domingo, 18 de diciembre de 2016

LUCUS AUGUSTI



Así foi a cidade romana Lucus Augusti, unha vez que se amurallou. Antes había un campamento romano pero debido ao seu lugar estratéxico, unha vez construída a cidade romana, decidiron facer unha muralla que albergaba a uns seiscentos soldados que habitaban nas súas torres
de dous andares e con moitas ventanas, das que so hoxe se conserva unha.
Empezamos o percorrido arredor deste monumento que tiña un castelo anexo onde se gardaba o armamento. Ese castelo quedou formando parte da muralla.
En principio so había catro portas que servían de acceso á cidade pero logo foron abríndose outras novas e mais grandes. Algunhas portas mais pequenas foran de uso privado de acceso a hortas como é o caso da porta de Santiago, xunto a Catedral.
Moi interesante saber da historia desta cidade que foi construída no antigo campamento romano, logo foi destruída polos Suevos e foi perdendo a simetría cuadricular das súas vías e reconstruíndoa en torno a igrexas, dando lugar a unha estructura medieval onde hoxe está a Catedral. Enriba destas antigas urbes, está construído Lugo actual, deixando o seu pasado soterrado e do que afloran, de vez en cando, os restos ainda ben conservados do que foi unha cidade romana.




Proba deso podemos encontrar nas reconstruccións que se ven no Domus de Mitreo
Tumba do Centro arqueolóxico de San Roque
Pinturas orixinais na Casa dos Mosaicos.
que fora unha casa dunha familia de clase alta, e que tería aproximadamente unhos mil e pico metros cadrados. Logo foi ocupada por un centurión que según a inscripción na ara encontrada intacta, era Caius Victorius Victorino quen construíu un templo ao deus Mitra, de orixe persa (deus do sol) e que se mantivo oculto por estar prohibida esta relixión pese a permisividade dos romanos en canto a creencias. Alí celebrábanse rituais e atópanse restos da imaxe de Mitra cargando o touro. Esta casa viuse afectada pola construcción da muralla. De feito foi expropiada parte dun patio moi importante que daba ao poniente. Era unha casa con  moita humidade e pódense ver salas con paredes recubertas de tella plana como aillante, deixando separacións para a circulación do aire. Os membros desta comunidade eran recaudadores de impostos.
Pintura orixinal encontrada na Casa dos Mosaicos

Seguindo o itinerario programado, achegámonos ata o Centro Arqueolóxico de San Roque que está situado na zona do cimeterio romano onde se depositaban as cinsas despois da incineración ou tamén as tumbas elaboradas con tellas planas de cerámica feitas en fornos que tamén se encontraron nesta parte entre as Vias XIX e XX. Aparece aquí tamén unha fonte ou estanque cunhas esculturas en granito e que poden representar divinidades orientais.
Pola tarde, achegámonos á Casa dos Mosaicos, onde se encontróu unha antesala cunhos mosaicos no chán moi ben conservados e decoración con motivos lineais e florais nas paredes.Tratábase dunha casa moi importante polas súa situación e dimensións de unhos tres mil metros cadrados. Tamén pode apreciarse o sistema de calefacción radial por aire denominado hipocaustum. É di finais do S. III, comezos do IV. Unha das pinturas representa ao deus Océano.





martes, 13 de diciembre de 2016

VOAR PARA VIVIR

 
 
Voar sen límites, como voan as aves,
percurando novos destiños,
sen importar fronteiras
nen liñas divisorias,
sen atarse a nada, sen xustificar
seguindo o instinto ,
as necesidades básicas,
deixando atras lugares e neais,
sen calendarios, mapas ou satélites
que guien a sua marcha,
so un cambio no ceo, un sinal
e un punto no hourizonte
un bater de ás, sen equipaxe
que levar, todas a unha,
poñen rumbo á felicidade, sen mais.
 
 
 


domingo, 4 de diciembre de 2016

ROTEIRO DAS SEIMEIRAS



Un fermoso día para un roteiro espectacular e nas proximidades! Qué gusto descubrir esta natureza en estado puro onde o son da auga faise sentir por toda a fraga repleta de castiñeiros centenarios e de frondosidade variada. Fixemos este roteiro con dous grupos chegados da Mariña e de terras de Lourenzá. Era un roteiro circular con baixadas impresionantes pero con valado de madeira para evitar caídas ao precipicio. Ben sinalizada e con pontes e pasamáns en bo mantemento.
A primeira seimeira (fervenza) lembra a típica cola de cabalo que me fai pensar na manzanilla leonesa que viña nunhas caixiñas que tiñan unha fervenza semellante. Era a granel e facía efecto inmediato!!!
Por aquí hai un descenso moi en picado e resbaladizo nesta época do ano debido á follaxe que alfombra o chán pero que con coidado fomos pouco a pouco baixando sen maiores tropezos para atoparnos con esta fermosura natural ben escondida e para min descoñecida ata o día de hoxe.
Forma unha poza grande  na que me imaxino que se poderá tomar un baño no verán. As augas parecen limpas e sen contaminar. Un convite a deixarse masaxear por este chorro poderoso. Tentacións habelas hainas!!!



