Quedara con Jesús e
seus amigos ás dez xunto a fonte do Eo. Alí estaban puntuales e coa
mesa posta: unha relucente empanada que falaba por si mesma, unha
bota de viño e planos ou carteis que configuraban o escenario para
un día de roteiro pola Marronda en plan light (coche/a pé) porque o
día apresentábase caluroso e non era plan facer a ruta a pé e sen
ter quen nos recollera ó final.
Fomos no coche ata
unhos douscentos metros da fonte e xusto ó cruzar o río aparcamos
para achegarnos ata a aceña que fora da casa de Cuenzas, a mais rica
da aldea, casa de médicos, con biblioteca e xardín inglés e zona
de servidume e de señorío e hoxe desaparecida quedando só unha
palleira e a casa do forno ó outro lado da estrada. A aceña
consérvase ben pero está rodeada de maleza que cubre o sendeiro que
noutrora fora un dos meus favoritos para ir soutar ou escoitar o río,
ou, cando nena, acompañar a miña nai a lavar a roupa e eu subirme
ás paredes e penas que por alí había. Un amieiro caído, fai de
ponte sobre o río e unha pequena fervenza. Alí está ainda a presa
e comporta de antano. Mágoa que esa zona non se limpe e poida ser
visitada.
De alí, en coche
ata Sampaio, onde vimos outra aceña, a de Serra, que ten unha
seimeira bastante alta e con auga case sempre que forma unha cortina
ao ancho do río.
Pasamos Esgrade,
onde so quedan dous veciños. Unha con gando.
Deixamos a Espiña e
xa nos adentramos pola Marronda cara a Martín. Alí deixamos o coche
e fomos andando ata a área recreativa da Cortevella, (tres
quilómetros). O río Eo fai alí un meandro perfecto con sendeiro
para percorrelo todo. É unha zona moi visitada sobre todo no verán.
A xente leva merendas e fai barbacóas, incluso se bañan. Ten un
muíño ao lado, un hórreo que levaron para alí, e poden verse
unhas construccións circulares onde se gardaban as castañas.