miércoles, 4 de mayo de 2016

DIA PRIMAVERAL

Hoxe, 4 de maio de 2016, mércores, fai un fermoso día en toda Galicia. É un pracer poder disfroitalo desde aquí, a aldea onde nacín. Fixen un percorrido, como tódolos días, coa miña cadela, baixo un ceo absolutamente azul e un val que se estende, todo verde, ata a mesma raíz da serra do Caurel. O silencio, o soliño quentando morno a esta primeira hora da mañá, o arrecendo a herba recén cortada, as árbores froiteiras en flor e o borde do camiño vestido de festa con flores variadas, fan que se o paraíso existe, podería ser así. Atopamos ainda regatos que levan auga presta e debuxan fervenzas nas que Noa podería darse un baño, pero non. Eu convídoa a que beba no rego porque sei que leva sede todo o tempo e que se molle, que se despida desta oportunidade que a natureza lle brinda e que no verán xa non teremos.
Pensaba no fermoso que é sentirse integrado nun lugar, formar parte desa paisaxe e descubrila cada día dun xeito diferente. É unha fonte de inspiración. Todos os problemas, dúbidas, indecisións, incertezas que o día me pon de deberes, vanse resolvendo nestas andanzas, xa que a mente está libre, despexada, e é capaz de pensar as mellores solucións. Tamén lembraba o luns pasado nunha cidade galega a onde fun por motivos de saúde, e despois de pasar a mañá, deixándome radiografar, fotografar, diagnosticar......decidín darme un bo refrixerio antes de voltar no autobús. Fun camiñando pola cidade, atopando cousas que me chamaban a atención, entre elas, una panadería de "boutique" que amosaba pans de todo tipo na súa fiestra e na que dentro se vía unha longa cola para mercar.  Aquelo seduciume. Xa non xantaría de restaurante, como en principio tiña pensado. Non. Ía facerme un "picnic gourmet" e tomalo en calque
ra xardín ou na terraza dalgún bar. Entón merquei o mellor queixo de ovella e o mellor pavo natural e, de volta, entrei na panadería. Había que coller número para mercar. Escollín un pan de cereais, que lle gustaba á que tiña ao lado, e cortáronmo en rebanadas, como nas panaderías inglesas. Parece que agora veu esa moda para aquí e non está nada mal porque levas o pan cortado e  a cantidade que vas comer.
Entón xa só me faltaba escoller o sitio onde serviran unha boa cervexa. Xa estaba!. Iría a antiga fábrica, na que xa estivera sendo nena, nunha visita que fixera con miña nai para ver aos meus padriños. Agora xa non me lembraba cómo era. Tiven que preguntar, ainda que sabía mais ou menos por onde quedaba. Cando entrei, estaba chea de xente, mais ben homes case todos por non dicir todos. Achegueime á barra. So servían canas grandes así que preguntei se podía tomar o meu bocadillo alí. Dixéronme que non, que so se podía comer o que eles tiñan, non fose a pasarme algo coa miña comida e......
Quedei un pouco pasmada e púxenme a buscar solucións porque era imposible beber todo aquelo sen comer. Busquei un lugar medio escondido, detrás do enorme alambique doutros tempos, e dende alí, podía ver se algún camareiro viña e podía sorprenderme metendo as mans na bolsa ás agachadas.
Unhos homes de pé, xunto a un barril, facían o camuflaxe perfecto para a miña picaresca. E así, puiden darme o xantar mais apetecible dende facía tempo.
Son cousas así de pequenas que poden facer que a túa vida sinta os aleteos da felicidade de cando en cando, do xeito mais insólito, sinxelo e pouco común.
O día segue a ser espléndido e sentarme ao ordenador é case un sacrilexio neste caso porque mañá xa volta a chuvia. Pero foi este paseo o que me deu pulo para deixar aquí esta vivencia que marque un día feliz na miña vida cotidiana.

2 comentarios:

  1. ¡Ola Bea!!!

    Que envexa me da ese pan que fan algunhas panaderías, a min gústame o de centeo, xa te estou vendo tomar o bocadillo pan riquísimo e queixo de ovella con ganas e cervexa.

    Encántame o texto escrito con todo detalle, expresas as mil marabillas o día de hoxe vivido por esa linda terra en xebre, verde con regatos campos e algunha montaña que se ve o redor o lonxe, en un gozo xenial dar un camiñada así; a foto fala por si sola, e acompañada das túas letras, vese todo máis fermoso.

    Déixoche a miña felicitación, gratitude e estima.

    Un abrazo grande e se moi moi feliz.

    Estou un tempo de descanso...

    ResponderEliminar
  2. Hola Bea.
    Maravilloso día y bien completo. Siempre explorando los paisajes tan llenos de encanto y las curiosidades de la ciudad. Cambiar de un extremo a otro es fantástico para variar el tiempo. Seguro que el pan de cereales estaría riquísimo. La verdad que no nada mejor que la vida cotidiana. Por cierto me alegro que al fin te pudiste comer tu bocadillo de forma picara, pero lo importante es que te lo has comido.
    MUCHAS FELICIDADES!! Por que comerse un bocadillo de jamón es como una fiesta.
    Un abrazo muy fuerte y que disfrutes el día das letras galegas.

    ResponderEliminar