Este castiñeiro ben merece unha foto. Gustaríame que o vise Rinat, unha artista que transforma a natureza en algo moi suxerente, con oquedades que desentrañan a alma dos nosos compañeiros vexetais. Seguro que lle gustará facer algo con esta imaxe. Atopamos moitos polo estilo, que parecen feridos de morte pero sobreviven e manteñen o tipo e mesmo dan castañas que cubrían o chán. Un tronco de árbore atravesando o río de lado a lado en forma de ponte e do que medraban ben enerxéticas cara o ceo, ponlas que perpetúan a súa estirpe e que se farán grandes e nos convencerán de que non de toda árbore caída se fai leña.
O río, que eu diría regato, e non por facelo de menos, senón porque non ten moito caudal, é sen embargo, ben cantareiro e xoguetón e déixase escoitar dende as alturas, como se o seu eco enchese a fraga e fose música de fondo para outras voces de paxaros e animais que por alí circulan. Vai facendo fervenzas pequenas ao seu paso onde navegan rápidas as follas e ramas que se desprenden.

Llaneando, a pé de río, atopamos a seguinte seimeira, mais
pequena pero co engado de formar unha praia de moi doado
acceso na que debe ser unha delicia bañarse en pleno verán.


E despois deste paraíso, comenzamos o ascenso ata a estrada, levando un frescor de espíritu que nos daba pulo para acabar o roteiro e sentir que nos adentraramos  no corazón mesmo dunha fraga que pasa inadvertida aos que non saben dela. Agradecimentos a quenes nos facilitaron o seu descubrimento, pois é un sitio ao que hai que voltar.

domingo, 27 de noviembre de 2016

UN DÍA DE CRUCEIROS

Un domingo de indulxencias! A primeira: non atopar apenas coches na estrada a esas horas da mañá. Logo, percorrer a zona histórica de Lugo na mais absoluta tranquilidade, sen xente, sen comercio. So o arte en exclusiva para quenes nos pasara desapercebido tantas veces de incursións apuradas no mundanal ruído sen reparar na beleza dos obxectos que vinculan o humano co divino. Pois sí, con espesa névoa na zona de Lugo e sol radiante onde eu moro, así deu comezo este percorrido polas cruces de pedra cun simbolismo relixioso para min un pouco descoñecido tamén, que invocan o pecado e a  maneira de ser perdoado. Nestas excursións Terras de Auga e Cultura, hoxe estaba previsto o roteiro dos cruceiros. Comezando polos de Lugo cidade e logo polos arredores da capital.
 Este é a parte de arriba na que se poden observar unhos anxos moi ben esculpidos. O fuste ten os símbolos da paixón. O Capitel amosa os principais atributos para a salvación: deus e a sabiduría simbolizada por esa especie de pergamino que se enrola nos extremos e a figura central, a divinidade. Foi mandado construir pola familia da casa que se ve ao fondo e non se sabe ben se foron os canteiros carboeiros, dado que a marca deses canteiros é o rombo cas catro boliñas a cada lado, ou se foi un carpinteiro que tamén se supón que fixo o San Antonio co Neno que se atopa dentro da igrexa. 
 Cantas veces non aparquei na Praza Dinán, frente ao Cuartel da Garda Civil e non reparei neste cruceiro que foi realizado por un arquitecto que fixo outras obras en Lugo, Manuel Mayo e ten simboloxía bretona nos escudos situados na base.
Estes cruceiros acostuman ter a imaxe da Virxen na parte posterior e de santos nos laterais. A Virxe empezóu a ter protagonismo a partires do século XIV xa que antes estaba totalmente ausente. Pero ahí cobra importancia como intercesora ante Deus para que se nos perdoen os pecados. O Cristo dos cruceiros simboliza a morte pola salvación da humanidade pero como voltamos a pecar unha e outra vez, están ahí para que reflexionemos, recemos, nos arrepintamos e de ahí que rezando diante deles gánanse indulxencias para sair do purgatorio no que deben atoparse a maioría dos humanos, porque hai que ver, que somos pésimos no comportamento e erre que erre.....
Co Gadis, ao lado,
Coa biblioteca a un paso, e nunca reparei nél, ca presa que sempre levo. Pódese dicir que hoxe redescubrín Lugo noutro  nivel, no relixioso e artístico tamén. Éste é do memo autor que o anterior. Ao seu Cristo fáiselle a cruz algo cativa. Caracterízase pola barba, o pelo rizado e tamén polas bases que teñen tres escalóns

