www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 18 de febreiro de 2018

O PASATEMPO

O Pasatempo. Betanzos, 17/03/2018


Pasou o tempo
no Pasatempo
Detalle  do Pasatempo
Pasoume un
tempo pasado,
volvendo todo
ao seu tempo
atemporal Pasatempo
onde pasei un tempo
a destempo
por non ter tido o tempo
no tempo de telo
agardei un tempo
no que ter tempo
é un pasatempo


venres, 16 de febreiro de 2018

LEMBRANZAS NO EO


Esta mañá, antes de que a chuvia me estragara o paseo, percorrín un tramo do Eo, dende a Veiguiña(por onde pasa o rego dos Mosqueiros, que se une ao Eo a altura do seu nacemento)   ata a aceña de Cuenzas. Leváronme os meus pasos por onde non pensaba ir se non fose que están limpando as árbores que caían sobre o río, e queda tan despexado de maleza, ensinando o seu caudal que vai a reverquer, apresurado e revolto, curveando entre prados, formando pequenas fervenzas, entre un leito de parede de chantos e pedras, lixeiro e persistente no seu afán por acadar o mar e descansar de tanta fatiga. Este río foi testigo da miña nenez: acompañando a miña nai cando ía lavar a roupa e tendela a secar á súa veira mentras eu percorría as paredes, escapaba dos lagartos e fantaseaba con mundos imaxinarios que só eu entendía e nos que as rochas facían a vez de casas e refuxios dos meus soños de nena solitaria. Tamén foi testigo de "bullying", como se diría hoxe, cando subida nun carro de vacas, acompañada por homes do lugar, iamos buscar a leña que cortara meu pai no Carballal. Tíñanme adestrada en palabras "pecado" e baixo a amenaza de guindarme ó río cando o atravesabamos, requerían a miña recitación do que a eles lles facía tanta graza. Pero tamén foi testigo de momentos felices, coas miña primas, cando pasabamos pola ponte de tablas separadas na que ela tiña que gatear, do medo que lle daba e eu pasaba sen problema dun lado a outro as veces que fixera falla. Agora, daquela ponte só quedan as paredes laterais. Mentras esto ocurría no río Grande, outra parte da historia tiña lugar na aceña de Cuenzas, outro lugar para lavar a roupa e xogar co que a ladeira do monte ofrecia cas suas penas onde eu fun sempre, andado o tempo, a inspirarme, a ler, a pensar, a escribir....Qué fermoso sería recuperar este río, tal e como parece que empezan a facelo agora, pero con sendeiros e pontes de madeira, para que resulte atractivo camiñar á súa veira e acompañalo neste primeiro tramo do seu nacemento, onde aínda se conserva virxe e libre de lixos que o contaminan e matan as suas  troitas, tan apreciadas noutros tempos. E que este lugar se convirta nunha aldea con atractivo turístico, por ser cuna do Eo, por ter a Marronda ao pé e fervenzas que apenas se coñecen ou aldeas como Cabreira, Castrelo, a Espiña, onde hai un castro ainda sen catalogar, ou fragas como o Carballal e a misteriosa Pena dos Mouros.Conxunto que ollado dende a outra ladeira semella un dragón durmindo dende tempos inmemoriais. (Por certo, unha amiga miña, dí que esta fraga ten moita enerxía, e a Pena dos Mouros, acóllete nun regazo do que non desexas sair....) Gustaríame poder ver todos eses cambios que imaxino neste lugar onde nacín e ao que voltei e no que vou contando as casas que van quedando sen xente e os poucos veciños e veciñas que somos. Pero alá nos meus soños, vexo esta aldea cas casas restauradas, con xente, con visitantes, con algo que ofrecer e ser valorada como un entorno natural de primeira calidade.






luns, 5 de febreiro de 2018

HAPPY WINTER

Caen as pabuxas lenemente
coa suavidade felina que me atrae
Sinto o seu aloumiño, o seu pousarse
de pinceladas brancas
no leito que lle tende a terra...
Madrugar para ver a impoluta
imaxe dun mundo sen estrear
co que me sinto en paz
A neve deixa maxia por onde pasa
Detén o tempo, enlentécenos,
descánsanos, arrola os soños.



venres, 2 de febreiro de 2018

UN PASEO POR CORUÑA

Despois dun xantar en boa compañía, no sitio menos esperado, e moi perto da Torre de Hércules, o mellor que puiden facer foi ir visitala e camiñar a partir dela, ou pola esquerda ou pola dereita. Eso xa era imprevisible. Escollín ir polo Este. Facía tempo que non pasaba por aquela zona, e resultábame case irrecoñecible.
Onde antigamente había leiras, agora hai prados con camiños de terra para camiñar ou ir na bici. As vistas son impresionantes e cando hai temporal, ainda mais. Aquí naufragaron barcos como o  Mar Egeo e o Urquiola fai unhos cantos anos.



Os monolitos, esculturas mirando ao mar, semellan un grupo de persoas que teñen saudade do mar e fican para sempre ollando para él. (Interpretación miña)
Un pouco mais adiante, aparece este monumento con poemas, un de García Lorca.

Este panel, explica un pouco o que eu deixo sen comentar, pois non me lembro de todo e indo ó paso que ía.....
Cemiterio dos Musulmáns, construído durante a guerra, no 1937.
Praia ou cala das Adurmideiras (Amapolas) Lugar inédito para mín. Gustoume descubrir outras praias de Coruña que non sexa a de Riazor.
Uha praia, que ademais, é bandeira azul! Ten o seu engado. Chamoume a atención!!!!
Praia de San Amaro, pequena península cunha urbanización con vistas ó mar por todas partes. Tampouco sabía desta praia. O cemiterio de San Amaro, ubicado aquí, é o mais antigo.
Praias que son do meu agrado xa que non teñen apenas ondas fortes e están abrigadas do nordés.
Farolas deseñadas con gusto artístico, ao longo do paseo que leva ó náutico e Castelo de San Antón. Motivos marítimos dunha artista, muller, da que non me quedei co nome!!!
Pasei de longo polo xardín de San Carlos, sen entrar nel e virei á direita para pasar xa polas rúas e prazas da cidade vella, atopando esta igrexa, adicada a Santiago, que está nunha praza que eu non tiña visitado antes.
Sabía que me podía estar metendo na boca do lobo e apurei o paso. Rúas pouco transitadas e sempre algo sospeitosas para espíritus solitarios.

E xa, na amplitude da Marina, que agora é peatonal e so poden entrar buses e taxis, sentínme algo mais segura.


Sentíndome algo cansada do paseo, estiven a punto de coller un autobús para dirixirme á casa da miña amiga e anfitriona, en Catro Camiños, pero optei por facer o pequeno tramo a pé, así podía ir descubrindo mais cousas, entre elas, a Fábrica de Tabaco, hoxe convertida en vivendas de protección oficial, ainda aparcadas polas moitas trifulcas que causou no seu día a pugna por elas. Non sabía que estaba alí, perto da Fábrica de Cervexa.
Deixo aquí a reportaxe do meu paseo por se alguén se anima a seguir os meus pasos!!!!!