www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 16 de febreiro de 2026

AO MAL TEMPO...

 ...BOA CARA.

Deixar de lado o blog é como esquecer de alimentarse. E para eso nada mellor que poñerse a facer algo que nos distraiga destes días de chuvia que non cesa e que nos ten na casa engaiolados, nunca mellor dito, pois engaiolarse tamén siñifica distraerse con algo e, no meu caso, non é difícil atopar alternativas aos paseos que daría se non chovese. Sempre está a música, o baile, cociñar, tocar o acordeón, estudar xaponés, ler, o ioga... entre outras.

Pois onte era o día ideal para facer fillóas, xa que estamos en tempo de entroido e son algo que non pode faltar entre tanto cocido, orellas e demáis.

Así que mans ás tixolas e con música para bailar entre medias, en tanto que se van dourando, co ollo enriba, por suposto, que non se pasen, e sen pausa, en menos dunha hora hai un bo platado delas enriba da mesa.

Empezaremos polos preparativos:



Duas tixolas crepeiras, ovos (no meu caso só ún ou dous, porque van ser poucas), as fariñas, ( de forza da panadería, de trigo sarraceno, de espelta...), auga, sal ao gosto e, esta vez, púxenlle raladura de laranxa ecolóxica, o aceite xa fritido nunha das tixolas e un pincel.

Nun bol mesturo cunha pouca de auga as fariñas e bato con culler de pau que leva un burato no medio, (agasallo dunhas amigas checas) cando a auga coa fariña están moi espesas para que non se formen grumos despois. Logo vou engadindo auga e tamén incorporo o ovo batido aparte, o sal e a raladura de laranxa, neste caso, ata obter un amoado nen moi lixeiro nen moi espeso, no seu punto.

Xa coas tixolas quentes, untadas lixeiramente de aceite fritido, antes usábase un torrezmo de touciño, vaise estendendo o amoado cun cazo e repartíndoo pola tixola cubrindoa toda que non queden buratiños e se quedan pódese ir parchando.



Eu uso lubas brancas de algodón para non queimar os dedos ao darlles a volta na tixola para que se fagan polos dous lados. Cando empezan a levantar a orella xa se lles pode virar porque así non rachan e vanse colocando nun prato dado a volta ata que xa teñas o montón que querías facer.

Unha vez frías pódense conxelar. Eo collo seis ou sete e enróloas en film para gardar no conxelador e comer noutra ocasión. Sempre se deben desconxelar na neveira.

Comelas, cada quen cómeas como máis lle gusten pero eu teño a miña propia maneira de comelas.

Quento de unha en unha na tixola, primeiro por un lado, logo doulle a volta e poño enriba, queixo relado, pavo...(mesmo salmón, ás veces) e cando se funda e vexa que están tesas, é cando as poño no prato espolvoreadas de canela, mel de caña, ou mel de abella...como se apreza nesta foto. 

Pódese rechear con nata montada, con marmelada, simplemente con azucre...ao gusto de cada quen.


E así se pasa unha tarde entre música, baile e aroma das fillóas, que eu tamén lles chamo creps porque compartín piso cunha bretona en Londres a finais dos setenta e cando viña de vacacións da súa Bretaña sempre traía creps que logo recheaba con salchichas, bacon, ovos... pero o que eu non sabía daquela e souben andado o tempo é que se facían con trigo sarraceno e chámanlle "galettes.

Aquí deixo un video de como facer as galettes bretones.