sábado, 12 de noviembre de 2016

TEMPO DE CAMBIAR DE LERIA






Tempo de pasar páxina, de cambiar de leria, de cancelar roteiro, de voltar ao interior, de protexerse do temporal, de sacarlle o mellor á cociña....Despois dunha mañá chuviosa, cos cristais da ventana empañados de gotas, de vento húmido que molla xa con velo, nada mellor que refuxiarse no corazón da casa e empezar a conservar froitos de outono e cociñar deliciosos pratos que ningún restaurante podería ofrecer. Así foi cómo empreguei a mañán confitando castañas e recheando unha berenxena


con shitaki, cherries e outros ingredientes caseiros de colleita propia. Todo eso puiden degustar á hora do xantar que non tiña previsto xa que hoxe tocaba saída co grupo de sendeirismo e rematar cun magosto e foliada alá pola noitiña. O magosto xa o almorcei de máñá cedo, que é cando mellor prestan as castañas e dan enerxía para o resto do día. Non me parece ben tomalas pola noite, xa que son algo pesadas. Pero vivimos nun mundo contra natura e non respectamos o noso organismo que nos paga con enfermidades e a veces coa morte. Pero non quixera asustar a ninguén, menos aínda, despois desta xornada de laborioso traballo culinario que culmina cunha excelente dixestión e benestar e cada cousa no seu sitio despois de todo o que foi movilizado para ver tan pouco producto, porque non so é a producción senón o aprobeitamento en tódalas ordes de satisfacción personal, de agradable terapia de entretemento nun día de portas adentro, de saber que o que recollemos perdurará por un tempo para seguir agasallándonos co sabor orixinal destes froitos outonais que logo se esfuman e apodrecen. Castañas en almibar! Qué delicia velas agora nos tarros de cristal, transparéntes en nítidas, no seu grosor e enteireza, mesmo sirven para decorar unha estantería na despensa. E logo serán a sorpresa na mesa en calqueira ocasión do ano, non importa a estación. Mentras todo esto facía, soába a  música na radio e mesmo daba para bailar ao tempo que laboreaba. Noa, privada do seu paseo diario, dormitaba e soñaba coas castañas que comería despois, se sobraba algunha. Encántanlle! E eu non sei, se polo doce, debería tomalas! Comer sen pan é outro pracer para a dixestión. Agora entendo por qué os ingleses apenas proban o pan coa comida. E xa teño lido nalgures que o pan non vai ben con todo. Mellor tomalo separado a outra hora, como as torradas do almorzo ou as tostas da cea. Ten cada cousa o seu sitio.... incluso no noso organismo. Agora, a tarde segue como a mañá, non se vai poder votar pé fora pero ainda me quedan os deberes do acordión.... Teño que practicar cos botóns da esquerda que fan o acompañamento. Cousa difícil pero secadra non é imposible de todo. Así que aquí termino a leria para que me rinda a tarde noutras tareas e se mañá ven día solleiro, ainda teño outro roteiro!!!!!

;



TEMPO DE CAMBIAR DE LERIA






Tempo de pasar páxina, de cambiar de leria, de cancelar roteiro, de voltar ao interior, de protexerse do temporal, de sacarlle o mellor á cociña....Despois dunha mañá chuviosa, cos cristais da ventana empañados de gotas, de vento húmido que molla xa con velo, nada mellor que refuxiarse no corazón da casa e empezar a conservar froitos de outono e cociñar deliciosos pratos que ningún restaurante podería ofrecer. Así foi cómo empreguei a mañán confitando castañas e recheando unha berenxena


