www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 24 de novembro de 2013

DIA SORPRESA!

Unha mañanciña lixeira, con sol, co coche recien peiteado, coa liberdade na man, coa chave por fora da porta.... daba gusto iniciar unha viaxe sorpresa.
Esa amiga que desexaba moito que fora a visitala, esa atracción que sinto pola Mariña luguesa e un pulo que tiróu de min.... así partín. E cheguei en menos tempo do que pensaba. Facendo compras polo camiño, pensando xa no Nadal. Na radio, música, no corazón, latexos do inesperado. Así cheguei e chamei e Loli deu un berro de alegría no medio da cola do super e as señoras ollárona con un certo aquel de dúbida, de se estaría tola.
Primeiro din o paseo pola veira do mar. Estaba ben o mar. Recibín o seu iodo e lin os letreiros que explicaban o nome das rochas que quedaron illadas da terra. Nalgúnha plantábanse patacas. Outras eran o cagadeiro das gueivotas, outras onde as gueivotas se xuntaban a falar.... Moi interesante descubrir algo no que non tiña reparado nos anteriores paseios.
Pola praia había xente con nenos paseando. Eu tamén baixéi e crucéi ata a outra veira onde hai un faro. Alí deixeime salpicar polas gotas de auga salgada que traían as olas con unha forza media pero suficiente. Iodo en estado puro! Respiréi fondo varias veces para encherme do apreciado elemento que non teño na montaña.
Voltei á casa da amiga, cruzando a vila polo centro e cheguei decontado. Ainda non regresara de facer a compra do sábado. Entrei nun bar, despois de asesorarme coa ollada, entre os poucos que por alí había. Fun dar ao pior, coido eu, pois non tiñan luz no baño e a limpeza deixaba que desexar malia a que os clientes non lles roubaban moito tempo. Era o sitio equivocado, como a veces acontece pasar cando non se coñece un lugar.
De contadiño divisei a miña amiga que viña empurrando o carriño da compra. Parecía outra dende a súa operación de cadeira. Agora sí que camiñaba co seu habitual donaire!
A ledicia invadíunos ás dúas, pois somos almas de vida semellante e temos pasado moi bos momentos de mutua compañía anos atras cando ibamos ao baile a Redondela. Era unha comedia xa só a viaxe, ríndonos a fartar, cantando no coche e comendo o que levabamos e compartíndoo entre os tres e as veces catro.
É verdade que ningún tempo pasado ha de voltar por mais que queiramos. Tampouco é eso o que se pretende. Eu xa non quixera que os tempos pasados volveran a poder reproducirse. Camiñamos cara adiante e non hai volta atrás. En cada momento a sua cousa. Así pasa cos amores. Aqueles de antano, que se disolveron no seu momento, é case imposible recuperalos. Non serviría de nada. Nada sería igual. "Auga pasada, o río leva" É un fluir cara adiante e debemos deixarnos ir, sen mais.
Xantamos xuntas pero cada unha o seu xantar. Eu levaba o meu listo para non ter que darlle traballo e porque me gustaba. Despois fomos tomar o café á casa de outros amigos. Alí sí que hai bo humor! Hai persoas que nos agasallan coa súa risa, co seu lado positivo de ver. Sentínme coas pilas recargadas e voltei para a casa como se me tivese tocado a lotería. Xa non parecía a mesma de días atrás. Recobrara enerxía para facer cousas e dinlle unha boa volta a todo, incluso ao xaponés!
Cando volte a ter esa sensación de illamento e desánimo xa sei o que teño que facer: sorprender a alguien que non me espera. Eu mesma me sorprendo do efecto que ten o contacto con outros seres cos que podes comunicarte ben.
Qué viva a amizade!!!!

luns, 4 de novembro de 2013

NO BALNEARIO DE PAMBRE

Un novo destino para min. Un camiño, ao borde do Camiño, e ainda por descubrir. Unha aventura mais disposta a realizar. Atopar este sitio foi entretido. Por carreteriñas destas de pequenos lugares que levan a grandes lugares. O bo tempo acompañaba. Lembraba os libros de Kundera sobre os balnearios. Non era esta a primeira vez. Pero sí a primeira en pasar unhos cantos días compartindo con xente que non coñecía. O ambiente era moi familiar. Disfroitamos de paseos ao longo do Ulla. Visitamos varias veces o castelo de Pambre (que xa coñecía e visitara con guía), pero non o balneario. O comezo non foi de todo bó xa que o día que estreaba a piscina, non funcionaba ben e a auga estaba fría. Despois xa todo estaba caldeado. Collín unhos granos por todo o corpo, como unha alerxia a algo. Pensei que me picara un mosquito pero cando vín que se estendía por todo o corpo de cabeza a pés, xa non lles dín a culpa a estes inquilinos.
Os tratamentos, ún por día, estiveron ben. Gustaríame mais unha boa masaxe con mans de verdade pero tiven que conformarme coas máquinas. Polas tardes había sesión de xinasia e de actividades lúdicas para entreternos e pasar o tempo. Logo paseos pola mañá, pola tarde..... e rematar o día bailando ata que cada ún decidise parar e irse a durmir.
Pallozas nas que me aloxei.
Alí atopamos cun valioso tesouro: un berciano de noventa e tres anos que aparentaba non ter idade, dende logo, non esa. A veces vía debuxado no seu rosto sorrinte, un home de vinte, un ciclista que escalaba alturas, un masaxista durante cincoenta anos que entendía de corpos e de mentes. Sabe ler o iris e coñece todo tipos de remedios naturais para todo tipo de males. Foi tanta a simpatía que espertou entre nós que se ofreceu a darnos unha charla sobre alimentación saúdable para deportistas. Unha tarde, despois da cea, sentados en círculo arredor del, escoitamos os consellos mais sabios e descoñecidos para algúns así cómo tamén o sometemos a todo tipo de preguntas sobre as nosas doenzas. Florentino, podía ser a marca para unha vida sana. Positivo e sorrinte, alí pasa quince días pola súa conta e pasea tódolos días, fai xinasia nos aparatos do xinasio e improvisa poesía para cada ocasión. Ainda fai o pino e dobra como un bimbio. Non esqueceréi!
A veces hai que sair, conectar co mundo e descubrir o que está ahi agardando por nós. Ainda que tamén, a veces, o mundo ven á casa cando menos te esperas e dache a sorpresa da túa vida e conéctate con fios invisibles que nunca soñaches. Dou grazas a Providencia por tanta emoción!
Vista do castelo de Pambre ao fondo


Diante do edificio principal