www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

sábado, 31 de maio de 2025

O CROAR DUN DÍA

 

Aquí comeza o croar dun día no que varias asociacións tiñamos un encontro en Castro Verde, sendo esta localidade a anfitriona deste ano. 
Comezamos percorrendo un tramo do Camiño Primitivo, comezando no alto da Vaqueriza ata Castro Verde.
A lprimeira parada foi na capela do Carme, Vilabade na que se celebraba unha romaría e a xente ía ofrecida á virxe, facendo o camiño a pé e con algún sacrificio, para logo pasar o día enteiro na carballeira e levando o xantar ou merenda. A xente sentábase nunhas mantas no chán e mesmo se compartía coa familia e amizades.
Entramos na capela para ver a imaxe da virxe do Carme.
Esta é a carballeira na que tiña lugar a romaría, animada con música e bailes, mesmo concursos de baile no que miña nai levóu un premio bailando cun veciño da nosa parroquia.
Un pouco mais abaixo, agardábanos o refrixerio de media mañán no que aportaron tamén os grupos convidados traendo algo dos seus lugares de orixe, como mexillóns da parte de Ferrol. Había tamén o famoso queixo do Cebreiro elaborado nunha aldea de Castro Verde, en Barredo e que ten levado premios a nivel nacional. 
Na nave que foi unha granxa de coellos e hoxe reconvertida en museo e multiusos, foi onde tivo lugar este "brunch" que nos cargóu as pilas para seguir camiño.
Dos moitos obxectos antigos que alí se expoñen, deixo duas fotos que me gustaron.

Logo viría a sorpresa: unha poza enorme chea de ras que nos recibiron cun concerto nunca escoitado e do que gardo son para deleitarme no seu croar cando me apeteza.
Constancia de que iamos por bo camiño: O Camiño Primitivo.
Ata os porquiños celtas cabilaron se sería a fin do mundo cando escoitaron o vocerío de tanta xente en tropel e non sabían para onde correr.
Chegamos a unha escola republicana feita no 1931 polos veciños deste lugar, pagada cos seus cartos e na que había mestro e mestra e vivenda para eles. Hoxe durme entre a maleza que a come.
Ten esa cor azul que lle da un aire indiano.
O muíño ainda fai muiñada unha vez ao ano.
Entramos velo por dentro.



Chegamos a Vilabade e vimos a igrexa so por fóra.



Despois dun xeneroso e ben agardado xantar nun restaurante da vila, fomos ao Centro Cultural Paco Pestana para escoitar un concerto polo grupo Son de Corda que nos fixo sentir ben.
Para rematar, a presentación do último libro da autora castroverdesa Ánxela Gracián que tamén nos fixo sentir aínda mellor.

E aquí acaba o croar dun día no que os distintos croares nos fixo sentir vivos e vivas.

luns, 5 de maio de 2025

TOXOS E XESTAS

 Como cada mañán, se o tempo o permite, salio a facer marcha nórdica, que veño practicando a diario dende fai alomenos quince anos e que consiste en axudarse cuns bastóns apropiados que van suxeitos ás mans e ao igual que no esquí de fondo, trabállanse os mesmos músculos, polo que é como esquiar sen neve. 


Nesta época do ano, o que máis vexo ao meu paso son as xestas (Cytisus scoparius) empezando a florear e que teñen un aroma característico e sabor amargo. Ao seu lado, tamén algun toxo (Ulex europaeus), tenta facerlle a competencia pero nótase ben que escasean e que tenden a desaparecer. Xa non se ven toxeiras, que eran parcelas a toxos e que se recollían, xunto coas xestas para estrume do gando que logo fermentado nas cortes de antes, dentro das casas, serviría de abono para as leiras e sacábase en carros tirados por vacas, que cantaban ao seu paso, os carros, quero dicir, do carregados que ían. O cheiro do esterco mesmo era agradable, non como o purín de agora.




Estas que aquí se ven nesta foto son as xestas. O seu uso como vasoiras era ben coñecido antes de viren as escobas, xa non digamos as aspiradoras. Tanto  varrían as brasas do forno do pan despois de roxalo tamén á base de leña de xesta e de uces (Erica escoparia), tamén chamada carroucha, carrasca, carpaza...que xunto coa xesta tamén se usaba en vasoiras, mesmo para varrer o gran de trigo ou centeo nas airas, cando se mallaba. E, como non podía ser menos, as meigas tiñan estas vasoiras como vehículo nos seus voos nocturnos.



O toxo, ten espiños e non permite moito xogo con él, pero sí se utilizaba tamén para roxar os fornos de cocer o pan alén de comida para cabalos despois de cortalo nun cabalete cunha coitela semellante á de decapitar. Non sei como podían comer os cabalos ese toxo cheo de espiños que a nós so con tocarnos xa nos deixaban doentes. Unha espiñadura de toxo había que tratala escaldando o dedo afectato nove veces en auga fervendo durante nove días?




Outra que non abonda moito xa, é a papoula, (Papaver rhoeas). Cada vez vense menos e máis pequenas. Antes había sitios ateigados delas. Sempre me gustaron moito estas flores. Alegran o campo. Ese contraste entre o vermello e o verde. Son moi perecedeiras. O vento fai delas bailarinas con delicado traxe de catro pétalos. Se encontras unha con cinco podes ter boa sorte!

Moito nos amosa a Natureza cando a vemos a diario, nos metemos nela, deixamos que nos entre polos sentidos, anque os meus, xa me van axudando menos, dende a pandemia, o olfato e o gusto desapareceron por arte do demo e non voltaron despois de máis de dez meses. Eso sí, trato de ir arrecendendo a menta silvestre, a xesta, a uz e todo aquilo que ten un aroma forte para que o meu cerebro se lembre. A ver se así!

E aquí deixo esta pequena experencia que aínda que todos os días se me presenta, sempre é algo diferente.