domingo, 30 de enero de 2011

UN PASO ADIANTE







A vida segue, o camiño transcurre, o noso destiño vaise facendo ao andar. Temos un principio e un fin, unha meta (cadaquén a súa) e non queda outra que poñer a mellor cara e seguir andando. Para alegrar os momentos nada mellor que rodearse daqueles que, pedindo moi pouco, son capaces de darnos moito. Falo de Mel e de Noa, compañeiros inseparables, sempre ahí, a carón, cando mais se necesita. Acompañan as miñas noites mentras non me vou á cama. Eles durmen encaramados no sillón do avó, outras veces, encaramelados. Esta noite, Mel está na cima do sillón, que é onde lle gusta a él, andar polas alturas e ulisquear os ratos que saén cando non hai ruídos. Noa, na parte mais baixa, enroscada como un tirabuzón, repousa o seu primeiro día de celo, despois de terse visto co seu noivo. Mel, tamén anda de gatiñas pardas. Perdeu a inocencia, o pobre, pero, ainda así, está moi guapo. Non sei como se amaña para non perderse a súa sesión de cuarto de baño xunto a min cando vou lavar os dentes. Ainda que estea no mais profundo dos seus sonos, aparece por entre as miñas pernas mentras estou no lavabo. Eu, acendo a luz que funciona mal e parece unha noite de lua chea, e él, que gosta das noites de lua, prodígame as mais románticas caricias co seu ir e vir suave como é, arredor das miñas pernas.
Estes son os momentos con Mel. Pero Noa descubríu e preséntase nun santiamén para quitarlle o monopolio ao gato. Entón, Mel, coa súa timidez candorosa, replegase sobre sí mesmo e agarda mellores momentos. Non lle gusta que Noa descubra que é un gato romántico.
Dame mágoa ter que levalos a durmir á palleira, fría e inhóspita pero é así. Collo a Mel, que se dobla no meu brazo como unha toalla, mitá para un lado e mitá para o outro e semella un gato plegado, un felpudo levado a modo de estola. Coa Noa é mais difícil. Ela nunca quere ir. Sabe o que lle agarda e escóndese en tódolos currunchos antes de darse por vencida. Pero descubrín a maneira de facerlle mais doado o tránsito: lévoa no colo ata a silla onde durmen e tápoa coa bata da avóa para que durma quentiña e ela quédase alí envoltiña, como entendendo o meu arrumaco. Así, consigo que non se sinta ofendida por sacala da calor da cociña e entregala aos brazos fríos do seu dormitorio.
De todos modos, procuro alongarlles ao máximo a súa estancia na cociña. Xa, cando non queda mais remedio, e eu enfilo para o meu novo, improvisado dormitorio, (que é outra cámara frigorífica), empezo a falar en alto e marcarlles o momento de partir.
A min gustaríame que se quedasen aquí ata pola mañá pero non é plan. O gato sae de noite e ten alí a súa maneira de evadirse fora. Ela.... é outra cousa pero ainda así..... está o tema do WC
Non me estraña nada que sexan o meu tema preferido de conversación, pois pasamos moito tempo xuntos e gústame observalos. So desexo que se queden moito tempo comigo, que non lles pase nada e que teñan descendencia, así podo seguir estudando parentesco ainda despois de ter feito o exame de febreiro.
En fin, toca irse.
Van ser as 22.00 e a noite é longa e imprevisible.
Saudos



