Hoxe, derradeiro día do mes de maio, mañanciña quente dende a primeira hora, ceo azul, luz e cores, convidan a un paseo, despois do almorzo, e antes de que o sol nos faga ir ca lingua de fora, (sobre todo, Noa e o seu noivo, que xa veu buscala ben cedo).
A natureza loce o seu traxe verde e amarelo. Arrecende a herva cortada. Os tractores traballan remexendo nela e tranme lembranzas de antano, de cando a se gadañaba á man, dende o ser día, para rematar antes de que o sol quecera. Logo viña o esmarañado, que consistía en espelir a herba para que secase axiña. Pola tarde, non ben acabar de xantar, xa se ía volteala, pola calor, para que ainda secara mais. Se o día acompañaba, xa estaría lista para angazar e recoller á tardiña, senón ficaba para o día seguinte ou se había ameaza de chuvia, empalleirábase para que non se mollase, e había que estendela ao día seguinte se facía bo tempo.
Nós, miñas primas e eu, eramos unhas nenas. O noso traballo era esmarañar a herba despois de ser gadañada. Tamén nos deixaban angazar, e subir enriba do carro a calcala, cando o estaban cargando.
Logo viña xogar entre a herba gardada na palleira. Alí tamén se precisaba que se pisara ben para que coubera mais. Para nós, era un xogo e unha maneira de adivertirnos ao mesmo tempo que colaborabamos nos traballos do campo.
Lembro que poñíamos a froita a madurar entre a herba, como ameixas, claudias....
Vivir perto destas paisaxes é un constante estímulo sensorial. Non importa a época do ano. Vivir cada momento que a vida nos ofrece, ainda que sexa a chuvia, a neve, a xeada....Pero o calorciño destes días mornos de primavera, con tanta flor, bolboretas e outros insectos, revoloteando arredor, non ten prezo.
Mentras se camiña, o pensamento vai voando a tempos pasados, a proxectos futuros, a presentes que apenas se sinten, porque case sempre ocupamos a mente con pasados e futuros. Vivir o instante, é difícil, require concentrarse no mínimo, no case inesistente. ´
Vou repasando lugares nos que vivín e aos que a veces voltei. Xa nada era igual. Por eso case non me interesa voltar a reencontrarme con eles. Perden aquel engado que tiveron, forman parte da miña historia tal como acontecera, e agora, apenas me din nada. Por eso, case prefiro descubrir novos lugares, ou persoas, poñamos por caso, xa que ven a ser o mesmo. Camiñamos hacia diante. O de atrás vai quedando, deixando a súa pegada pero non hai que pretender recuperalo. Non se podería. Quedan as lembranzas, as fotos, as testimuñas escritas..... pero o noso devir, é cara a diante.
Camiños que ofrecen boas sombras. Corredoiras ainda cercadas con paredes de pedra que fixeron nosos avós. Árbores senlleiras que se conservan para ser admiradas. Xa nada sería igual se cortasen estas fragas que son refuxio de animais e plantas que só saben vivir nelas. Mentras quede un chisco de paisaxe anterga, aniñaran os soños que dan identidade ao lugar ao que pertencemos e amamos.
www.leriasdebea.blogspot.com
Translate
venres, 31 de maio de 2019
domingo, 26 de maio de 2019
ROTEIRO POR CABO DE HOME
Pagou a pena erguerse ás cinco da madrugada para facer un roteiro pola península do Morrazo en Pontevedra, concretamente polo Monte Facho e Cabo de Home.
Deixamos Lugo ás sete da mañá para dirixirnos a este lugar da Galiza máxica da que tan pouco coñezo pero da que estou en vias de ir coñecendo pouco a pouco.
Chegamos ao Mirador da Caracola, que é o punto base para acceder a ese roteiro que nos levaría primeiro ao Monte Facho e logo a coñecer os distintos faros de Cabo Home.
A subida, empedrada e adornada de petroglifos con distintas simboloxías que se alternaban cunha cruz, tal vez debido a que estes lugares paganos, foron posteriormente cristianizados, levounos ata o castro e santuario que foi noutros tempos e ao que se facían perigrinacións e rituais ao deus Berobreo e está considerado un dos mais importantes da península Ibérica. Trátase dun castro galaico-romano que ainda está en recuperación. Alí ofrécense unhas excelentes vistas das Illas Atlánticas, Cíes e Ons, así como de moitas praias e poboacións costeiras das distintas rías Arousa, Pontevedra, Vigo... e a costa que bordea este Cabo chámase Costa da Vela, por tratarse dun lugar de vixia costeira tanto para guiar embarcacións, para o que se encendían fogueiras, de ahí o nome Facho, e tamén, mais tarde, para controlar as incursións dos berberiscos e protexer a poboación dos constantes saqueos aos que se vían sometidos.
Logo de desandar o camiño, voltando de novo ao Mirador da Caracola, emprendemos o sendeiro ata Cabo Home, seguindo o fío da costa, vendo o romper constante das ondas contra os cantís, escoitando o seu son, e deixando voar a mente, mentras camiñamos en fila india entre piñeirais que facían unha cortina entre nós e o mar.
En Cabo de Home atópanse algúns faros. O primeiro, na parte mais occidental do cabo, din que ten un son igual que o de Fisterra, imitando o "muuu" dunha vaca.
Outro faro que me gustóu pola sua forma e cor vermello, é o de Punta Robaleira, de construción mais robusta e achatada.
Seguindo o sendeiro, bordeado de frores dunares, margaridas e outras de cor amarelo, fomos achegándonos á praia de Melide, na que fixemos unha parada e tivemos a oportunidade de probar a auga e dar un paseo por ela, ca súa area branca e fina e augas de cor turquesa contrastando con outros azuis mais fortes.
Logo seguimos por unhas pistas de terra ata chegar a outro faro, o de Punta Sobrido, de cores ibicencos, branco con ribetes azuis. Dende alí podíanse divisar os enclaves das praias de Barres, a praia nudista mais grande de Galiza.
Terminado o roteiro xusto á hora de xantar, dirixímonos en autobús ata O Hio, que pódese pronunciar como o americano Ohio, para darlle un toque exótico!!!!
Ademais dun xantar exquisito e en boa compaña, puidemos ver o cruceiro mais completo de Galiza e a igrexa adicada a Santo Andrés, nunha praciña deste lugar que se estende a ámbolos lados da estreita estrada.
Rematamos a visita no Pazo de Lourizán, percorrendo os seus amplios territorios poboados de árbores senlleiras, onde se atopan as camelias mais antigas de Galiza, de cento trinta anos ou mais, e árbores de distintas procedencias. Hoxe é un lugar de experimentación forestal. Ahí foron onde se seleccionaron as sementes de piñeiros e eucaliptos, na época da postguerra, para plantar toda a zona atlántica e onde se seguen a facer estudos de outras variedades que se adapten ben ao clima galego.
Foi un pracer percorrer esta finca tan extensa pola que se encontran lugares con engado como a cova dos espellos, de estilo gaudiano, xa que este lugar estivo rexentado por cataláns, e fixeron réplicas do que podía ser o parque Guell en Barcelona, con fervenzas artificiais que discurren entre muros dese estilo, e lugares como o merendeiro que ten unha mesa de seis metros en granito dunha soa peza, hórreo onde se gardaban as sementes do eucalipto, invernadoiros, lugares de reunións de representantes das Comunidades, de políticos.... Hoxe o edificio por dentro está moi deteriorado e non se pode visitar. Ten unha curiosa escaleira de caracol, en ferro que chama a atención e ainda se conserva.
O día acompañóu, e a compañía non faltóu!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)