viernes, 28 de octubre de 2016

SPOOKY, SCARY SCHOOL!

Convidada a un xantar de Halloween no cole onde pasei os derradeiros anos de mestra, e onde o Halloween non existía ata que cheguei eu, todo hai que dicilo, sinto emoción de poder participar nesta celebración, que na súa versión anglófona, non deixa de ser a mesma festa do noso Samaín pero que é de obrigada mención no ensino da lingua inglesa nas escolas. Impresionóume o traballo que realizan mestres, familia e alumnos/as para convertir unha cabazaiña da sua horta nestas inocentes caras que parecen dispostas a expresar o seu sentir e de interactuar co mundo dos vivos e dos mortos.
Imaxinación non falta e eso é importante no desenrolo infantil. E se así aprenden outras linguas e culturas, mellor que mellor. A festa estivo animada con actuacións por parte da rapazada que cantaron en inglés, con acento escocés! (a profe é escocesa!) e mesmo fixeron con moita soltura unha pequena escenificación na que tiñan que expresarse nesa lingua.
Tamén os mais pequenos se disfrazaron cos esqueletes e cantaron unha canción en galego que repasaba os números ao tempo que contaban cómo os esqueletes pasan o seu día.
A witch (meiga) dábase os derradeiros retoques diante do espello antes de emprender a viaxe en vasoira polo comedor para demostrar que  "habelas hainas". Ainda que os contos falan moito delas, algúns nunca viron unha de verdade. Pero houbo quen choróu co medo!

A ver quén come este postre cheu de gusanos, dedos esquecidos dentro da xelatina, aagggg!
Pero o caso é que estaba ben bo. Claro que tratándose dunha cociñeira como a da foto, todo pode agardarse!


Todo estivo moi ben e doulles os meus parabéns a tod@s  por facelo posible unha vez mais, por convidarme a compartir e sobre todo por esas apertas que recibín dalgunhas ex alumnas que ainda me teñen no seu corazón.  HAPPY HALLOWEEN!!!!!!

martes, 25 de octubre de 2016

OUTRAS ANDAINAS

Un domingo polos arredores de Lugo, co grupo de excursións que organiza o Concello  baixo o lema Tierras de Agua y Cultura 2016, que ben podía estar en galego, ademais de outras linguas, xa que a éstas apúntanse xentes doutras falas.  A de hoxe é un roteiro de  carácter antropolóxico e etnográfico. Titúlase: Cuentos, Puentes y Posadas: la vida al lado del Camino Real.  Fomos no autobús ata Laxosa e alí puidemos ver unha pousada que nos tempos do Camiño Real facía as veces de albergue para os viaxeiros e viaxeiras ainda que adoecía de todo confor e asegundo o noso guía, as pousadas galegas tiñan a peor sona de toda a península por estaren descoidadas. O Camiño Real construíuse sobre o trazado da Via Romana 19 de Astorga á Coruña e foi no reinado de Carlos III que impulsóu un bo número de camiños ou estradas para que tivese  saída o comercio entre cidades. Ten carácter radial, como a moderna rede de estradas que se fixo posteriormente e marcábanse as distancias en leguas, de ahí os leguarios que se atopan  nesta zona e que tiñan forma rectangular acabando nun sombreiro redondo e  indicaban as leguas que faltaban para chegar a determinada cidade, neste caso, A Coruña.
Xa os romanos puxeran as distancias en millas, de ahí os miliarios que eran como colunas redondas e tiñan ademais inscripcións do emperador que gobernaba naquela época.


Seguindo polo Corgo, puidemos ir vendo pontes construídas en camiños medievais e nas que os comerciantes pagaban unha especie de peaxe. Claro que, sempre había quen buscaba a maneira de burlar a norma e pasaban por sitios alternativos.
Despois de xantar, cada quén por onde puido, fomos ver unhas casas importantes da zona, chamadas casas grandes, xa que non son precisamente pazos, senón casas ricas, con escudos e fachadas decoradas en pedra de canteiría, e nas que puidemos ver tamén chemineas moi grandes ou moi ben elaboradas. Esas casas tiñan pombais e algúnhas tamén tiñan capela.
Xantamos, como digo, en Gomeán e logo seguimos hacia Chamoso. Este sitio sempre me trae lembranzas de cando os meus pasados conveciños ían a facer a sega a ese lugar.  En Chamoso hai un río con este nome no que se encontra un mazo moi curioso e no que se elaboraban os fouciños para os segadores que ían a Castela. Agora é un restaurante pero aínda conserva en funcionamento estes artiluxios do pasado. Por certo, neste restaurante caro, atrevínme a pedir un euro de cervexa, por ser o único que me quedaba despois de sair co peto en mínimos xa que coidaba que o roteiro era pola cidade e que iría xantar á casa.

Nunha das igrexas de Chamoso, que está ao carón dunha destas casas grandes, atópanse sartegos ( tumbas labradas na rocha) moi ben conservados. Dicía o noso guía, que os mais pudientes, querían ser enterrados nestes sepulcros e o mais perto posible do altar da igrexa, porque así terian mais posibilidades no outro mundo.

