Duascentas persoas é un bo número para unha vila como Castro Verde. Chegadas da ría de Ares, de Sarria, do Corgo, de Lugo e, por suposto, de Castro Verde, para pasar un día xuntas, percorrendo o Camiño Primitivo, o mais primitivo dos camiños a Santiago que partía de Oviedo e que por un trazado rectilíneo e doado de andar, pasa por esta vila dende tempos inmemoriais, seguindo os pasos dos castrexos, dos medievais, por este camiño real, como tantos outros que cruzan de norte a sul, de oeste a este e que son de ida e volta, e de carro, e con muros artísticos de canteiría conformando os seus lados para conducirnos seguros ao destino marcado....Trazados que foron desviados artificialmente, movidos por intereses particulares e afastándose do seu trazado orixinal, reclamo dos que se interesan pola cultura, pola historia, pola herencia que nos deixaron e que moitos se empeñan en aniquilar. Levando con nós a un historiador e experto no Camiño Primitivo, o profesor Polín, que é entusiasta e vive o que predica, convencido de ser escoitado e de que a mensaxe prenda en quenes o escoitamos, foinos describindo con todo luxo de detalles o transcurrir desta Vila na que un castelo marca a súa historia xunto con outros lugares como Soutomerille onde se atopa unha igrexa en desuso, sen campás, cun interior ben interesante, unha casa señorial, ou pazo, e un pequeno cimeterio con só tres panteóns con forma de hórreo.O camiño vai por entre arboredo milenario, con pequenos regatos polos que a auga corre cantareira, conformando ríos que van dar a outros, con abundancia de sombras e frescura das pradeiras. Lugar silencioso e que convida á contemplación e no que empeza a haber os primeiros intentos de comercialización turística coa presencia de chiringuitos que, ainda que resulten atractivos para quenes percorren estes camiños de longas etapas por lugares illados, non deixan de ser intrusivos e algo fora de lugar.
Como en todas estas xuntanzas de asociacións, tivemos un alto no camiño en Castro Verde para repoñer forzas, degustando os queixos que se elaboran en Barredo, tipo Cebreiro, empanadas do lugar e doces caseiros, na mesma rúa onde se estreaba o seu nome Rúa de Santiago, por estar no camiño que leva a Santiago de Compostela. Pasamos polo Castro Verde antigo, xunto ó castelo, onde as casas forman un núcleo interesante e ben conservado coa praza do rolo, nome este que lle ven por teren alí unha especie de miliario romano que impuña o seu poder no lugar. O castelo, ao que se lle foron quitando espazos para apropiarse deles e facer fins de semana, está ainda ben conservado posto que os seus muros miden un metro oitenta, pero o descuido por parte de quenes deberían telo en aprezo, vese por tódolos lados. Esperemos que veñan mellores tempos. A historia que nos contaron denota o poder da xente deste castelo naqueles tempos.
Por esta zona houbo un hospital para leprosos, o de San Lázaro. Ahí iniciamos hoxe un milladoiro para rendirlle lembranza e saber o por qué do seu nome.
Catorce quilómetros de roteiro chegaron ben para a xente da nosa idade que as tres da tarde agardabamos o xantar como auga de maio. Éste tivo lugar no polideportivo e cun servizo de catering que fixo todo o posible por nos compracer e apaciguar a nosa fame. Logo de xantar, visitamos Vilabade onde nos deleitaron cun concerto na igrexa e na que houbo tres actuacións: os nosos acordionistas, unha moza que tocou a viola e o grupo de gaitas, todos eles e elas de Castro Verde. Nunca unha igrexa tivo mellor razón de ser!



