www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 27 de abril de 2024

ALBUM DE LABORES

 



Na vella escola franquista, as nenas faciamos labores: bordados, crochet, calceta... mentres que os rapaces aprendían cousas que se asociaban ao traballo dos homes. 
Viñan sendo como as manualidades de agora pero máis sexistas.
Hoxe, buscando outras cousas no faiado, atopeime con este álbum de labores que fixera no Instituto Feminino de Lugo cando cursaba segundo de bacharelato, que viña sendo como sexto de primaria de hoxe.
Tiñamos profesoras da Sección Feminina para asinaturas como xinasia, labores, educación social...
A pesar de que agora vemos e xulgamos aquilo como algo negativo que non tiña que ter acontecido, penso que sempre hai que sacar algo bó dentro do malo. Aprender costura é unha cousa que resulta moi útil, pero para calquera xénero, non só para as mulleres. O mesmo sigo pensando que aprender mecanografía ou inglés foime do máis útil dentro das miñas aprendizaxes.
Cando tropezo con panos bordados por mín, sinto como que tiña unha habilidade que xa non se inclúe nos estudos de hoxe en día e hai nenos e nenas que non saben coser un botón cando lles cae. A min foime de moito proveito, máis aínda cando na casa tiña unha nai costureira que me ensinóu cómo coser á máquina, cousa que aínda practico na que foi súa de toda a vida, unha Singer que cose moi ben.
Así que, cando me deron os ollos neste álbum ilumináronseme e quixen darlle a transcendencia que ten. Gustaríame que o visen as miñas netas.
Debía ser moi relaxante facer aquelas bainicas todo ao redor. Primeiro sacando os fíos un por un todo arredor do pano, saba ou o que fora.
Son gardadora do pasado.Desprenderse de cousas de daquela, é como tirar parte da historia ao lixo.
Deixo para outro día o achádego que tamén atopei hoxe, remexendo para buscar A Rasela, unha revista escolar do meu derradeiro destino como mestra.
Gardar é valorar!