Logo deste percorrído, andivemos por outro camiño  que sería unha variante do Camiño Francés para quenes quixeran pasar pola cidade de Lugo e visitar a Catedral. Ainda non está sinalizado nen recoñecido oficialmente.
Despois dun longo día, no que a chuvia nonos molestóu, e a natureza amosábase co esplendor do outono ofrecéndonos froitas de todas clases, chegamos ao remate, deixando algo no tinteiro e algo mais que descubrir noutra ocasión.

domingo, 16 de octubre de 2016

POLA RIBEIRA SACRA



Tiña que sair cedo por mor de coller o autobús que nos levaría de excursión pola Ribeira Sacra. Na radio soaba Eric Clapton traéndome lembranzas dos anos setenta en Ámsterdam. Pero eso é LERIA aparte. Non sabía se decidirme por esa viaxe de tanto percorrido en autobús e pouca andaina. Ademais, a predicción do tempo era de choivas fortes pola zona sur. O día, húmido ao principio, foi quedando soleado e quentiño por aquela zona. Despois de xuntarnos co grupo de Sarria, dirixímonos hacia a Rúa e Montefurado, facendo, antes, unha paradiña onde o río Lor se encontra co Sil. Era unha paraxe plácida e tranquila, con augas calmas que se unían en forma de V. Ali, unha ponla caída recentemente dunha gran figueira de brevas, ofrecíanos un "tente en pé" de media mañán. E xa
dispostos a facernos ricos coas pepitas de ouro que se lles esqueceron aos romanos, dirixímonos a Monte Furado onde tivemos que facer equilibrios para achegarnos ata os pasadizos que eles excavaron na montaña coa fin de obter tan preciado mineral. A veces sinto que debo admiralos por tanto inxenio! Dende alí, seguindo ríos e estradas que non sei ben nin por ónde ían, (falla dun mapa) coido que pasando pola Gudiña, encamiñámonos a Viana do Bolo onde visitamos o seu castelo medieval e tomamos o primeiro café da mañán, e para a miña sorpresa, o primeiro café de máquina que me soubo igualiño ao que fago eu na miña casa!!!!! Un dez á camareira simpática que nos atendeu e a que hai que pedirlle a chave do baño como en Portugal.




 Todo se contaxia ao vivir tan perto.  Despois, non sei se volta para atrás, ou para adiante, pero entre viñedos de todas cores, arrecendendo a viño novo no lagar, e cepas que medran ceibes na cunetas, e racimos que penduran das silveiras e ofrecen esquecidas uvas negras que teñen a dozura dun verán pasado por sol, descendemos a pé ata As Ermitas, seguindo os pasos do Viacrucis, ao revés, ata chegar ó Santuario do Rosario e admirando ao noso paso, as maravillas da paisaxe en tódolos ángulos así como o esmerado coidado que amosaba a aldeíña de aspecto turístico rural con un único hospedaxe e comedor decorado con galerías de cor vermello.

Xa a carón do río, non sei cál, había unha fervenza que de inverno debe estar no mellor momento, e tamén un muíño moi antigo, escondido baixo a ramaxe de difícil tránsito. Como se aproximaba a hora do xantar, encamiñámonos á seguinte parada que sería no mesmo Bolo onde tamén hai outro castelo de finais do século XV. O restaurante, único que alí podía verse, leva o nome antigo do lugar: Volobriga, de orixe romano. E qué dicir das espléndidas uvas que por alí andaban ainda a recoller e das que puidemos ter unha furtiva cata.
A comida, ben merecida, transcurreu nun ambiente festeiro, con troitas e tenreira e delicioso postre, acompañado do viño local da comarca de Valdeorras.
Xa de camiño a Castro Caldelas, atopamos a VIA NOVA  que foi unha estrada romana dende Braga ata Astorga, 330 quilómetros e na que se atopa a famosa ponte sobre o río Bibei, que é moi interesante pola súa boa conservación, e debido á boa inxeneiría romana que hai que admitir que neso destacaron con verdadeiro éxito, entre outras cousas mais e a pesares de que a min non me chiste a romanización...
 Alí detivémonos un bo intre para estudar o trazado da VIA A-18 no seu tramo Trives/Larouco (Ourense), e que ten unhas curvas moi pronunciadas en forma de codo que reciben ese nome Os Codos. A estrada actual semella estar na antiga vía a xulgar polas viravoltas que fai no seu trazado e que nos asoma a unhos precipicios de viñedos, eso sí, alomenos se caemos, podemos disfroitar dos acreditados froitos de Baco, se nos quedan folgos para eso. Eu, tiven que cambiar o meu posto na ventaniña para o do pasillo para non sufrir vértigo. E xa, camiño de Pobra de Trives, na falda de Manzaneda, coñecida pola Bica (bizcoito que se fai na zona) e que acabamos mercando na seguinte vila. Trives chama a atención polos seus balcóns floridos dende os que se derraman en cascada flores de todas as cores e que da a
sensación de que ninguén quere ser menos nese aspecto. Unha das balconadas levou premio pola súa vistosidade e da que incluo unha foto. Case facéndose noite ainda tiñamos plans para seguir facendo visitas e dende alí achegámonos a Castro Caldelas, onde xa a luz non daba para fotos sen flash. Impresiona a vista que ofrece, destacando alá na cima, a fortaleza medieval co seu castelo e barrio, eu diría xudeo, xa que houbo unha colonia xudea na zona.

Moi coidada e limpa esta vila, con mais afluencia turística que outras que visitamos, ou eso se desprende ao observar a cantidade de bares, restaurantes, hoteis.... e onde xa nos decidimos a mercar a famosa Bica. Dende alí, e seguindo os cañóns do Sil, e embarcadeiros, emprendemos retorno a Monforte, Sarria e Lugo. Mágoa que se nos fixese noite no camiño e non poideramos ver o río.
Todo é ben cando ben acaba e ainda que cansados de tanto autobús, hai que agradecer as moitas paradas que se fixeron para ver interesantes lugares e estirar as pernas. Temos un mundo que explorar ao pé de nós!!!!!