sábado, 22 de julio de 2017

FORMAS CÓSMICAS

Cando vin agromar os chícharos e observar as súas ausencias, pensei que non ía ter colleita. Son muller de pouca fé! Aquela seca de comezos de primavera, e a xeada dunha noite, deixou todo arrasado. Voltei a sementar nos sitios onde non asomaban e incluso, pensando no mal que irían, votei mais noutro lugar para ter reposto, no caso de que aqueles non saísen. Pois andado o tempo, puiden ir vendo cómo os chícharos medraban ata acadar mais de meio metro de altura. Tíñalles posto unha rede suxeita a unhas estacas que saquei de vellas ventanas de madeira e ata lles quedaba ben!
Estes días non paro de colleitar chícharos fermosos e grandes que ademais saen todos limpos, sen bichos! Ao tempo que os debullo, na cociña, vexo un vídeo que me recomendaron sobre as formas do cosmos, da aspiral, dos deseños que se amosan na natureza, tanto en animais como en vexetais, fósiles, pedras etc. E un vídeo que vais mais alá da miña comprensión e que repasa filosofías antigas, relixións como o budismo ou o xudaísmo, descubrimentos científicos, a física cuántica a xeometría. Todo, todo está relacionado con todo, todo está en todo, todo é enerxía en constante vibración....

Cóstanos entender, porque nos afastamos de nós mesmos, que somos tamén enerxía, somos parte dese todo que conforma o universo. Perdemos a capacidade de sorprendernos co que nos rodea. Perdemos a mirada que traemos ó mundo cando nacemos e empezamos a descubrir o que hai perto de nós. Esa capacidade que teñen os bebés ata os tres anos de aprender dunha maneira increíble, da sua capacidade de concentración e captación do entorno, xa nonos acompaña, distraídos como estamos con outras cousas mais superficiales. Penso que me houbera gustado ter nacido nun deses sitios onde se practica o budismo, tal vez cos monxes do Tibet!
Nesta mañá de orballo silencioso, como diría o poeta amigo, deixeime aloumiñar pola presencia da natureza que me circunda e que nos trae a mensaxe escondida en formas, cores e diseños, a telaraña da conexión, a aspiral centrípeta que move o universo e se nos revela a cada paso. Só co silencio, ca introspección.... podemos acadar, a veces, o senso da nosa existencia en constante interación co todo do que formamos parte.

"Cuando al despuntar el día me pongo en camino para ir a mi nido de Wahlheim, y en el jardín de la casa donde me hospedo cojo yo mismo los guisantes, y me siento para quitarles las vainas al mismo tiempo que leo a Homero..."    GOETHE  (Las cuitas del joven Werther)

lunes, 17 de julio de 2017

DE LLAS A PEIZAS NUN PLIS PLAS

Cando cheguei a Foz ainda era cedo. O sol, loubán como é, madruga pouco alí e vaise cedo á cama. Así que repetín o paseo do outro día. Esta vez funme fixando nos paneis informativos da zona e tomando fotos para logo poder lembrarme dos nomes. Seguindo a línea da costa, fun deixando tras de min, castros, dunas, prados, cantís, regatos, covas... e ondas rompentes de marea chea, mandaban o seu iodo en pequenas partículas refrescantes. Así fun pasando pola Lagóa, ensenada semicircular abundante en algas xógaras e alí hai tamén unhas pedras chamadas "das do encanto" quizais por vellas lendas sobre o encantamento. O seguinte lugar, perto sempre un doutro, chámase A furada do raposo, xa que ía polos roquedos a alimentarse de mexillóns e outras delicias. Un pouco mais adiante, paso o Prado da sima, que é unha punta entrante no mar. Atópome co topónimo Augadoce, polos vertidos de augas que viñan subterráneas e da choiva. Só visible en baixamar está Pena ouriceira por ser lugar onde se atopaban en abundancia ourizos de mar (Equinodermos). A Barqueira, punta rochosa mar adentro que enmarca a cala Portovello e seguindo un pouco mais, atópase o Prado de Maañón, que leva este nome por ser propiedade desa familia. Sigo andando cos meus bastóns de marcha nórdica e corro que voo para atoparme co lugar A faxina, no que abundaban os róbalos e robalizas e nas Penas da maizosa, os congros xogan ao escondite nas covas en tempo de mareas vivas. E despois dos congros ven A Ola, que por ter forma de pota, chámanlle así, e ben podía servir para facer unha caldeirada de congro que a min tanto me gusta. Prado de Roque forma outra cala nesta línea de mar. E chegando xa a Porto do río, o primeiro que busco é o río pero teño que conformarme cun minúsculo regato que nin auga leva. A partir de ahí xa se divisa a praia de Peizás, que descubrín por vez primeira o outro día no que decidín por punto final ó  meu paseo.
A volta fíxena a paso mais rápido porque tiña presa en chegar á praia.  Pero demorei un pouco ao descubrir o castro de Llás, no que non reparara antes e no que, por certo, hai edificacións, sendo como é esta unha zona protexida polo seu entorno dunar no que hai moitas especies de flora e fauna, e nese castro foron atopados materiais de diverso tipo: dous torques de ouro, elementos cerámicos xunto con muíños de man.
E aquí remata o meu paseo antropolóxico no que non só tomei a brisa do mar senón os perfumes dos camiñantes que se cruzaban comigo e que soltaban esa ráfaga de fragancia de ducha na que puiden distinguir diferentes preferencias.

