Un domingo con feira. Esta vez, decidín ir. Poucas veces vou a unha feira. O día, de verán, de xullo, do verán con nubes, empezóu con algo moi positivo: un voluntariado comunitario. Cortaron a herva xunto ó nacimento do Eo, pero non angazaron e como non me gustaba cómo estaba, collín guantes e angazo e alá me fun limpar. Incluso barrín un tramo do Camiño Real, que vai paralelo á estrada, polo medio da aldea. A veciñanza saía para verme pero eu sentía que facía un traballo ben feito e á medida das miñas posibilidades.
Logo, como non tiña ganas de cociñar, pensei de ir comer o polbo á feira. Os postos de venda estaban desertos practicamente. Un que outro..... pero nada que ver co que eu lembro noutro tempo.
Merquei allos, de Cuenca, porque son unha adicta ao allo e os meus xa se acabaron e os que medran na horta, un pouco mal, non van dar colleita para o meu consumo.
A carballeira xunto as casetas de polbo, estaba chea de mesas con ule de cadros azuis e brancos. Os castañeiros daban a sombra e o frescor que tanto se agradece nesta época do ano. O fume e o olor a polbo xa se percibía de lonxe. Moita xente facendo cola nas casetas. Xente nova traballando arreo, correndo dun lado a outro. Non daban feito. Gústanme esas mesas alongadas na que se comparte con outr@s comensais. Botella de viño, pan branco fresquiño, platos de polbo e churrasco.... Familias e amizades. Case ninguén só. A min non me importa estar soa entre tanta xente. Sempre levei mal os domingos por seren días de pasar ca familia. Agora xa fixen callo e non voto de menos o que poucas veces tiven. Pero é bo compartir, falar, relacionarse, rir e disfroitar dun xantar en compañía.
Lembrei o ano que estivera alí ca miña netiña, recien estreada, e cos seus proxenitores. Ela arricacho do seu pai, paseando baixo a arboreda. Eu, facendo cola no polbo. Eles comendo as croquetas de queixo que levaramos da casa, ainda quentiñas.... Qué bonito foi daquela! Agardo que se repita algunha vez mais!
Para rematar, pedín un café de pota (dubido que o fose), e un cucurucho de xelado de vainilla. Un remate de ramillete para o meu xantar de campo. A frescura do lugar, baixo as árbores centenarias, facía circular unha brisa fresca que daba benestar e convidaba a quedarse de sobremesa, tomando fotos e mandándoas por whatsapp á familia e amizades. Un xeito de compartir sen estar presentes. Un xeito de sentirse acompañada e en contacto.... Tamén, disfroitando da observación do escenario que alí se presentaba: xente comendo, camareiros e camareiras indo e vindo con presteza para ter o personal ben atendido, churrasqueir@s e polbeir@s cortando con agarimo os rabiños do polbo que parecía do país. Decorando os pratos de madeira con aqueles cachiños deliciosos que logo ían aliñados co sal, aceite e pemento picante ou doce, ou sen sal..... (asegundo se pedira).
Tamén aproveitei para fixarme nunha horta ben organizada, co seu mini invernadeiro para tomateiras, cas redes para xudías e chícharos, co rego por goteo..... De todo fun facendo fotos para copiar ideas que me pareceron boas.