miércoles, 28 de enero de 2015

MOMENTOS.... / MOMENTS....


Os momentos da nosa vida quedan fixados a unha imaxe, a unha vivencia, a un acontecimento....Repasando os álbuns e saltándome etapas anteriores a esta foto, na que comeza a miña vida laboral e o compromiso familiar, penso que foi  unha época de asentamento, de fixación de un lugar, de unha parella e de ilusión por empezar unha familia.






Os meus primeiros pasos no esquí  en Manzaneda.
Polas pintas, non parece que saise ben parada! 
Disfrazada de hawaiana no cole, entrando polo aro do Entroido.

Un brindis polo ático que sempre desexei e puiden conseguir e desde o que poido ver o mar.



Etapa serena, de obxectivos cumplidos. 
Por fin FISTERRA de novo!
En pleno apoxeo profesional.



Terminada a etapa "laboral" e comenzando a vida contemplativa.

viernes, 23 de enero de 2015

DE PAPAS E MAMALIGAS......

Todo me xurdíu de súpeto cando me convidou unha amiga a probar o seu arroz con leite feito na termomix. Estaba tan ben feitiño e tan mol e apetitoso que evocóu en min todas as papas da miña infancia, a mamaliga de Rumanía, o porridge inglés e a polenta e semolina preparada por unha colega bretona que vivira na Sicilia. Entón decidín que vou adicarlle este post a eses alimentos tan antigos que serviron de comida básica en tempos difíciles sobre todo no rural onde a fariña de trigo, centeo ou millo combinado co leite, facían o substento de tantas familias numerosas naquela época.
Mamaliga
Empezarei polas nosas papas. Os galegos e galegas que nos criamos no campo, sabemos ben como eran. Cociñábanse mesturando leite e auga e fariña da que houbera, trigo, centeo, millo e había que remexer e remexer constantemente para que non se pegaran. Ainda me lembro cando empezaban a ferver a borbotóns espesos e facían un ruidiño ameno que anticipaba a bonanza daquel prato a rebosar de unha masa branca e mol, quentiña e saciante que se tomaba ou ben ao almorzo pola mañán ou ben pola noite.
Escoitei contar, non hai moito, de como as mulleres cando se aproximaba o momento de parir, na casa, como era costume, preparaban un bo prato de papas e un bo lume na lareira para facilitar a dilatación con toda aquela quentura por dentro e por fora e que así era todo moito mais doado no trance de dar a luz.
Cando visitei Rumanía, descubrín a mamaliga, (pulicka, en húngaro), que é unha variedade da polenta, fariña de millo ou semola, que se cociña tamén como as papas e que viña a substituir o pan en zonas rurais sendo alimento das clases humildes. Agora utilízase para acompañar pratos tradicionais á base de queixo e para dietas de adelgazamento xa que ten moita fibra e facilita o tránsito intestinal.
Outra irmán xemelga é a polenta, moi empregada no sur de Europa e en Suramérica nas súas variedades de fariña de centeo ou farro ( antigo antecedente do trigo e de ahí o nome de fariña que ven de far-farris). Os gregos preparaban algo así coa cebada. A polenta era o prato principal das lexións romanas.
Papas de millo
Tamén o porridge é tradicional na Europa nórdica  e en Rusia, usada noutros tempos, como comida dos presos en Gran Bretaña. Eu coñecino nos almorzos ingleses tradicionais e seguín lembrándome del cando nono tiña ao meu alcance. Tamén alí foi onde compartín pratos de semolina coa miña amiga e compañeira de apartamento en Londres.
Gardo unha especial lembranza destas cremas quentes ou frías, por eso, cando o outro día degustei o arroz feito na termomix, viñeron de golpe todas as mamaligas que poboan a miña mente e que, como sempre, me voltan aos sabores  do pasado, de cando non había tanta abundancia de alimentos pero sí riqueza de recursos tan sinxelos como nutritivos. E, cómo non!, ao conto de Godilocks e os tres osos coas suas respectivas cuncas pequena, mediana e grande, que eu lle contei o meu fillo de pequeno e lle contarei en inglés á miña netiña.


Godilocks went to the house of the bears, lets go in and see!


lunes, 12 de enero de 2015

UN DÍA CHAIREGO!

