sábado, 27 de mayo de 2017

CAMIÑO PRIMITIVO

Duascentas persoas é un bo número para unha vila como Castro Verde. Chegadas da ría de Ares, de Sarria, do Corgo, de Lugo e, por suposto, de Castro Verde, para pasar un día xuntas, percorrendo o Camiño Primitivo, o mais primitivo dos camiños a Santiago que partía de Oviedo e que por un trazado rectilíneo e doado de andar, pasa por esta vila dende tempos inmemoriais, seguindo os pasos dos castrexos, dos medievais, por este camiño real, como tantos outros que cruzan de norte a sul, de oeste a este e que son de ida e volta, e de carro, e con muros artísticos de canteiría conformando os seus lados para conducirnos seguros ao destino marcado....Trazados que foron desviados artificialmente, movidos por intereses particulares e afastándose do seu trazado orixinal, reclamo dos que se interesan pola cultura, pola historia, pola herencia que nos deixaron e que moitos se empeñan en aniquilar. Levando con nós a un historiador e experto no Camiño Primitivo, o profesor Polín, que é entusiasta e vive o que predica, convencido de ser escoitado e de que a mensaxe prenda en quenes o escoitamos, foinos describindo con todo luxo de detalles o transcurrir desta Vila na que un castelo marca a súa historia xunto con outros lugares como Soutomerille onde se atopa unha igrexa en desuso, sen campás, cun interior ben interesante, unha casa señorial, ou pazo, e un pequeno cimeterio con só tres panteóns con forma de hórreo.
O camiño vai por entre arboredo milenario, con pequenos regatos polos que a auga corre cantareira, conformando ríos que van dar a outros, con abundancia de sombras e frescura das pradeiras. Lugar silencioso e que convida á contemplación e no que empeza a haber os primeiros intentos de comercialización turística coa presencia de chiringuitos que, ainda que resulten atractivos para quenes percorren estes camiños de longas etapas por lugares illados, non deixan de ser intrusivos e algo fora de lugar.
Como en todas estas xuntanzas de asociacións, tivemos un alto no camiño en Castro Verde para repoñer forzas, degustando os queixos que se elaboran en Barredo, tipo Cebreiro, empanadas do lugar e doces caseiros, na mesma rúa onde se estreaba o seu nome Rúa de Santiago, por estar no camiño que leva a Santiago de Compostela. Pasamos polo Castro Verde antigo, xunto ó castelo, onde as casas forman un núcleo interesante e ben conservado coa praza do rolo, nome este que lle ven por teren alí unha especie de miliario romano que impuña o seu poder no lugar. O castelo, ao que se lle foron quitando espazos para apropiarse deles e facer fins de semana, está ainda ben conservado posto que os seus muros miden un metro oitenta, pero o descuido por parte de quenes deberían telo en aprezo, vese por tódolos lados. Esperemos que veñan mellores tempos. A historia que nos contaron denota o poder da xente deste castelo naqueles tempos.
Por esta zona houbo un hospital para leprosos, o de San Lázaro. Ahí iniciamos hoxe un milladoiro para rendirlle lembranza e saber o por qué do seu nome.
Catorce quilómetros de roteiro chegaron ben para a xente da nosa idade que as tres da tarde agardabamos o xantar como auga de maio. Éste tivo lugar no polideportivo e cun servizo de catering que fixo todo o posible por nos compracer e apaciguar a nosa fame. Logo de xantar, visitamos Vilabade onde nos deleitaron cun concerto na igrexa e na que houbo tres actuacións: os nosos  acordionistas, unha moza que tocou a viola e o grupo de gaitas, todos eles e elas de Castro Verde. Nunca unha igrexa tivo mellor razón de ser!


miércoles, 24 de mayo de 2017

POLA MARRONDA

Quedara con Jesús e seus amigos ás dez xunto a fonte do Eo. Alí estaban puntuales e coa mesa posta: unha relucente empanada que falaba por si mesma, unha bota de viño e planos ou carteis que configuraban o escenario para un día de roteiro pola Marronda en plan light (coche/a pé) porque o día apresentábase caluroso e non era plan facer a ruta a pé e sen ter quen nos recollera ó final.
Entón, puxen en marcha o meu plan, de guía nata, e sabía que sairía ben.
Fomos no coche ata unhos douscentos metros da fonte e xusto ó cruzar o río aparcamos para achegarnos ata a aceña que fora da casa de Cuenzas, a mais rica da aldea, casa de médicos, con biblioteca e xardín inglés e zona de servidume e de señorío e hoxe desaparecida quedando só unha palleira e a casa do forno ó outro lado da estrada. A aceña consérvase ben pero está rodeada de maleza que cubre o sendeiro que noutrora fora un dos meus favoritos para ir soutar ou escoitar o río, ou, cando nena, acompañar a miña nai a lavar a roupa e eu subirme ás paredes e penas que por alí había. Un amieiro caído, fai de ponte sobre o río e unha pequena fervenza. Alí está ainda a presa e comporta de antano. Mágoa que esa zona non se limpe e poida ser visitada.
De alí, en coche ata Sampaio, onde vimos outra aceña, a de Serra, que ten unha seimeira bastante alta e con auga case sempre que forma unha cortina ao ancho do río.
Seguimos ruta en coche pasando pola aldea, vendo a antiga escoliña onde eu din aulas sustituíndo unha mestra. Logo de pasar Sampaio e nunha curva sinaleilles o carreiro para ir a unha fervenza moito mais grande onde se xunta o Eo co río de Cubilledo, pero non fomos porque había que atravesar prados que podían ter auga e había que levar o calzado apropiado.
Pasamos Esgrade, onde so quedan dous veciños. Unha con gando.
Dende alí a vista é amplia e pódense ver todos os montes a redonda, deixando a Villauriz alá na cima e vendo parte de Cabreira no fondo.Despois de Castrelo, aldea de bastantes casas onde so queda unha persoa, chegamos á Espiña, onde naceu meu pai. Alí hai duas casas. Unha delas habitada en vacacións. A de meus avós, semiabandonada, cun hórreo ben conservado, que fixera meu pai.
Deixamos a Espiña e xa nos adentramos pola Marronda cara a Martín. Alí deixamos o coche e fomos andando ata a área recreativa da Cortevella, (tres quilómetros). O río Eo fai alí un meandro perfecto con sendeiro para percorrelo todo. É unha zona moi visitada sobre todo no verán. A xente leva merendas e fai barbacóas, incluso se bañan. Ten un muíño ao lado, un hórreo que levaron para alí, e poden verse unhas construccións circulares onde se gardaban as castañas.
Os meus compañeiros fixeron unha boa reportaxe fotográfica que vou empregar aquí para ilustrar o texto.
Voltamos a pé ata Martín e logo subimos en coche ata a Muíña. Pensabamos subir ata un mirador con antenas ao que se vai dende A Braña, pero xa se nos facía tarde para xantar. Insistín en que foramos ao Portugués, que está ao baixar a Baqueriza indo para Castro Verde. Alí dan xantares na mesma cociña e é un sitio moi concurrido que ata hai que esperar para sentarse á mesa como se chegue despois das dúas.
A comida foi boa e con bo viño de colleita caseira, e pan e todo caseiro.
Despedímonos coa satisfacción de ter pasado unha boa mañá percorrendo a Marronda en plan rápido e fácil como primeira incursión para, logo, mais adiante, facer un roteiro completo a pé.
Coñecín xente nova e paseino ben facendo de guía, que é o meu!