sábado, 9 de noviembre de 2019

Mañá filloeira


Unha mañá de novembro que ofrece cumes nevados e moito frío. Tempo de estar na casa gardados.
Na radio soa música de baile e nas sarténs cantan as primeiras filloas.
Dun tirón, vou facendo o montón e entre medio, bailo ao son da música para escorrentarlle o frío aos pés.
Pensar no blog xa non é como era. Despois de térenseme borrado as fotos de moitos posts, tamén desapareceron os que estaba reeditando coa fin de facer un libriño con eles e así poder conservalos, afastados desta tecnoloxía que non logro entender e que a mais mínima xógame malas pasadas.
Tambén inflúe non ter lectores. Sabemos que un blog aliméntase de comentarios.
O mundo xa parece un sitio incómodo para vivir. As amizades vanse perdendo e imos ficando sos á medida que os anos nos levan mais perto do noso destino final. Escoitaba na radio, nun programa nocturno da radio galega, que a soedade vai cubrindo o ceo como estes nubarróns que ocultan o soliño que agromaba fai un instante. Son as cataratas da existencia. Escoitaba, non eso que acabo de dicir, senón, que moita xente síntese soa, que precisa de algúen con quen compartir unha conversa, un cafetiño, un paseo. De ahí que xurdise a idea de facer un Banco de Amigos/as para darlle un canle a tanto illamento. Incluso se lles ocurría que poderían vivir xuntos nunha casa, na casa de alguén. Pero eso non é doado. Cada quén, quérelle á súa e ademais, a convivencia non sempre é posible.
O mellor é aceptar o que nos pasa. A vellez sempre foi así. É unha etapa da vida que nos limita e que ademais, non ten futuro. Temos que ir vendo cómo se nos esquece o aprendido noutro momento, porque nono exercitamos. Cómo o noso cerebro se enlentece, se amodorra, se fai perezoso porque nos decatamos que por moito que queiramos reter do que antes sabiamos, xa nono imos precisar, ou sí, pero non é un reto.
Fai poucos días que lia no Facebook, cómo a desinformación vai producindo unha inopia coa que nos conformamos ata parecer que somos lelos. Irse alelando pouco a pouco é renunciar á vida. Xa non somos conversa, xa nada do que digamos pode ter importancia se quenes escoitan nonos consideran sabedores. Xa somos un punto e aparte nas conversas dos demais, dos mais xoves. Para mais, temos demasiados atrancos ca tecnoloxía. Imos facéndonos analfabetos.
Admiro a quen conserva a memoria! Polo menos non quedarán mal diante dos mais hábiles.
Ainda así, penso que algo fica ahí no fondo de todo, chámese experencia, vivencias.....que nos axuda a tomar decisións con sentido común, que pouco abonda.
Por iso, ante unha situación política como a que temos neste intre, compre pensar con certa cordura para non equivocarnos. É pouco o que podemos facer pero pode ser moito cando suma cas corduras dos outros. De todos  modos, todo cambia, e os cambios nótanse cando levas mais de media vida vivida.
E escribir é sempre esa necesidade de comunicarse, de poñer en letras o que sentimos, tando que os demais se enteren ou nos ignoren.