www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

mércores, 23 de xaneiro de 2019

Volta ao cotián!




Xel de alóe vera en cubiños conxelados



Xa sentía a necesidade de voltar ó espíritu do meu blog. Ultimamente, deixeime levar polas viaxes para ter algo novo que contar. Mentras releo os posts de anos anteriores, pois empecei a escribilo no 2009, sinto nostalxia daquelas lerias que contaban o meu día a día. Entremedias, algúns poemas afloraban de vez en cando e as fotos que ilustraban aquelas páxinas perdéronse sen posibilidade de recuperación. Agora estou reordeando todo para imprimilo. Eu son unha teimosa do papel. As fotos que non estan  sobre él, poden perderse a mais mínima equivocación nun deses arrebatos por valeirar os aparellos que as conteñen.
O inverno é a época na que  a casa cobra protagonismo. Cun bo lume e infusións quentiñas, pero xa sen torta imperial, por mor dos dentes en decadencia.... agradécese ter unha pantalla na que ir deixando os pensamentos que non se poden comunicar doutro xeito, por exemplo, falando. Falar aquí é un seguro de ser escoitado nalgures, alen mares incluso!
Teño tamén nostalxia dos meus comentadores e comentadoras que foron desaparecendo e que me teñen deixado palabras de agarimo, de recoñecemento....
Xa sabemos que os blogs se alimentan de comentarios e ademais é unha laboura colaborativa: ti dasme e eu douche! Está ben devolver o favor, ou a xentileza, diría eu.
Pois hoxe deume por voltar a licuadora que estaba aparcada nun rincón. Cántos zumes para o meu fillo e para min naqueles anos rianxeiros, nun ático con vistas ao mar! Empezabamos o día cunhos bos vasos de zumes de froitas variadas. Logo, cando él voou, xa non me tivo sentido facer un zume para min soia co artiluxio que requería sempre ser ben lavado despois de cada uso.
Así que, hoxe, quixen voltar a aquela costume saudable e preparei ún con piña, mazá das miñas árbores e aloe vera que gardo en cubiños no conxelador. Foi un baño vital que me percorreu o dixestivo, algo alterado ultimamente por abusos de chile e outros picantes da que son moi devota!
Mentras transcorre a mañá, e fora, o día non chama a paseo, fago un alto no traballo de revisar o blog para poñelo en seguro, ainda que non de moi boa gana por ter que estar sentada mais do debido pero que me impuxen como tarefa para ir entretendo os meus días.
E como se aproxima a hora de facer o xantar, vou rematando. "Ten cada cousa o seu tempo ....." dicía Manuel María.