www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

mércores, 18 de xaneiro de 2023

PRIMEIRA NEVADA

 




Abro de par en par

a xanela da cociña.

Entra un frío saudable

con especial arrecendo

que gosto respirar.

A neve alegra a xente,

os animais, as plantas...

Cambia a cor da terra,

acouga os sentidos,

detén todo o que molla

nesa súa espesura

de maná merengado.

Na súa fraxilidade

garda o magnetismo

que nos atrae e atrapa.

Xira o día a carón dela,

ata na cociña se sente

no bulir das potas ao lume

cociñando caldos quentes,

fillóas e roxóns con mazá

seran menú preferente.

Nóa saíu disparada

ulindo cada pegada

dos animais da noite

que, antes que nós,

a brancura enlodaron.

Xa o sol derrete a neve,

Unha visita agardada.















venres, 6 de xaneiro de 2023

SON DE AQUÍ


 

Dende a serenidade do lugar,
a pé de camiños que transito.
nun día iluminado e limpo,
aquí, onde a natureza conta
tempos pasados e presentes.
A vida trasformada e silente,
a paz como lixeira brisa
que acalma os sentidos,
devólveme as palabras idas,
fai de min, parte da paisaxe.
Como árbore, permanezo
no lugar que me plantaron,
a carón da vida andada,
sen ansias que me urxan
buscar outros enclaves.
Pois, aquí foi onde nacín
e onde quixera morrer.
Eo son de aquí.
Teño un lugar de meu,
a casa na que nacín,
unha horta que coidar,
camiños que percorrer
e moito para contar.
Mido o tempo polo sol,
guíome polos degaros.
Nada  me apura nin obriga. 
Libre son e de min dona.
malia a todo,
nun vaso de auga,
afogo.