.
Mais tarde, levei outra vez a cadela comigo e fomos ver qué tal se portaba o gatiño. Parecía que desaparecera. Non estaba por ningún lado. Pasado un pouco, din con él entre unhas bolsas de plástico detrás dunha cortina. Veu xunto a nós e deixóuse aloumiñar. Estaba contento de voltar a vernos e púxose a comer diante de nós, cousa rara cando están estranos.
Na casa, a súa nai, a gata, andaba á súa percura. Non deixaba sitio que non mirase e estaba inqueda. Miraba para fora da valla, para os prados, para ver se o gatiño se salira da finca. Nada. Nin rastro. Noa e eu tratamos de consolala dándolle mais agarimos que de costume. Agora xa voltaba ela a ser o centro de atención. Dende que nos presentóu o filliño, todas as atencións foran para él. Peludiño como era, poñíase patas arriba nada mais verme para que lle rascara a barriga. So con verme xa estaba él dándose a volta ainda que fose enriba dunha charca con tal que lle aloumiñara toda a súa barrigola. Eu enterraba os dedos naquel algodón branco e él non me rasguñaba nin nada, era boíño de todo.
Eu tamén sinto que onte fose a derradeira noite que pasarmos xuntos os catro na cociña ao pé do lume. Cómo xogaban él e súa nai debaixo do sillón. Xogaban ao escondite e a outros xogos que eles saben.
Así é a vida para nós e para os animais. Pasamos dunha situación a outra diferente nun santiamén. E non sabemos nada de cal será a seguinte.
Dende aquí, vaia este post para o meu gatiño que tanto voto de menos.

luns, 10 de decembro de 2012

UN DÍA REDONDO / A HAPPY DAY

Hora ía sendo que voltase por aquí. Xa cambiou todo e case non sabía nin como entrar. Ou corres, ou píllate a tecnoloxía desprevenida.
Onte pola noite, estiven lendo O Peteiro, que é a revista do Partido da Terra, e atopei un artigo que me gustóu moito. Trataba de un tema de antropoloxía e xusto dentro dela, trataba de hominización, que é a asignatura que estou a estudar. Pois ben, dicía, entre outras cousas, que hos seres humanos de fai 150.000 anos, non eran moito mais diferentes do que somos hoxe. De que se trouguéramos unha meniña daquela época á escola, a vivir cunha familia actual, aprendería matemáticas, informática......e vistiría e comería como o fai unha rapaza do século XXI. Que nos 140.000 primeiros anos, dende esa data, non houbo cambios moi grandes na hominización, se ben os houbo dende fai unhos 10.000. Pero os cambios para nós, son mais ben, cambios ecolóxicos, do noso hábitat, posto que nós, no fondo, somos ainda aqueles seres primitivos, teimando pola adaptación vertixinosa a un entorno cada vez mais cambiante e mais veloz. Eso fai que nos sintamos tan pouco felices, tan frustrados..... porque este non é o noso medio. Está moi por enriba das nosas posibilidades, ou se non por enriba, polo menos está a axfisiarnos e sumirnos no caos existencial mais devastador. Ao igual que hoxe se fala da desaparición de especies  de fai millóns de anos, como o caso dos dinosaurios, é posible, que cando se nos estudie como especímen desaparecida da faz da terra, no futuro mais futuro, se diga de nós o mesmo que se dixo deles: que desapareceron por non ser capaces de adaptarse ó mundo que os arrodeaba, que se lles impuña e os aniquilaba. Sobrevivir.....Trátase de saber perpetuar a especie, sobrevivindo e adaptándonos aos tempos que tocan. Difícil tarea. Onte, vía tamén un filme reportaxe dunha aldea do Bierzo, onde, similar ao que foi a Comuna de Negueira de Muñiz en Lugo, un fato de xente de moi diversa procedencia e fala, intenta a supervivencia nun medio hostil, de montañas, illado da chamada sociedade civilizada, e trata de subsistir valéndose dos recursos que con creatividade  saben producir case da nada, sacándolle proveito ao que nos desperdigamos, aproveitando os propios excrementos para facer fertilizantes nunha compostaxe que pode producir noxo a primeira vista pero que unha vez vistos os resultados.... dan que pensar.
Viven na natureza, mais perto daquelo que vai coa nosa propia razón de ser e non se contradín como facemos cada día os que pululamos por mundos que non son para humanos senón para seres robotizados.
Toda unha reflexión de fin de semana, mentras con unha man blandía a espada para loitar polos intereses mundanais, reclamando diñeiro nos bancos que estafan unha e outra vez, sen escrúpulos aos que non temos maneira de exercer a propia defensa. Cantos non tolearán por ese motivo e outros semellantes. Inútil loitar polas cousas materiais que nada siñifican e nada son, despois de todo..... senón o pesadelo froito do contínuo traballo, do día a día, sen outro sentido e finalidade que a de coleccionar deses papeliños que de un día para outro poden non valer nin para envolver un unha caixa de mixtos. Tan lonxe chegóu a nosa chamada cordura e sentido común do ben ser.
Sinto non ter foto que engadir a este post. Podería terlles feito unha foto aos banqueiros dicíndome que non, que me conformase co que me daban.
Podía terlle feito unha foto a xeada branca que cubría o regreso a Lugo despois de deixar atrás os 10 grados mais da vila rianxeira. Podía incluir o enlace para o vídeo sobre a aldea do Bierzo.....
Pero non, só as miñas palabras deixarán constancia dese día feliz que pasei cos que mais quero.

