www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 8 de xaneiro de 2010

ASÍ COMEZO O ANO




Cómo me gusta estrear ano coa neve! É o mellor agasallo que os Magos podían deixarme, despois de tanta parafernalia de cabalgadas ateigadas de xente, de disfraces, de despilfarro…esta blancura humilde, silenciosa que todo o cubre e oculta creando unha paisaxe inédita, sorprendente, inmaculada… que da mágoa pisar ou desfacer.
Esa levedade que semella non ter peso pero que carga as ponlas das árbores ata doblalas e os tellados, semellando merengues dun conto de fadas…. Lévame a pensar que “unha folerpa non fai nevada pero axuda á súa camarada”.
Erguínme co ánimo dese resplandor de blancura absoluta recubrindoo todo e díxenme:
“ vou estrear os esquís”. Enseguida xuntei o equipo, (protector labial incluído e gafas…). O pe xa non me entraba na bota, ou elas encolleran ou o pe medrara dende a última vez que as puxen. E xa cando estaba a punto de lanzarme a unha aventura segura, notei que as fixacións lle quedaban cortas á bota. Nin forma de movelas e mais coa presa que eu tiña, non fose que a neve se derretera antes de que eu poidera deslizarme por ela! Pois ahí acabou o meu día de esquí! De todos modos, non me dou fácilmente por vencida e aproveitando o equipamento, con outras botas, eso sí, e polainas, collín os bastóns de “nordic walking”, que semellan os de esquiar, e funme campo a través, coa sensación do primeiro astronauta que pisou a lúa, deixando unha derrota tras de mín, como única supervivinte destes paraxes. De cando en cando, voltaba a vista atrás para ver a desfeita e sentirme culpable por ser a primeira en desfacer o engado (a primeira non, polas pistas xa pasaran as feroces quitaneves, total ninguén precisaba delas). A neve era neve-pó e por moita ilusión que me fixera, houbérame afundido ata o chán pois por aquí non hai pisaneves, nin falla que fai.
A sensación non foi a mesma que terse deslizado prado abaixo pero sentín unha enerxía sá, que o cura todo, ata o mesmo resfriado, e de volta á casa aínda din cunha nova sorpresa que me fixo lembrar a miña nenez: os caramelos de xeo pendendo do tellado, todos en ringleira, da mesma forma e tamaño…
A capacidade da natureza para transformalo todo nunha soa noite fíxome pensar que as grandes cousas acontecen sen apenas decatarnos.

BORRÓN E CONTA NOVA