con shitaki, cherries e outros ingredientes caseiros de colleita propia. Todo eso puiden degustar á hora do xantar que non tiña previsto xa que hoxe tocaba saída co grupo de sendeirismo e rematar cun magosto e foliada alá pola noitiña. O magosto xa o almorcei de máñá cedo, que é cando mellor prestan as castañas e dan enerxía para o resto do día. Non me parece ben tomalas pola noite, xa que son algo pesadas. Pero vivimos nun mundo contra natura e non respectamos o noso organismo que nos paga con enfermidades e a veces coa morte. Pero non quixera asustar a ninguén, menos aínda, despois desta xornada de laborioso traballo culinario que culmina cunha excelente dixestión e benestar e cada cousa no seu sitio despois de todo o que foi movilizado para ver tan pouco producto, porque non so é a producción senón o aprobeitamento en tódalas ordes de satisfacción personal, de agradable terapia de entretemento nun día de portas adentro, de saber que o que recollemos perdurará por un tempo para seguir agasallándonos co sabor orixinal destes froitos outonais que logo se esfuman e apodrecen. Castañas en almibar! Qué delicia velas agora nos tarros de cristal, transparéntes en nítidas, no seu grosor e enteireza, mesmo sirven para decorar unha estantería na despensa. E logo serán a sorpresa na mesa en calqueira ocasión do ano, non importa a estación. Mentras todo esto facía, soába a  música na radio e mesmo daba para bailar ao tempo que laboreaba. Noa, privada do seu paseo diario, dormitaba e soñaba coas castañas que comería despois, se sobraba algunha. Encántanlle! E eu non sei, se polo doce, debería tomalas! Comer sen pan é outro pracer para a dixestión. Agora entendo por qué os ingleses apenas proban o pan coa comida. E xa teño lido nalgures que o pan non vai ben con todo. Mellor tomalo separado a outra hora, como as torradas do almorzo ou as tostas da cea. Ten cada cousa o seu sitio.... incluso no noso organismo. Agora, a tarde segue como a mañá, non se vai poder votar pé fora pero ainda me quedan os deberes do acordión.... Teño que practicar cos botóns da esquerda que fan o acompañamento. Cousa difícil pero secadra non é imposible de todo. Así que aquí termino a leria para que me rinda a tarde noutras tareas e se mañá ven día solleiro, ainda teño outro roteiro!!!!!

;



viernes, 28 de octubre de 2016

SPOOKY, SCARY SCHOOL!

Convidada a un xantar de Halloween no cole onde pasei os derradeiros anos de mestra, e onde o Halloween non existía ata que cheguei eu, todo hai que dicilo, sinto emoción de poder participar nesta celebración, que na súa versión anglófona, non deixa de ser a mesma festa do noso Samaín pero que é de obrigada mención no ensino da lingua inglesa nas escolas. Impresionóume o traballo que realizan mestres, familia e alumnos/as para convertir unha cabazaiña da sua horta nestas inocentes caras que parecen dispostas a expresar o seu sentir e de interactuar co mundo dos vivos e dos mortos.
Imaxinación non falta e eso é importante no desenrolo infantil. E se así aprenden outras linguas e culturas, mellor que mellor. A festa estivo animada con actuacións por parte da rapazada que cantaron en inglés, con acento escocés! (a profe é escocesa!) e mesmo fixeron con moita soltura unha pequena escenificación na que tiñan que expresarse nesa lingua.
Tamén os mais pequenos se disfrazaron cos esqueletes e cantaron unha canción en galego que repasaba os números ao tempo que contaban cómo os esqueletes pasan o seu día.
A witch (meiga) dábase os derradeiros retoques diante do espello antes de emprender a viaxe en vasoira polo comedor para demostrar que  "habelas hainas". Ainda que os contos falan moito delas, algúns nunca viron unha de verdade. Pero houbo quen choróu co medo!

A ver quén come este postre cheu de gusanos, dedos esquecidos dentro da xelatina, aagggg!
Pero o caso é que estaba ben bo. Claro que tratándose dunha cociñeira como a da foto, todo pode agardarse!


Todo estivo moi ben e doulles os meus parabéns a tod@s  por facelo posible unha vez mais, por convidarme a compartir e sobre todo por esas apertas que recibín dalgunhas ex alumnas que ainda me teñen no seu corazón.  HAPPY HALLOWEEN!!!!!!

martes, 25 de octubre de 2016

OUTRAS ANDAINAS

Un domingo polos arredores de Lugo, co grupo de excursións que organiza o Concello  baixo o lema Tierras de Agua y Cultura 2016, que ben podía estar en galego, ademais de outras linguas, xa que a éstas apúntanse xentes doutras falas.  A de hoxe é un roteiro de  carácter antropolóxico e etnográfico. Titúlase: Cuentos, Puentes y Posadas: la vida al lado del Camino Real.  Fomos no autobús ata Laxosa e alí puidemos ver unha pousada que nos tempos do Camiño Real facía as veces de albergue para os viaxeiros e viaxeiras ainda que adoecía de todo confor e asegundo o noso guía, as pousadas galegas tiñan a peor sona de toda a península por estaren descoidadas. O Camiño Real construíuse sobre o trazado da Via Romana 19 de Astorga á Coruña e foi no reinado de Carlos III que impulsóu un bo número de camiños ou estradas para que tivese  saída o comercio entre cidades. Ten carácter radial, como a moderna rede de estradas que se fixo posteriormente e marcábanse as distancias en leguas, de ahí os leguarios que se atopan  nesta zona e que tiñan forma rectangular acabando nun sombreiro redondo e  indicaban as leguas que faltaban para chegar a determinada cidade, neste caso, A Coruña.
Xa os romanos puxeran as distancias en millas, de ahí os miliarios que eran como colunas redondas e tiñan ademais inscripcións do emperador que gobernaba naquela época.


