www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 12 de xuño de 2011

OS FARIÑOTES



Lémbrome de cando miña nai preparaba os fariñotes. Eu era unha rapaza nova, unha adolescente, como se diría agora. Non tiñamos vacas pero sí conseguíamos manteiga da boa, feita en casas de confianza, da que non traguía pelos polo medio nin trancas que moureasen. Cando chegaba, fresquiña, embolta nunha berza, ainda se vían gotas de auga por toda ela.
A min gustábame untar o pan de ceteo con aquela manteiga e logo poñerlle unha boa capa de zucre por riba. Sabía a gloria! Pero cando pasaban unhos días, e como non se tiña neveira daquela, a manteiga enranciaba e había que derretela para que ao callar, de novo, se conservara algún tempo máis e valía para botarlle ás sopas de leite no almorzo ou para facer os fariñotes, que se facían con restos de manteiga que quedaban na pota de derretela, engadindo unha masa de ovo, fariña e algo de auga, todo ben batido, algo espeso, e que se repasaba naquela grasa ata que se desfacía case como pan rallado, non tanto, pero algo así. Xa ben pasadiña, botabamoslle zucre por riba no prato e arrecendía na Cárcoa, onde paraban os xitanos e xente de circo que viñan daquela por aquí, e como na miña casa había cantina, sempre mercaban algo, en cantidades pequeniñas, como, cinco pesetas de zucre ou de café......
E cando o cheiro dos fariñotes os pillaba pola miña casa, preguntaban qué era aquelo que tan ben arrecendía, e como miña nai foi sempre moi dadiveira, deulles a proba mais dunha vez. Así foi tal, que cada vez que viñan por esta bisbarra, non pasaban sen probar os fariñotes que eran destinados a min, véndome eu, mermada na ración pero, dalgún xeito, encantada de que compartisen comigo tal exquisitez.
Aquela manteiga desapareceu e as que se mercan hoxe, non arrecenden de tal xeito, polo que desistín de facer os fariñotes e paseime a algo que se lle asemella: roxóns con mazáns. No sitio da manteiga, van os roxóns, pero levan mazá e cebola (optativo) e o mesmo tipo de masa. Cómense co zucre por riba como os outros e saben moi ben. Parece que esa receita nona facían e tódalas casas senón que era exclusiva da casa do meu pai, na montaña.
Sempre consigo algo de materia prima para facer eu mesma os roxóns e conservoos conxelados en pequenas porcións para facelos ao longo do ano cando sinto añoranza dos fariñotes.
Gustaríame incluir unha foto deles aquí pero xa cociñéi os últimos que me quedaban.
Así que este blog irá sen fotos desta vez, a non ser que atope algunha na web que semelle os fariñotes ou os roxóns. Tratarei de atopar.
Saudiños, saudiña, saudade.....