Domingo, once de xaneiro de 2015. Xeada. Poucas ganas de madrugar. Tempo xusto para emprender a marcha cos Amigos do Patrimonio de Castro Verde a Vilalba. Obxectivo: visitar unha mostra de árbores senlleiras chairegas, que Polín recompilou con tanta maestría e arte.
Antes de chegar a Vilalba, paramos a ver no lugar algúnhas destas árbores que mais tarde teríamos tempo de apreciar na mostra. Como a ruta non ía lonxe de Penas de Rodas, paramos  alí. Eu tiña verdadeiro interés en ver de perto este fenómeno que para min é inexplicable e do que non hai moita información. Cómo unhas moles de penedos redondos, de toneladas de peso, poden pousarse en equilibrio constante sobre outras de base, sen pasar dalí, soplen os ventos de  onde veñan. E quén as puxo alí?
No Auditorio de Vilalba agardábanos unha sorpresa, froito dun traballo de investigación ben levado e moi ben exposto en paneis a toda cor, mesturando historia, literatura, lendas en torno a esas árbores monumentais que perduran na comarca chairega grazas a loitas persoales por mantelas, grazas a súa valoración por poetas, escritores, artistas  e xente do pobo que as convertiron en símbolo e raigaño da nosa cultura, como persoeiros que habitaron e habitan o noso entorno formando parte da vida diaria.
Chamóume especial atención un mapa das municipalidades da comarca chairega, con copa de árbore, e na que se pode apreciar que naquelas na que a concentración parcelaria tivo lugar, apenas quedan árbores senlleiras que merezan ser tidas en conta xa que foron aniquiladas  en pro do aparcelamento. Pola contra, alí onde este fenómeno non se deu, abundan as árbores e consérvanse tanto que estean sans como se estan ocas por dentro.
A mostra non sería igual vela pola nosa conta que guiada polo propio autor, que vive e conta o que fixo coa emoción do artista que se sinte en comunión espiritual coa sua obra. Obra que ten intención de ser itinerante e poder verse noutros lugares de Galicia, xa que o seu didactismo é digno de ser tido en conta para as futuras xeracións a quenes se pretende concienciar e sensibilizar no aprezo das nosas árbores.
Falaba da parte aérea da árbore, como unha musa inspiradora de tantos persoeiros da nosa literatura que froitificaron nesa bisbarra. Cómo a parte que nos eleva e nos une ao espiritual, ao intanxible, ao sublime.
Moi interesante e extensa. O seu percorrido pola mostra levounos un par de horas que se pasaron inadvertidas a pesares de ser moita hora de xantar.
Completamos a xornada cunha visita ao Parador que nos foi amosado con moita disponibilidade. A súa torre de forma octogonal, coido que é unha das poucas que se conservan. Corenta e oito cuartos son o resultado do aproveitamento deste edificio ao que se engadíu unha parte nova e está situado no Camiño do Norte ao seu paso pola vila que é capitalidade desta comarca.
Rematamos cun paseo de unhos dous quilómetros pola veira do río Magdalena, no que hai unha praia fluvial e un muíño restaurado alén de varias pontes de madeira que o cruzan de tanto en tanto.
Fíxose de noite cando iniciamos a viaxe de volta. Decateime que non probaramos o queixo de San Simón da Costa pero queda para outra visita por conta propia calquer día xa que non é tanta a distancia e ainda non vimos todo o que hai que ver en Vilalba.
Gustoume a parte histórica do lugar que non tiña visitado antes, por ser so un lugar de paso de camiño a...
pero achegareime, sin dúbida, cando haxa unha feira ainda que non sexa a do capón.