Seguindo polo Corgo, puidemos ir vendo pontes construídas en camiños medievais e nas que os comerciantes pagaban unha especie de peaxe. Claro que, sempre había quen buscaba a maneira de burlar a norma e pasaban por sitios alternativos.
Despois de xantar, cada quén por onde puido, fomos ver unhas casas importantes da zona, chamadas casas grandes, xa que non son precisamente pazos, senón casas ricas, con escudos e fachadas decoradas en pedra de canteiría, e nas que puidemos ver tamén chemineas moi grandes ou moi ben elaboradas. Esas casas tiñan pombais e algúnhas tamén tiñan capela.
Xantamos, como digo, en Gomeán e logo seguimos hacia Chamoso. Este sitio sempre me trae lembranzas de cando os meus pasados conveciños ían a facer a sega a ese lugar.  En Chamoso hai un río con este nome no que se encontra un mazo moi curioso e no que se elaboraban os fouciños para os segadores que ían a Castela. Agora é un restaurante pero aínda conserva en funcionamento estes artiluxios do pasado. Por certo, neste restaurante caro, atrevínme a pedir un euro de cervexa, por ser o único que me quedaba despois de sair co peto en mínimos xa que coidaba que o roteiro era pola cidade e que iría xantar á casa.

Nunha das igrexas de Chamoso, que está ao carón dunha destas casas grandes, atópanse sartegos ( tumbas labradas na rocha) moi ben conservados. Dicía o noso guía, que os mais pudientes, querían ser enterrados nestes sepulcros e o mais perto posible do altar da igrexa, porque así terian mais posibilidades no outro mundo.

Logo deste percorrído, andivemos por outro camiño  que sería unha variante do Camiño Francés para quenes quixeran pasar pola cidade de Lugo e visitar a Catedral. Ainda non está sinalizado nen recoñecido oficialmente.
Despois dun longo día, no que a chuvia nonos molestóu, e a natureza amosábase co esplendor do outono ofrecéndonos froitas de todas clases, chegamos ao remate, deixando algo no tinteiro e algo mais que descubrir noutra ocasión.

domingo, 16 de octubre de 2016

POLA RIBEIRA SACRA



Tiña que sair cedo por mor de coller o autobús que nos levaría de excursión pola Ribeira Sacra. Na radio soaba Eric Clapton traéndome lembranzas dos anos setenta en Ámsterdam. Pero eso é LERIA aparte. Non sabía se decidirme por esa viaxe de tanto percorrido en autobús e pouca andaina. Ademais, a predicción do tempo era de choivas fortes pola zona sur. O día, húmido ao principio, foi quedando soleado e quentiño por aquela zona. Despois de xuntarnos co grupo de Sarria, dirixímonos hacia a Rúa e Montefurado, facendo, antes, unha paradiña onde o río Lor se encontra co Sil. Era unha paraxe plácida e tranquila, con augas calmas que se unían en forma de V. Ali, unha ponla caída recentemente dunha gran figueira de brevas, ofrecíanos un "tente en pé" de media mañán. E xa
dispostos a facernos ricos coas pepitas de ouro que se lles esqueceron aos romanos, dirixímonos a Monte Furado onde tivemos que facer equilibrios para achegarnos ata os pasadizos que eles excavaron na montaña coa fin de obter tan preciado mineral. A veces sinto que debo admiralos por tanto inxenio! Dende alí, seguindo ríos e estradas que non sei ben nin por ónde ían, (falla dun mapa) coido que pasando pola Gudiña, encamiñámonos a Viana do Bolo onde visitamos o seu castelo medieval e tomamos o primeiro café da mañán, e para a miña sorpresa, o primeiro café de máquina que me soubo igualiño ao que fago eu na miña casa!!!!! Un dez á camareira simpática que nos atendeu e a que hai que pedirlle a chave do baño como en Portugal.