domingo, 7 de outubro de 2012

BONECAS DA MIÑA INFANCIA

Deixei pasar o tempo do millo, aquel tempo cando están as espigas en pleno crecimento. Sempre chaman a miña atención e lembro cando eu, de nena, a falta de outras bonecas, utilizaba estas para os meus xogos. Eran loiras de pelo liso, morenas de pelo rizado, peliroxas.... e eu facía do seu cabelo os peiteados que mellor lles quedaban.
Lembro como nunha ocasión, collera mais de trinta bonecas destas e esconderaas entre a palla do palleiro. Eran da finca dos veciños. Nin que dicir do resultado de tal rapiña.
Ademais das bonecas de millo, tamén me gustaban outras que salían dunha planta que medra nos humedais, que son como as bonecas rusas, están unha dentro de outra ata o infinito. Aquelas eran mamás en xestación.
Outras bonecas eran as feitas de trapos que lle sobraban a miña nai de cando facía vestidos. Eran todo unha creación de modeliños feitos de trapos pero que nin a Barby de hoxe!
E por fin, cando recibín a primeira boneca, de cartón, fíxome moitísima ilusión. Era por reis. Tiña un timbre na barriga porque ao movela choraba ou facía algún ruidiño. Morreo na mesa de operacións pero o timbre saíu intacto.
A raíz daquelo, non houbo mais bonecas.

Pasado un tempo, e cando xa empecei a manexar certa información de cómo facerse con cousas desexadas, atopéi un cupón de Maripepa Mendoza que ofrecía enviar unha boneca se lle escribía. Non tardei nada en facelo e contáballe cómo me gustaría ter unha bonequiña preta, como a do catálogo. Non sei por qué nin cómo, aparecéu chegando un paquetiño cunha bonequiña loira, cun vestidiño bermello, braguiñas, zapatiños.... e o vestido era de poñer e quitar.
Conservei esa boneca ata que o meu fillo ma fixo pasar o outro mundo, o dél! E así acabou.
Tiven moi poucas bonecas do mercado pero non me faltóu imaxinación para facerme con outras substitutas.

sábado, 14 de xullo de 2012

CARACOLEANDO

Eran tantos os caracois que saíran á chuvia de verán que tiven que pasar entre eles caracoleando, facendo viravoltas para non esmagar algún. Pregunteime qué farían tantos alí, cómo decidiran todos saír ao camiño asfaltado por unanimidade. Pensei se tal vez co recorte de verduriñas que hai este ano, estarían manifestándose ou se dalgún xeito escoitarían o neno do tambor que os facía sair naquel conto que lera de pequena, ou se escaparían da humidade do campo para unha superficie onde non se sentisen tan mollados, porque os caracois non queren a humidade, xa teñen eles dabonda nesa babosidade interminable. Pensei no meu fillo, a quen lle gusta comelos dende que os catou en París fai cousa dun ano pero lembreime de que éste non é o tipo de caracol que él considera apto para comer. Demasiado pardo e sen as listas marelas que él me deu a coñecer nunha das súas visitas á aldea. Pois tiveron sorte, porque de ser eses os seus preferidos, acabarían todos metidos nunha tina de serrín ou de fariña de millo para acabar de enxugarse.
Lamentei non ter a cámara de fotos para retratar tan sorprendente estampa, endexamais vista por min en ningures. Mesmo cubrían o camiño enteiro atrancándome o paso por entre eles. Soñei con aquel conto que lera no faiado da palleira, nun daqueles libriños que viñan co chocolate Carmiña e que eu substraía con habilidade para non ser notada a súa falta e que logo voltaba a colocar dentro da tableta como se nada tivera pasado, pois meus pais non deixaban que eu me apropiase dos premios e regaliños que viñan coas cousas que eles vendían na taberna. Aquel conto, do que pouco me lembro, falaba dun neno que facía saír os caracois, á golpe de tambor, enganándoos, xa que eles coidaban que se aveciñaba unha treboada. A verdade é que non sei con qué finalidade teimaba por facerlles sair da súa morada, coido que non era para comelos, senón polo pracer de ollalos e de gastarlles unha broma.
A natureza é unha fonte de aprendizaxe e mesmo de plancenteira sabiduría. Nós só temos que pasar no momento oportuno. É como a vida mesma, chea de sorpresas inesperadas que nos fan cavilar, lembrar e en definitiva, aprender.
Ahí quedan os caracois se é que consigo facerlles sair dalgún sitio.