www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 29 de maio de 2016

SURFING CORUÑA

Viaxar é sempre unha experiencia. Non importa se a viaxe é mais longa ou mais curta. E, sobre todo, usando transporte público, da a oportunidade de interactuar con outra xente, de observar e pode que ata de relacionarse.
Collín o autobús ás nove da mañá. Era un luns e a esa hora moitos estudantes retornaban aos seus estudos. Senteime no asento de diante, xusto detrás do conductor. Enfrente ía un xaponés mais o menos da miña idade. Souben que era xaponés e non chinés ou coreano porque na súa sahariana poñía: Soy japonés. Levaba á vista unha cámara grande e unha botella de auga da que bebía de cando en vez. Eu tamén levaba auga pero non cámara. Dormitaba case todo o tempo e eu, así, podía observalo sen que se decatara. Qué boa oportunidade para practicar o meu xaponés. Pouco podería dicirlle. Todo mais, bos días.....Si, podería dicirlle, disculpe, bos dias...(sumimasen, ohayo gozaimasu) (すみません、おはよ ございます)  e ahí acabaría a miña conversa seguramente porque como pensase que eu podía seguirlle a corriente en xaponés, sí que ía verme en apuros. Ao chegar a Coruña, apeámonos do autobús e recolleu a súa mochila. Seguramente  iría percorrela un pouco mais de vagar.
Co tempo contado, atravesei rúas principais e descubrín atallos que me levaron a sitios polos que non tiña pasado antes e detívenme ante cousas que me chamaron a atención, como unha pequena tenda de productos artesanais aberta o mesmo ano en que eu nacín, ou unha cafetería que tiña todos os rótulos en galego e unha decoración a base de pallets pintados de branco. Entrei tomar un café porque o sitio estaba animado a aquela hora, e quedei moi sorprendida tamén coa decoración do baño. Non faltaba detalle!
A grandes zancadas, pero sen perderme nada, atravesei a cidade de lado a lado en busca dunha exposición dun pintor amigo e como non abría ata as doce, xustifiquei o meu "surfing" entrando nunha tenda de productos ao granel onde merquei xenxibre confitado, dáctiles de Israel e kinoa.....
Pero o que mais me chamou a atención foi atopar tanta xente sen teito, durmindo na rúa, coa súa manta, espertando dun sono dubidoso, sostendo unha taza que non sei se contiña un café quente, rodeados de enseres minúsculos e facilmente transportables onde non faltaba un tarro con flores. Aquela panorámica repetíase  ao longo do meu percorrido deixándome totalmente conxelada e sentíndome incapaz ante a miseria dos demais. Hoxe, ollando xornais en Internet, atopei unha daquelas imaxes, ilustrando un texto que falaba de que España ocupa o undécimo lugar no índice de pobreza, non sei se de toda Europa. Gardei a foto para incluíla aquí, xa que nin por un momento se me pasou pola mente facer unha dos meus conveciños de Coruña.
E todo o demais, xa non ten importancia.

mércores, 4 de maio de 2016

DIA PRIMAVERAL


Hoxe, 4 de maio de 2016, mércores, fai un fermoso día en toda Galicia. É un pracer poder disfroitalo desde aquí, a aldea onde nacín. Fixen un percorrido, como tódolos días, coa miña cadela, baixo un ceo absolutamente azul e un val que se estende, todo verde, ata a mesma raíz da serra do Caurel. O silencio, o soliño quentando morno a esta primeira hora da mañá, o arrecendo a herba recén cortada, as árbores froiteiras en flor e o borde do camiño vestido de festa con flores variadas, fan que se o paraíso existe, podería ser así. Atopamos ainda regatos que levan auga presta e debuxan fervenzas nas que Noa podería darse un baño, pero non. Eu convídoa a que beba no rego porque sei que leva sede todo o tempo e que se molle, que se despida desta oportunidade que a natureza lle brinda e que no verán xa non teremos.
Pensaba no fermoso que é sentirse integrado nun lugar, formar parte desa paisaxe e descubrila cada día dun xeito diferente. É unha fonte de inspiración. Todos os problemas, dúbidas, indecisións, incertezas que o día me pon de deberes, vanse resolvendo nestas andanzas, xa que a mente está libre, despexada, e é capaz de pensar as mellores solucións. Tamén lembraba o luns pasado nunha cidade galega a onde fun por motivos de saúde, e despois de pasar a mañá, deixándome radiografar, fotografar, diagnosticar......decidín darme un bo refrixerio antes de voltar no autobús. Fun camiñando pola cidade, atopando cousas que me chamaban a atención, entre elas, una panadería de "boutique" que amosaba pans de todo tipo na súa fiestra e na que dentro se vía unha longa cola para mercar.  Aquelo seduciume. Xa non xantaría de restaurante, como en principio tiña pensado. Non. Ía facerme un "picnic gourmet" e tomalo en calque
ra xardín ou na terraza dalgún bar. Entón merquei o mellor queixo de ovella e o mellor pavo natural e, de volta, entrei na panadería. Había que coller número para mercar. Escollín un pan de cereais, que lle gustaba á que tiña ao lado, e cortáronmo en rebanadas, como nas panaderías inglesas. Parece que agora veu esa moda para aquí e non está nada mal porque levas o pan cortado e  a cantidade que vas comer.
Entón xa só me faltaba escoller o sitio onde serviran unha boa cervexa. Xa estaba!. Iría a antiga fábrica, na que xa estivera sendo nena, nunha visita que fixera con miña nai para ver aos meus padriños. Agora xa non me lembraba cómo era. Tiven que preguntar, ainda que sabía mais ou menos por onde quedaba. Cando entrei, estaba chea de xente, mais ben homes case todos por non dicir todos. Achegueime á barra. So servían canas grandes así que preguntei se podía tomar o meu bocadillo alí. Dixéronme que non, que so se podía comer o que eles tiñan, non fose a pasarme algo coa miña comida e......
Quedei un pouco pasmada e púxenme a buscar solucións porque era imposible beber todo aquelo sen comer. Busquei un lugar medio escondido, detrás do enorme alambique doutros tempos, e dende alí, podía ver se algún camareiro viña e podía sorprenderme metendo as mans na bolsa ás agachadas.
Unhos homes de pé, xunto a un barril, facían o camuflaxe perfecto para a miña picaresca. E así, puiden darme o xantar mais apetecible dende facía tempo.
Son cousas así de pequenas que poden facer que a túa vida sinta os aleteos da felicidade de cando en cando, do xeito mais insólito, sinxelo e pouco común.
O día segue a ser espléndido e sentarme ao ordenador é case un sacrilexio neste caso porque mañá xa volta a chuvia. Pero foi este paseo o que me deu pulo para deixar aquí esta vivencia que marque un día feliz na miña vida cotidiana.