Ai Sálvora, ti es unha muller atlántica, unha serea, unha heroína, unha loitadora de temporais, de sometimento, de xeonllos na terra, de traballo para o señor, para o dominador, para quen levaba o pan e deixábache o peixe, porque os señores non queren saber de espiñas. Cómo me emocionóu coñecerte, illa atlántica entre outras que te acompañan. Pero ti, levas nome de muller, de salvadora, do sal que pasou polas tuas mans ahí na saladeira, tantos anos de vida feudal, sen poder ser dona da terra que traballabas, so desas casiñas que conforman a única aldea e que pedra a pedra, que ahí sí que hai pedras, fuches construíndo, co seu hórreo a carón, para gardar a soldada ca que pagabas vasallaxe, co teu forno e lareira xunto a un vertedoiro e alacena, todas por igual en cada casa, como se fosen casas de colonos, que eso foron, por eso se asemellan tanto, con ese lavadoiro en granito, tan grande como unha piscina, onde lavandeiras fostes contanto historias e lendas que perduran, como a da serea, a que tamén perdeu as escamas para ser nai, para namorarse dun mariño, ela Mariña
bautizada polo seu dono e señor, ela que era muda e so falóu cando a espiña clavada na gorxa logrou sair para pronunciar palabras urxentes de nai: "Non, o meu fillo" cando o pai o facía saltar a fogueira de San Xoán. E ela, que vía o perigo, por fin recuperóu a fala. Outras nais perdérona cando viron os seus fillos mortos ou ultraxados. Tamén unha fonte milagreira dan un toque de humidade neses veráns sedentos, onde os cabalos e os cervos sobreviven en libertade.
Muller aguerrida, capaz de coller as dornas nunha noite de mar envrabecida, para salvar vidas daquel naufraxio que se cobraba mais de duascentas vidas aos teus pés, e vos, soas na aldea, cos homes en terra, ca axuda de nenos e vellos alumando dende os cantís, chegástedes a tempo de salvar a mais de cincuenta. Por eso lucen os vosos nomes nos hórreos, nomes repetidos, Cipriana, e conomes que eu nunca ouvira. Hórreos de madeira, hórreos de muller, hórreos de granito, grandes e ben asentados sobre laxes, hórreos dos que mandaban na aldea, como sempre, a historia repítese ata a saciedade.
No remanso das tuas augas mergulleime, sentín a friaxe case xélida do atlántico virxe clavarse na miña pel. Deixeime conxelar pouco a pouco para non sentir o corpo para non deixalo quedar alí por un ataque súbito ao corazón, como pode pasar cando fas cousas contranatura. Así, xa non me doía o frío e a mornez rodeoume dun benestar que me relaxóu despois de percorrer os teus sendeiros ca xeira de quen quere apurar o tempo para descubrirte enteira, illa de pedras, de pedras, que según outra lenda, son xente convertida en pedra.
Non te mereces esas invasións de visitantes despiedados que sembran de lixo por onde pasan e van deixando ese rastro vandálico, que nin os piratas que un día albergaches, foron tan descuidados, estou segura, porque non tiñan tanto desperdicio que deixar.
Serías a miña illa, se non fose por ese tipo de novo invasor que te visita adecote no tempo de verán.
Pero a que fuches, fica na miña memoria como un símbolo de loita pola liberdade.