Empeza o outono con chuvia miúda, da que case non molla. Non tanto como para privarse de asistir ao terceiro festival labrego que escolleu A Chave das Noces, Montecubeiro, (Castro Verde), Lugo, para esta súa terceira celebración. Despois de perderme pola miña terra, din co lugar, que ainda que me queda ao outro lado da serra, nunca o visitara e seguro que se o fixera a pé, non tería perda, só pasar o monte xa que ficamos á mesma altura.
Xa case estaba a comenzar o primeiro acto do día, cunha mesa redonda encól do aproveitamento do monte, dos moitos usos que se lle poden dar, e para eso contamos alí con expert@s de toda Galiza, xente nova, emprendedora de proxectos un tanto innovadores ainda que non por eso descoñecidos, xa que o monte tivo eses mesmos usos, tempos atrás. Foi interesante mergullarse neses proxectos que conlevan un uso sostible e rentable dunhas terras que so estan sendo aprobeitadas para madeira. Así, podemos ver cómo pola zona de Manzaneda explotan a castaña e comercialízana en forma de fariñas, doces, ao natural... ou cómo por Carballo fan do monte un pastizal para cabalos, porcos celtas, (parque xurásico de porco celta!) e tamén de cogumelos. Na zona de Negueira de Muñiz, con productos que alí se dan e que intentan comercializar como o zume natural de mazá, mel, entre outros productos. Tamén cómo se adica o monte ao pastoreo, con cabuxas, como as de Cabuxa Natur na zona de Guntín, Lugo, que alimenta as suas cabras só co que pacen, usando tamén o monte común. En fin, unha chea de ideas que crean lazos de solidariedade entre a veciñanza ao tempo que se fan donos dos seus recursos para beneficio de toda a aldea e o mais importante, minimizan as posibilidades de lumes.
Despois deste debate aberto aos asistentes, e contrastando modos de velo, pros e contras, de como o lobo ou o xabarín dificultan certas actividades pero non impiden, vendo tamén a mentalidade de outras persoas que consideran que o cultivo de eucalipto é unha solución boa, e outras que ainda é mellor solución desfacerse deles, fomos deixando o tema, que da para moito, para irmos co xantar de carpa a base de empanadas, liscos, cervexa artesá e moitas delicias de larpeiradas que por alí había, de orixe caseiro ou artesanal.
Amenizada a festa por un grupo de mulleres que cantan, bailan, tocan e non se cansan de facelo: Trasdalomba!
Un ambiente de mocidade que baila con zocos a muiñeira, que leva consigo as crianzas, que venden productos sans, artesáns e únicos!
Sentados en alpacas de herva arredor da carpa, as conversas ían de aquí para aló, e voltaban e propiciaban encontros tan inesperados como o que me permitíu dar co paradeiro dunha vella amiga, que xa tiña por perdida e que non anda moi lonxe! Iso e outras cousas, como encontros con libros que non coñecía, con autor@s nov@s que quero ler e con bica de castaña.... fixo que a festa rematara como debe rematar unha festa: con ganas de voltar!