domingo, 28 de abril de 2013

A ZOCA DE EMPEÑA

Remexendo entre a leña, saíu unha daquelas miñas zocas de cando ía a escola. Chamábanse zocas de empeña, por teren unha polaina de coiro, a modo de bota. Facías meu tio Pepe. Eu tiña que ir probalas e facíame tanta ilusión como mercar hoxe zapatos novos. Pregúntome cómo podiamos correr e brincar con aqueles artefactos nos pés. Coas medias de lá 100%, molladas moitas veces e o noso pé non se queixaba nin amosaba feridas. Lémbrome das miñas primeiras zoquiñas, tan feitiñas e pequerrechas como o meu pé de nena de dous anos, pouco máis. Sempre as gardei con esmero, como gardaba todas as pertenencias da miña nenez. Pero non consigo atopalas e están no meu recordo. Parecían bordadas pois tiñan debuxos gravados sobre o fondo negro da súa pintura. Atopareinas calquer día cando busque outra cousa, como sempre sucede. Xa pasaron anos. Pasóu tempo e choveu, sí, e o que ainda pasará. E neste silencio, neste valdeiro que me deixaron os que aquí moraban, pasan os meus días sen apenas falar con ninguén, sen que soe o meu teléfono, sen que chegue un mínimo sinal de humanidade.... E así é cómo me parece que debe ser envellecer. Qué sería se non tivese a compañía destes animaliños que comparten a miña soedade? Eles son a miña ocupación diaria e o meu divertimento. Tamén, a veces, sinto mágoa por eles. Tamén envellecerán, e terán quén se ocupe deles? Estaréi eu ainda para axudarlles? Quén sabe! Hoxe acheguéime a xogar co gatiño que ainda naceu fai pouco. Noteille que non ve dun ollo. Tan bonito que é, branquiño e algodonoso e que lle falte a vista dun ollo! Eu quereréino igual. Pero terá dificultades para ver os ratos. Non é o mesmo que ter dous ollos ben abertos! Finais de abril e amenceu cunha nevarada que cubría todo. Será que o inverno non acaba de irse e que instala a melancolía na miña alma que clama polo sol. Será eso, e será que as cousas fermosas son para compartilas porque cando non se comparten, parece que mesmo nos sobran! Porque aquí fermosura non falta e a tranquilidade é de envexa para quen vive no tumulto pero vótase de menos "algo" que non hai, que é o poder compartir todo esto en harmonía con alguén que se sente a mesa contigo, que tome o sol ao teu carón.....E incluso eso non falta, pois, como dicía, os meus amiguiños que son tres, están sempre á miña mesa e toman o sol comigo.... Entón, que será.....?