Montescola é unha fundación que ten como labor preservar o monte e difundir as boas prácticas para un entorno ecolóxico e sostible. Recuperar terreos que foran expropiados pola mineiría e convertilos en aula da natureza na que participan escolares e familias plantando e apadriñando árbores que se ocupan de coidar ao longo dos anos. Ao mesmo tempo, é un entorno para xuntarse e festexar ou asistir a actividades de ocio e aprendizaxe que son levadas a cabo por personas expertas en algunha materia: monólogos, uso das plantas silvestres...e tamén é un lugar ao que acuden con frecuencia as brigadas deseucaliptizadoras para desfacerse desta especie incendiaria e repoboar os montes con especies autóctonas. O que non cabe dúbida é que Montescola, en Froxán, (Lousame) A Coruña, é un lugar para aprender e pasalo ben.
Hoxe, domingo, feira en Baleira, estreamos Furgoteca.
A Furgoteca é unha biblioteca ambulante, iniciativa promovida pola Xunta de Galiza a través das bibliotecas de Lugo e Ourense, para levar "cultura" ás zonas máis afastadas destas dúas provincias, aquelas especialmente de montaña, que non dispoñen de bibliotecas na súa proximidade.
Non só atopamos libros, revistas, cómics, xornais, música ou películas senón que ofrece tamén a posibilidade de usar tecnoloxías como ordenador, impresora...
Esta idea non é nova. Aquí na nosa contorna houbo, no seu día, unha muller republicana, chamada Enriqueta Otero, mestra e polifacética, moi adiantada aos tempos, que tamén pensóu que había que levar a cultura a todos e todas para que tiveran a oportunidade de instruirse, e non só aprendendo a ler e escribir, senón, moito máis. O seu Carriño, co que ía de aldea en aldea, achegaba estudos universitarios. Era como unha universidade ambulante.
No parque Rosalía de Castro, en Lugo, estaba a sede de O Carriño. Unha palloza que facía de teatrillo e divertimento ao tempo que promocionaba a cultura.
Algo así foron tamén as Mochilas viaxeiras que, nos anos en que exercín como mestra en Baleira e tamén encargada da biblioteca no seu centro escolar, acolleramos este sistema de poder levar libros, vídeos, música, revistas... á casa perante un tempo para que toda a familia se beneficiara da oportunidade de ler ou de coñecer outras cousas. Acompañaba un caderniño onde anotaban as súas impresións ou comentarios.
Hoxe, chegóu a Fonteo, xunto a fonte do Eo, esta fermosa Furgoteca, coa súa bibliotecaria e animadora que nos ofreceu o seu contacontos a modo de presentación. Mesmo poderíamos degustar algunha bebida ou unhas galletas durante o tempo que pasamos alí escollendo libros, xa que vai equipada con todo ese tipo de agasallos.
Para ser o primeiro día, asistiron varias veciñas e veciños, xente nova, que se interesaron moito polo que alí se atopaba. Eu saín con tres libros pero había moitísimos máis que me gustaban.
Como diría unha amiga moi aficionada a ler: "Eu quedaría ata a dormir na Furgoteca".
Esta foi a miña escolla! A poesía que non falte!
E, para terminar, deixo un enlace ao vídeo sobre Enriqueta Otero, nada en Miranda, Castroverde, Lugo, veciña a que tiven ocasión de coñecer persoalmente en Lugo cando eu era estudante de maxisterio e ela retomaba a súa profesión de mestra, despois de ter padecido a persecución, o cárcere e privada dos seus dereitos de exercer como mestra, cousa que logróu ao final, un ano antes da súa xubilación.