domingo, 2 de julio de 2017

FEIREANDO EN MEIRA

Aquí, de toda a vida, os domingos coñécense por "domingo de Meira" ou " domingo de Castro Verde". Eso débese a que hai feira cada quince días, alternándose, nesas dúas vilas. Eu non son moito de ir á feira por sistema. Vou, se teño ganas ou se me apetece algún dos productos que podo atopar nelas. Tampouco vou por pasear, por tomar un café, por atopar con quén falar.... Antes, había autobus para poder ir a elas pero, dende que en cada casa hai mais dun coche, ese servizo quedou abolido. Ainda me lembro cando ía con miña nai, naquelas guaguas que levaban pasaxeiros na parte de arriba. Tiñan unhos bancos de madeira e unha lona por se chovía.
Abaixo había duas clases e diferente prezo. Na parte dianteira era primeira clase e do medio para atrás, normalmente separadas por babique con cristais, era a segunda clase. Xa non digamos a clase mais inferior que sería a de ter que subir pola escada ata a cima do autobús e encomendarse a San Antonio cado facía as curvas de Meira.
Con miña nai e unha prima xunto autobús da feira en Castro Verde.
Hai que dicir que nestes autobuses viaxaban tamén os animais que se levaban á feira para vender ou os que se mercaban. Así que os porcos ían nunhas gaiolas, as galiñas en cestos, cas patas atadas e os cabritos ou años, tamén do mesmo xeito. Eso sí, eles ían na parte mais baixa ou maleteiro.
Sempre tivo mellor cartel a feira de Meira. Mais grande, mais productos e un ambiente diferente. Había incluso onde mercar coplas que viñan sendo  " El Caso" de canto insólito ocurría á redonda, como fora o caso das Capadoras de Millares. Todo escrito en verso con rima era como un culebrón que a xente mercaba xunto con coplas de cantar que ademais eran cantadas e  vendidas por algún cego que as acompañaba con un violín, facéndolles él mesmo a publicidade. O morbo e a curiosidade podía  mais co peto. Pasabamos toda a mañá alí e os autobuses chegaban sobre as tres ou catro da tarde ás aldeas de orixe. Pois, hoxe, sentín esa chamada ó mercado porque pensei que atoparía algunhas cousas diferentes ás dos supermercados ainda que a orixe e o proceso de cultivo segue sendo dubidoso polo abuso de pesticidas e velenos de toda clase. Pero como a miña horta vai de vagariño este ano, tan afectado pola cilimatoloxía, tardarei en comer o que colleito. Así é cómo me fixen cunhas cantas cousas: limóns de Ribadeo, mel e noces do Bierzo, claudias e cebolas de Riotorto e pan e empanada de mazá da padería de Meira, que ten forno de leña. Había patacas novas, cenorias, queixos e pan de Ousá alén de música que convidaba a poñerse a bailar diante do chiringuito. Pero eu pasei de textiles e de coitelos de Taramundi, tamén de tomar café cargado de cafeteiría, e, eso sí, alguén que me coñecía e que eu non fun quén de saber de quen se trataba, saudoume con ledicia! Camiñei, cargada, ata a rotonda onde tiña aparcado o coche, cargada de bolsas en cada man, cun sol que xa queimaba, pero libre de verme envolta no tráfico dun día de feira, ía pensando que xa non nos importa deixar o coche lonxe e camiñar. Estamos aprendendo a usar as pernas outra vez! E eso parece que é bó! E como todo é ben o que ben acaba, aquí estou, ben xantada e ca dixestión case feita, despois de darme este pracer de mercar productos locais e caseiros!