 Todo se contaxia ao vivir tan perto.  Despois, non sei se volta para atrás, ou para adiante, pero entre viñedos de todas cores, arrecendendo a viño novo no lagar, e cepas que medran ceibes na cunetas, e racimos que penduran das silveiras e ofrecen esquecidas uvas negras que teñen a dozura dun verán pasado por sol, descendemos a pé ata As Ermitas, seguindo os pasos do Viacrucis, ao revés, ata chegar ó Santuario do Rosario e admirando ao noso paso, as maravillas da paisaxe en tódolos ángulos así como o esmerado coidado que amosaba a aldeíña de aspecto turístico rural con un único hospedaxe e comedor decorado con galerías de cor vermello.

Xa a carón do río, non sei cál, había unha fervenza que de inverno debe estar no mellor momento, e tamén un muíño moi antigo, escondido baixo a ramaxe de difícil tránsito. Como se aproximaba a hora do xantar, encamiñámonos á seguinte parada que sería no mesmo Bolo onde tamén hai outro castelo de finais do século XV. O restaurante, único que alí podía verse, leva o nome antigo do lugar: Volobriga, de orixe romano. E qué dicir das espléndidas uvas que por alí andaban ainda a recoller e das que puidemos ter unha furtiva cata.
A comida, ben merecida, transcurreu nun ambiente festeiro, con troitas e tenreira e delicioso postre, acompañado do viño local da comarca de Valdeorras.
Xa de camiño a Castro Caldelas, atopamos a VIA NOVA  que foi unha estrada romana dende Braga ata Astorga, 330 quilómetros e na que se atopa a famosa ponte sobre o río Bibei, que é moi interesante pola súa boa conservación, e debido á boa inxeneiría romana que hai que admitir que neso destacaron con verdadeiro éxito, entre outras cousas mais e a pesares de que a min non me chiste a romanización...
 Alí detivémonos un bo intre para estudar o trazado da VIA A-18 no seu tramo Trives/Larouco (Ourense), e que ten unhas curvas moi pronunciadas en forma de codo que reciben ese nome Os Codos. A estrada actual semella estar na antiga vía a xulgar polas viravoltas que fai no seu trazado e que nos asoma a unhos precipicios de viñedos, eso sí, alomenos se caemos, podemos disfroitar dos acreditados froitos de Baco, se nos quedan folgos para eso. Eu, tiven que cambiar o meu posto na ventaniña para o do pasillo para non sufrir vértigo. E xa, camiño de Pobra de Trives, na falda de Manzaneda, coñecida pola Bica (bizcoito que se fai na zona) e que acabamos mercando na seguinte vila. Trives chama a atención polos seus balcóns floridos dende os que se derraman en cascada flores de todas as cores e que da a
sensación de que ninguén quere ser menos nese aspecto. Unha das balconadas levou premio pola súa vistosidade e da que incluo unha foto. Case facéndose noite ainda tiñamos plans para seguir facendo visitas e dende alí achegámonos a Castro Caldelas, onde xa a luz non daba para fotos sen flash. Impresiona a vista que ofrece, destacando alá na cima, a fortaleza medieval co seu castelo e barrio, eu diría xudeo, xa que houbo unha colonia xudea na zona.

Moi coidada e limpa esta vila, con mais afluencia turística que outras que visitamos, ou eso se desprende ao observar a cantidade de bares, restaurantes, hoteis.... e onde xa nos decidimos a mercar a famosa Bica. Dende alí, e seguindo os cañóns do Sil, e embarcadeiros, emprendemos retorno a Monforte, Sarria e Lugo. Mágoa que se nos fixese noite no camiño e non poideramos ver o río.
Todo é ben cando ben acaba e ainda que cansados de tanto autobús, hai que agradecer as moitas paradas que se fixeron para ver interesantes lugares e estirar as pernas. Temos un mundo que explorar ao pé de nós!!!!!






