lunes, 10 de enero de 2011

DESCANSE EN PAZ


3 de xaneiro de 2011

Cheguei á casa cos babeiros para mamá. Probamos ún e púxose a comer un platado de puré. Cando acabou de comer sorprendina engulindo o pañuelo de papel como se fose pan. Díxenlle que viñera xogar ás cartas e dinme conta do pouco que controlaba o xogo. Tiña as mans tan frias que xa a morte se instalara nelas dende facía tempo. Empecei a masaxearllas enerxicamente para que entraran en calor e púxenlle unhos guantes da neve e aínda lle metín as mans nos petos do mandilón de colexiala. Despois dun tempo pregunteille se quería irse á cama. Enxagóu a boca con auga con sal e logo fomos andando con moitas dificultades hacia a porta da cociña. Apenas se mantiña de pé e inclinábase hacia diante sen mover os pés do sitio. Cando chegamos a escaleira pedinlle a Deus que nos levase ás dúas, pois subilas ía ser traballoso e mesmo terminal. Chegamos á cima, como quen chega ao cumio dunha alta montaña, sentíndonos case campeonas. Alí, apenas podía camiñar ata o baño.Agarreina abrazándoa con firmeza para movela hacia diante pero os seus pes non obedecían e só a cabeza facía ademán de avanzar. Caeume de xeonllos, doblandose, cunha mueca nos beizos amoratados. Vin aquela negrura como un mal augurio, como un sinal de morte repentina. Tendina no chán, co corpo atravesado nos escalóns que a separaban do cuarto do papá. Non sei se a dexei alí mentras corrín,impotente, xunto a meu pai, berrando histericamente dicíndolle que mamá estaba caída e que me parecía que morría. Baixei ao teléfono para pedirlle a unhos familiares que viñeran axudarme a levantala e voltei de contado xunto a ela para poñerlle mantas e almofada arredor e debaixo do seu corpo para que non sentise o frio chan e os pasos clavándose no seu corpo esvaído. Chamei, mamá, mamá.... pero ela descoñecía esa palabra. Chamei Natalia, Natalia.... e non houbo resposta que eu puidera percibir.Abraceina, acaricielle o pelo branco recien lavado da tarde, biquei aquela cariña fria que ainda estaba morna. Mamá non respondía, que raro! Non podía pensar que se puidera morrer así, nun minuto, sen mais. Non podía admitir que aquel corpo sen vida era o da miña naiciña. Tardei en tomarlle o pulso. Cando o fixen, non houbo resposta. Temíame o peor. Marisól veu de contado e namais vela, o seu xesto indicoume que mamá finara. Non podía creelo. Logo viñeron os da ambulancia e nada, era certo que xa non tiña vida aquel corpo que eu teimaba por abrazar e acariñar. As doutoras tardaron. Alguén nos mandara poñela de lado e así a tiñamos. Cando chegaron, pouco mais fixeron que cubrir os papeis de defunción e olláronme con sorna ao pedirlles que se aseguraran ben, que mamá tomaba pastillas que a sedaban moito e podía estar durmida, como viña estando nos últimos días pois comía e andaba cos ollos pechados. Logo veu o da funeraria e fíxose cargo do cadaver de mamá. A procesión comezaba: tanatorio, detalles do enterramento, escoller a roupa (que xa o fixera na casa, intuitivamente e de prisa, collera aquel traxe lila que tanto lle gustaba, un pano a xogo, medias, zapatos, roupa interior.....), o cadaleito nunha sáa chea deles con prezos e formas diferentes... Descoñecía aquel mundo, non entendía nada, non sabía escoller, eu só quería miña nai viva. Precipitouse en min unha avalancha de opcións ás que non daba atendido, tan ida estaba a miña mente polos instantes vividos, dunha sucesión de eventos rápidos que non me deixaban respirar. Eran as 20.30 da noite cando mamá deixou de vivir, despois de tanto tempo morrendo, día a día, e nun segundo, rematou. Xa lle dixera a Eva aquela tarde que ía morrer e que lle daba medo, que ela non quería morrer. Tivo esa premonición como a tivera meu avó (seu pai) cando lle dixera ao tío Pepe que non fora á feira a Castroverde aquel domingo, que él ía morrer aquela mesma tarde. E así fora. Miña nai no tanatorio, na frialdade e na soedade mais intensa e desolada. Nós, na casa, meu pai sen saber e eu sen poder durmir. Cómo podía? Á mañá seguinte, decirllo a papá, despois de ter almorzado non fose que non quixera comer nada. Levouse sorpresa. A partir de ahí, ir vela. Estaba moi fermosa e tranquila. Parecía durmida e mesmo lle vía respirar. As súas mans cruzadas, sostendo un rosario, semellaban mais brancas e xoves que nunca. Eran as mans dunha santa que fixo con elas tartas e cociñou banquetes e coseu traxes creativos e complicados como o da miña primeira comunión. Mans de pacencia e de empeño, mans traballadoras e de anxo. Ben se defínía sempre a se mesma como: "traballadora no campo, fermosa na romaria....", Nin unha enruga no seu rostro que agora descansaba placidamente. Por fin atopara a paz que non tivo en vida. As ansias afastáranse daquel corpo, cal sombras da árbore e deixaran a luminosidade do sol na súa face. Estaba durmida e eu non me cansaba de ollala, de quedarme con aquela estampa de santiña que eu quería gardar para sempre como unha reliquia. Mentras a contemplaba así, deixaba fluir tódalas bágoas que saían dos meus ollos para liberarme da dor da sua ausencia. Deixei que me innundara e que se limpasen todos os momentos amargos, que a caliz pasase e me deixase seca e tranquila. Parecía que se ía de viaxe. Estaba vestida de festa. Emprendera a sua derradeira viaxe de longo percorrido, que xa facía que a soñara ou presentía. Mamaiña da alma, deixáchesnos asi, sen despedirnos, sen decir nin ai!. Cómo pode a morte ser tan cruel e ao mesmo tempo tan xenerosa? Rodeada de flores de tódalas cores naquel altar preparado para ela, como unha santa na eirexa, alí se erguía o seu santuario e eu adorábaa e gostaba de que outros tamén o fixeran. Comprendín a importancia do ritual e presteime de bo grado a recibir a cantos nos visitaron. Abracei con ternura a cada persoa que me abrazaba e agradecin a súa participación como algo realmente solidario e xeneroso. Todos os comentarios, curtos ou longos,eran benvidos e sentinme arroupada pola familia, amigos, compañeiros e veciños e sobre todo polo meu fillo, quen estuvo pendente de min todo o tempo, atento ao meu pranto, as miñas reacións de tristura e de calma, de desesperación e de aceptación. Sen él, houbérame sentido desvalida. Levar ao meu pai a vela non foi tarefa doada pra un home que mañá cumple 99 anos. Pero quixo ir. Fixemos a sua vontade. Foi mellor así, senón, perdería o contacto coa realidade mais importante da vida: a morte. Deume moitísima magoa velo así, despois de case 60 anos xuntos ben levados. Aquela tarde, cando viña conducindo dende Lugo, pensaba que miña nai ía morrer antes. Por qué pensaba eso cando ela estaba decindolle o mesmo a Eva? Tivo que ser unha telepatía que nos uniu no pensamento. Din que a morte avisa. Choveu e dilubiou nestes días. Será que o Universo todo chora por ela? Está alí, rodeada de flores que xa estragaría a chuvia e eu sen poder ir vela. Quedouse perto, xunto aos seus pais. Alí foi xuntarse con eles e está no medio dos dous. E eu pasarei por alí e sintirei a sua presenza como sinto a dos avós e a do meu tio Pepe. Nunca vos esquecerei!