martes, 6 de enero de 2015

A NENA QUE FUN

Eu cando tiña 4/5 anos???
Conservo aínda as primeiras fotos. Naqueles tempos non había cámaras nas casas. Ocasionalmente, con motivo dalgún acontecimento, viñan fotógrafos a retratarnos. Sempre me gustóu gardar as reliquias do pasado co tesón dunha coleccionista. Moitas cousas desapareceron ainda que eu as tiña destinadas a supervivencia, tales como a roca de fiar, as cardas da lá, a devanadoira, as miñas primeiras zoquiñas feitas por un zoqueiro artesán, a radio que tanto me axudóu a aprender cousas do mundo, as planchas de carbón e mais de quentar...... Todo se foi perdendo pola casa sen deixar rastro.
Do que podo lembrarme, non  sei os anos que tería, tal vez catro, é daquel "manguillo" de escribir,nacarado,  polo que podía ver diferentes paisaxes da cidade de A Coruña. Eu nunca alá fora, claro está, pero cheguei a ir andado un tempo, e montar no "tio vivo", ver unha película no cinema e xirar un aro na cintura na casa dun familiar onde tamén me agasallaron cun boneco chinés de porcelana que conservei moito tempo. Xa dende nena me gustaban as diferentes etnias do mundo. Lembro cómo sentía interés por ter unha boneca preta e apadriñara dous cativos africáns, na escola, levando os cartos ás agachadas, do caixón da taberna e polo que tiven que "dar contas" aos meus pais.
Tempos aqueles, cando o mellor agasallo que podía ter por reises eran unhas zocas de zapatilla, que tiñan tres pes, e coas que nos sentiamos como agora cos mellores zapatos do mercado.
Eu, con miña nai na festa dos Remedios no Castro
Nas berzas e con tirabuzóns!
A xuzgar polas fotos que gardo, eu debín ser unha nena moi seria. O cal non quere dicir que non estivese leda e mesmo feliz, pois tiña unhos pais que me coidaban moito, que se desvivían por min, que me daban todo o mellor. Todo aquelo que eles non tiveran. Miña nai facíame toda a roupa, mesmo os sombreiriños e tamén me fixo o traxe da comunión. Meu pai tíñame sempre no colo cando viña de traballar de carpinteiro. Eu lémbrome que o peiteaba e a él gustáballe. Era moi neneiro e sempre me defendía cando miña nai me rifaba por algo. Sempre contaba que me tivera no colo para comer ata os doce ou trece anos!
No curral e con vento.
E durmir, durmín sempre coa miña nai ata unha edade na que xa se ten noivo. Non sei se esto foi cousa miña, cousa das duas ou qué foi! Ela facíao para que eu durmira ben tapadiña e non collese frio na cama porque estaba sempre acatarrada, (polo menos servía de excusa.....)
Agora xa son avóa e revivo a infancia por terceira vez. Pero a un netiño observaselle mais porque quén realmente se ocupan son os pais. Aos avós quédanos mais tempo para disfroitar visualmente deles.
Unha taberneira moi seria
Cando atopei aquela personiña a carón da súa nai, tan pequerrechiña ela, e tan durmidiña, tan indefensa.... sentín unha emoción tan grande que dende daquela acompáñame sempre no pensamento, no recordo, nos soños....Cada vez que a vexo, observo todas as súas reaccións, as expresións do seu corpo, da súa cariña. O que mais me conmove son os sorrisos amplos, case gargalladas, que a veces nos regala. E vexoa vir cando chora, e sei cando atende ao que lle canto, e comunicámonos penso que con unha boa sintonía.
Na Coruña con miña nae
Na feira de Castro Verde coa mamá
e unha prima de Madrid.
Hoxe é día dos Reises ainda que eu vexo neste día como unha liberación do torbellino de finais dedecembro, primcipio de  xaneiro que cada vez me resulta mais difícil de levar e xa estou pensando facer como unha coñecida miña que se foi a Indonesia a disfroitar do sol e da praia. Tampouco aquí nos faltóu sol  e o inverno empeza moi ben e da gusto disfroitar de portas a fora pero hai que aguantar as frias noites a carón  dun bo lume do de verdade.
Como non estou inspirada, deixo aquí as miñas impresións para quenes gosten de lelas. Eu paseino ben mentras as escribín e deso se trata.
Non fixen demasiados propósitos para este ano ainda que pensaba facer o blog bilingüe: inglés-galego. Tamén debería retomar o xaponés e a calceta. O que sí,, que me da pola cociña e por receitas novas.
A horta está reclamando a miña atención neste soleado día de xaneiro 2015.
FELIZ ANO (ainda que hai que axudarlle!)
Así era eu de pequena