lunes, 19 de septiembre de 2016

ROTEIRO POLA MARRONDA

Apunteime a unha das excursións que organiza o Concello de Lugo. Era á Marronda e como vivo perto dela e apenas a coñezo, só de vista, pois non me quedaba outra que animarme e aproveitar a oportunidade que se me ofrecía. A Marronda ten un percorrido de unhos sesenta quilómetros e consideráse GR. Esta vez, uninme a un grupo de xente que, en principio, non coñecía pero nada mais subir ao autobús, xa atopei caras coñecidas e compañeiras de outras actividades. Foi moi emocionante atoparme con elas despois dun longo verán sen vernos. Así que, xa tiña compañía para todo o traxecto. Un autobús dos grandes subíunos ata as antenas por unha estradiña sen asfaltar e chea de baches. Parecía un jeep xigante polo medio do monte costa arriba ata o pico mais alto dende onde podiamos divisar os montes dos Ancares e terras da Fonsagrada, nunha mañanciña de domingo con sol abundante e ceos despexados, un dezaoito de setembro. Como era domingo e temporada de caza, atopamos un equipo de cazadores que se dirixían ao mesmo sitio e esto non estaba previsto, polo que lles pedimos que nonos confundisen cos xabaríns.
O tramo polo que eu non pasara, chegaba ladeira abaixo ata unha fervenza moi escondida e de difícil acceso á que so nos atrevemos seis ou sete persoas, entre elas, dous cativos que apañaron os derradeiros arandos que había nas abundantes arandeiras que por alí nacen de forma espontanea, así como tamén acivro. Cando nestas estabamos, cruzóu diante de nós un xabarín a toda mecha. Xa olisqueara o perigo e sabía que o andaban a percurar. Logo empezaron os cans a ladrar e seguramente acorralalo. Espero que tivera a habilidade de esquivalos a tempo e deixarse vivir por algún tempo mais nesta fraga, a mais occidental de Europa que ten un considerable número de faias cubrindo a sua ladeira norte dun verdor espeso e profundo que sorprende á vista e recrea os sentidos e a imaxinación polo impenetrable das suas entrañas onde quén sabe o que se esconde.
Logo de percorrer camiños de cabras e pasar algunha aldea perdida, e subidas interminables e baixadas de vértigo, polas que tiven que camiñar do revés para non molestar os xeonllos, fomos descendo ata a estrada da Corte Vella, xunto á área recreativa, onde o río Eo fai un meandro perfecto, deixando no medio un  illote elevado como unha pequena montaña picuda.
Debían ser perto das catro do serán cando nos sentamos baixo un castañeiro a comer o bocadillo. A min prestoume comelo alí, ao carón do río, sentindo o seu son cantareiro e alegre, entre sol e sombra, devagariño, mastigando ben e sen presa mentras degustaba unha cervexa fría que tiven a sorte de levar na mochila. Despois dese xantar, e sen moverme do sitio, entrei en paz comigo mesma e dispúxenme ao descanso ben merecido despois da andaina. Nesas estaba cando me sorprendeu unha voz que me avisaba de que había que irse para o autobús. Interrumpir así un descansiño que me redimía de malos durmires anteriores era case sacrílego pero non quedaba outra.
 O malo foi atoparme conque o noso guía estaba a meternos noutra andaina de sobremesa por outro roteiro que ía ata Cabreira, Sampaio.... Eu accedín por cortesía e despois de un quilómetro voltei para atrás porque eu xa fixera ese camiño noutra ocasión e non era o mellor momento de repetilo. Así que, o resto foron horas de espera polos que se retrasaron na volta e demoraron a saída do autobús nunha hora polo menos. Pero todo é ben se ben acaba, e cheguei á casa algo cansada pero satisfeita de atoparme con xente que coñecía superficialmente e chegamos a coñecernos mellor e repasar tempos pasados da nosa vida de estudantes en Lugo, con amizades en común, e algunhas ben especiais e sorprendentes.
Grazas por este día, que sen ir a longas distancias, me fixo feliz no lugar no que vivo. Non hai que ir moi lonxe para sentirnos ben. Levámolo con nós a onde queira que vaiamos.






sábado, 10 de septiembre de 2016

FISTERRA DA DE SÍ




A tua silueta, que sempre me sorprende ao pasar unha curva da estrada, e apareces maxestuosa, tendida, como unha serea que barase neses cantís, déixame, por un momento, incapaz de avanzar sin parar a recrearme na vista que ofreces a cantos a ti nos diriximos.
E non podía faltar a empanada/torta de mazá, feita nunha das mais antigas paderías de Fisterra, de forma artesanal e que é propiedade dunha exalumna.
 E apareciches ti, haski agarimoso, en semiabandono, para encherme de humanidade e desvivirme por ti, sentir os teus choros e laios, por estar prisioneiro xunto a unha casa desabitada, sen comida e apenas auga.... Chegáchesme a alma....Houbérame gustado poder traerte comigo pero non estaría ben que seguise roubando cans que me parecen abandonados sen estalo de todo, pois teñen dono. Polo menos síntome satisfeita de terte alimentado durante ese tempo que pasei frente a ti, asomando a túa cabeza por enriba do muro de ladrillo cada vez que abríamos a porta da casa. Apareciches como un milagre, despois de ter lido o libro sobre os lobos árticos e os haskis dos esquimos. Alí estabas ti, para lembrarme os teus conxéneres e deixarme recrear na fermosura desa cara expresiva, deses ollos azuis que namoran. Espero que o teu castigo non sexa longo e que voltes axiña onde os que deben cuidar de ti, e nono fan, teñan un momento de dulzura para un ser tan perfecto.




