www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

xoves, 12 de outubro de 2017

ROTEIRO AVELINO DÍAZ


Fai poucos días, deixaba eu aquí un poema de Avelino Díaz, poeta que descubrín o día que fixen turismo por terras de Meira. Un poema adicado ó río Miño, que alí nace e que foi seu compañeiro de nenez, xa que moi axiña deixaría esta terra para nunca mais voltar a ela.
Avelino Díaz (1897-1971) nace nunha aldeíña chamada A Travesa que pertence á Órrea (Riotorto), nunha casa humilde. Fillo de solteira, a nai tería unha gran influencia na súa vida e poesía, xa que aos dezaseis anos, deixaríaa para emigrar a Bos Aires e xa non voltaría a vela. Pasóu en Meira, con ela, algúns anos da súa infancia, e por eso, o río Miño deixóu pegada na súa imaxinación de rapaz, e levaríao no corazón como fiel compañeiro dos seus primeiros xogos. Poeta, xornalista, dramaturgo....e catro volumes publicados e pendentes outros moitos escritos, fíxose a sí mesmo no eido literario e, como tantos outros, dende a emigración, colleitou méritos para Galiza. Os seus conveciños mirandeses souberon darlle aprecio e acollelo no seu lugar natal honrándoo cun roteiro que leva o seu nome e que tiven a sorte de percorrer fai dous días cun grupiño de amigos aficcionados á literatura, a natureza e a camiñar. Comezamos o roteiro xunto a casa de Avelino e fomos subindo polo monte, seguindo o camiño que antes facían os feirantes que ían a Meira cada quince días, como se facía noutros lugares perto dos que vivo para ir tamén a outra feira que se alternaba con esta, e que era a de Castro Verde. Fomos pasando por camiños forestais que se abriron para repovoar os montes con eucaliptais, e que van en paralelo a camiño de carro polo que seguramente se ía á feira en cabalos ou a pé. Tamén se atopan sitios onde a natureza autóctona brinda ese sosego e equilibrio que fai sentirnos ben na súa presencia. No alto fixemos unha parada para repoñer forzas e compartir un pequeno refrixerio e logo iniciar o descenso que nos levaría, por pequenas aldeas, ata chegar a Meira onde nos agardaba un xantar nunha casa rural e logo continuamos o ascenso ó Pedregal de Irimia, para escoitar a música do Miño baixo as pedras que o agochan e acunan, como un cantar de berce, que eu gravei para poder escoitalo cando queira relaxarme e sentir a paz que trasmite.
A partir de ahí, empecei a buscar mais información na web sobre Avelino a través da Asociación que se formóu na Órrea para que non caia sobre él o esquecimento e poida ser protagonista dunhas Letras Galegas, cousa que estaba prevista para este ano e non puido ser. Desexo que o consigan e que todos aqueles e aquelas que souberon interpretar o mundo con poesía sexan os nosos exemplos para lograr unha vida mais pacificadora co entorno, cos demais e con nos mesmos.