lunes, 20 de junio de 2016

POLO SAN XOÁN......

.....TANTO QUEIXO COMO PAN.
Chegada esta época do ano, cando todo florece seguindo unha orde, respetando turnos, como un proceso ben organizado de antemán, as aldeas énchense de viouteiros e tróqueles (estalos) e o aire arrecende, non só a purín, que tamén a veces, pero a ese aroma tan intenso e dulzón que desprenden os viouteiros (sabugueiros) en flor. Polo San Xoán, enramallábanse as casas poñendo nas portas, nas ventás e nas paredes exteriores estas variedades de flores. Dicíase que era para atraer a sorte, tal vez para librarse dos meigallos tamén. Os rapaces e rapazas carretabamos leña para facer o lume novo na víspera de San Xoán. Era un traballo que faciamos en equipe como o das alfombras de Corpus noutros lugares de Galicia.  Todo se foi perdendo ao non quedar xente nova no rural e así iren desaparecendo as tradicións e a ilusión por estas cousas. Polas zonas de costa, onde hai mais xente, séguense practicando estas celebracións. Alí, recollen as herbas  de San Xoán e déixanas toda a noite en auga para lavarse con ela ao día seguinte. E ainda se fan fogueiras e asan sardiñas e festexan esa noite máxica facendo trasnadas como mudar cousas do sitio onde están e logo ter que ir buscalas lonxe.
Pero falando de natureza e deste planeta no que a vida é posible e onde todo se rexe por un misterioso milagre, sinto que non sabemos aprecialo e que teimamos por destruílo coas nosas accións equivocadas e por falta de amor e de agradecimento hacia o que nos foi dado para que o cuidaramos. Este é o noso Paraíso Terrenal, o que coñecemos, o que depende de nós que dure en boas condicións para servirnos.... Qué insensibles somos! Cómo pode haber tanta "tentación", tanto "demo", tanta "serpe" engañosa ?
E remato coa man chea de flores, apañadas de mañanciña para admiralas de perto e agradecer que ainda volten  cada primavera.