Sempre un brindis por esa Fisterra que deixa en min lembranzas de tempos vividos alí e hoxe píntase de cosmopolita con tanta afluencia de camiñantes que acaban alí o Camiño ou empezan un retorno despois de teren chegado ao punto mais occidental de Europa.
 

Voltar cada ano a Fisterra, sentir o sol da fin de verán; mergullarse nas suas augas cristalinas e algo frescas; recoller cunchas mentras se pasea pola veira da praia; degustar o bo peixe e marisco nos restaurantes do porto e compartir coas amigas de fai tempo momentos de encontro, de poñerse ao día nas nosas vidas, de rir como tolas diante dunha carta de tés para acabar pedindo unha manzanilla, ten o seu engado, non se pode negar.


domingo, 4 de septiembre de 2016

FEIREANDO EN DONCOS (Os Ancares)




Qué mellor cousa se pode facer nun domingo de sol e calor, xa entrado setembro, que irse de feira?
E sobre todo, se non coñezo o lugar, mesmo estando tan perto. Ai, o que son as fobias! A min non se me dá circular por eses precipicios de pontes que sosteñen a autovía. Con todo, atrevínme e como a esa hora da mañá está todo dormido, apenas atopei coches e menos ainda camións. Deixei a autovía a altura de As Nogais para non aventurarme por mais pontes e fun pola estrada normal ata Doncos. Estaban empezando a organizar os postos e había sitio de sobra para aparcar á sombra dos espesos castañeiros. Era unha feira de artesanía, de oficios e de productos da zona. Había doces, mel, queixos e pan alén de outras larpeiradas caseiras. Toda a semana tiveran diversos talleres para aprender a traballar a lá, a madeira, a cerámica, os enredos e xoias pero eu quixen ir o domingo e así poder visitar unha antiga compañeira de instituto, que, por certo, non estaba pero o que sí vin foi a casa de turismo rural da súa propiedade. Mágoa que non atopase a ninguén coñecido ainda que falei con moita xente que estaba por alí. O arrecendo a polbo e churrasco xa empezaba a quentar os motores para un delecioso xantar que eu non esperei a degustar, entre outras cousas, porque acabei moi axiña de ver a feiriña e perderme por algúns camiños e decidín ir comer a miña merenda á casa. Eso sí, antes de irme dinme o meu gusto dun cafetiño levado da casa co chiculate e as améndoas. Case me avergoño de non facer nada de gasto como se supón que fagan a persoas que alí van. Pero merquei queixo do Cebreiro, mel de As Nogais e dous libros de libreiro vello que atopei interesantes.




O regreso fíxeno amodiño pola antiga Nacional VI que vai pasando por todas a pequenas aldeas nas que sempre hai algo que ver e non por esa vía rápida onde todo o mundo corre como se non chegara a tempo e eu, qué presa tiña? Ainda me pesóu por non tomar a estrada mais antiga de todas, aquela de tantas curvas e estreitiña que había antes da Nacional VI, pero déixoa para outra ocasión. Polo menos van perto dun río e pódese parar en áreas recreativas ou dar un paseo por algún sendeiro dos que sempre hai agora en calqueira sitio. Así, de vagariño, sen presa, fun chegando a Becerreá, sen apurarme a montarme na autovía ata o último momento cando xa non me quedaba outro remedio para dirixirme á miña casa. E como era domingo, e a xente agarda visitas e prepara churrasco , decidín parar na aldea dunha coñecida miña do baile e alí estaba toda a familia disposta a cociñar un bo xantar. Fíxenme unha foto cos seus canciños pequenos porque quería que constara que hoxe me vestín toda de branco, como sempre quixen facelo e poucas veces o consigo, debido ao tempo que temos en Galiza, pero que é moi normal levar esa cor nas illas Baleares, nas Canarias..... e a min ben que me gusta ir alí por eso, polo branco con algo de azul.
E bo aventurarse algúnha vez e facer unha incursión en territorio alleo, pero nada me dá mais seguridade e confianza que a miña casiña, a miña horta e os meus animaliños. Qué bonito é pasar a tarde na horta, con esa calorciña tan infrecuente nestes lares, calcetando xa para o inverno e recollendo os productos da terra. Meus pais tamén eran unhos disfrutadores destas pequenas cousas e nunca se lles dera por viaxar. A mellor viaxe é a dentro dun mesmo, cun bo libro nas mans xa se viaxa e co pensamento non existen fronteiras. Eu ando cos lobos árticos a voltas e mesmo lles tomei agarimo, tanto que xa quixera atoparme con algún dos nosos, se é que quedan. Como carapuchiña xa teño atopado con algún e logrei sair sá e salva. Haber hainos!!!!