Hoxe agardábame unha visita ao meu antigo cole que deixei no 2011 e no que me despedín do ensino público. O motivo non era outro que unha charla sobre toponimia, na que estaba moi interesada por ser un tema no que ando a traballar ultimamente.
Empezarei polo principio. O colexio está totalmente cerrado. Hai que chamar ao timbre dende a porta do patio. O primeiro que vexo son dous murais de graffiti. No primeiro aparece a imaxe da mestra Concepción López Rey que da nome ao CEIP.
Xunto a este mural, hai outro que representa ao noso músico máis coñecido da Valeira: Florencio, que era cego e tocaba o violín polas aldeas naqueles tempos nos que eu era aínda unha moza nova. Non podía faltar esta imaxen!
Era a hora do recreo e ás 12 viría Vicente Feijóo, xeógrafo e lingúista galego, coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da Real Academia Galega que leva o proxecto colaborativo Galicia Nomeada, unha iniciativa da Xunta de Galicia para recuperar, cartografiar e conservar a microtoponimia galega.
A idea era presentala ao profesorado e alumnado deste centro para que colaboren na recollida de topónimos das súas parroquias. A charla estaba aberta a outros e outras asistentes, como é o caso de tres personas máis que fomos a ela polo noso interese no tema.
Puiden ver os grandes cambios que se fixeron no cole dende que eu marchei. Pola data que era, en vísperas do Samaín, compre dicir que a decoración era ao xeito desta celebración, que, dito sexa de paso, introducín eu cando impartía as aulas de inglés, por ser esta unha das unidades didácticas: o Halloween e que empezamos a celebrala dende daquela ata o día de hoxe.
Tamén puiden ver aulas adicadas á rádio, a remodelación da antiga biblioteca como aula de usos múltiples, desplegable no caso de facer falla todo o local, tal como o esixía a charla de hoxe.
Vicente foinos explicando paso a paso todo o procedimento para "toponizarnos", os primeiros pasos que consistían en rexistrarnos na aplicación Galicia Nomeada e logo explorar todos os contidos e ferramentas dispostas a facilitarnos o camiño (se somos quen de dar con él).
Eu xa levaba o meu proxecto medio encamiñado pero non vía a maneira de situalo nun mapa e poñerlle os nomes dos lugares que coñecín de nena e que desaparecerán se non deixamos rastro deles pois so as persoas maiores lembran eses microtopónimos xa que o aparcelamento das leiras convertíunos en parcelas que levan un número e que dalgún xeito borraron os límites daquel minifundio con nomes preciosos e siñificativos xa que por algo se chamaban así, porque os seus nomes están fundados en realidades obvias que eran de todos coñecidas, ou non. Podiamos nomear algunhas e non saber qué siñificaban. Hoxe temos moitas axudas para poder delucidar aquela iñorancia porque hai estudos que nos axudan.
Así é como Xesús Ferro Ruibal define un topónimo, mesmo de forma poética porque él sabe todo o valor que ten. E nós, temos a obriga de non deixar caer no esquecemento eses nomes xunguidos a historias, lendas, flora e fauna, cultura, saber popular de chamar as cousas polo seu nome. En Galicia temos un verdadeiro tesouro na nosa toponimia e debemos preservala para que non morra.
A rapazada, de idades entre os oito e dez anos aguantou duas horas con interese, fixeron preguntas, estaban interesados/as non nomes dos seus lugares, querían saber por qué se chamaban así. Era hora do xantar e aínda tiñan preguntas que facer. Esta nova xeración que se manexa ben coa tecnoloxía, de seguro que farán un bo traballo e aprenderán a querer eses nomes que aínda escoitan nas súas aldeas case despoboadas nas que xa non se fala das leiras.
Comparto con todos eles e elas esa curiosidade e agardo ser quen de manexarme coa aplicación que andaba procurando dende hai tempo para sinalar nun mapa todos os lugares da miña parroquia, de cando era nena e acompañaba ás miñas primas no pastoreo das vacas de prado en prado, e na saca das patacas de leira en leira.






