www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 5 de setembro de 2022

RÍO ADENTRO EN MAR DE FORA

 



Parei na Picota a recoller a Maricarmen Rey Núñez, que me acompañaría a presentar o meu libro Río adentro, na Casa do Arco en Fisterra (Finisterre)-
O primeiro que fixemos foi camiñar ata a praia Mar de Fora. Era unha tarde espléndida de sol e luz. 
Contemplar aquela fermosura natural foi encher os ánimos para o momento que nos agardaba. 
O segundo, recoller unha empanada de mazán que encargara para a ocasión, nunha panadería á que lle teño devoción, e que ademáis é dunha antiga alumna do Centro Martín Freire, chamado, agora, Mar de Fóra, no que pasei os meus primeiros dous anos de mestra.
Logo, perdémonos polos camiños estreitos da Fisterra interior ata chegar ao Porto. Eu, por gastar bromas, preguntaba de vez en cando se íamos ben por alí... Non me perdo en Fisterra, por cambiada que esté agora.
Atopamos un sitio ao gusto para tomar algo e dirixímonos á Casa do Arco, Chalé de Vilas, que ven sendo unha especie de fortaleza medieval na que se ubica actualmente a biblioteca Fisterrán.


Era un sitio pequeno pero acolledor. Revestidas as súas paredes  cos andeis de libros, non podería ser mellor lugar para a presentación doutro libro que pasaría a ocupar un posto nun dos andeis.
Empezaron a chegar as miñas amizades e outras persoas que me resultaban coñecidas e que mais tarde souben quen eran. 
Déronnos a benvida a concelleira e a técnica de Cultura que prepararon todo con agarimo.
E como non podía faltar a música, alí estaban Moncho, (un antigo alumno que musicóu un dos meus poemas a Fisterra), e os seus sobriños, con duas gaitas e un saxo para tocar duas pezas de entrada e logo outra de despedida.


Maricarmen, fixo unha presentación moi amena, coa sua facilidade para contar cousas, acostumada a escribir novela e poesía tamén, pero sen inventarse nada, dou fé diso, acabóu por bordar a miña historia como muller e como aficionada a escribir, rematando cunha entrevista que, segundo ún dos asistentes, non tiña nada que envexar ás presentadoras da tv. E, alí, como a carón dunha lareira, entre amig@s, fun deixando as miñas espidas respostas sobre diferentes quefaceres do transcurso  da miña existencia de "muller contracorrente", como dí Manuel Vázquez.
Fomos agasalladas cuns lotes de libros, entre os que se atopa o dun rianxeiro, Anjo Muíños, a quen coñecín fai pouco e do que xa lera un poemario. 
Houbo libros tamén para os músicos e pareceume un bo detalle por parte das encargadas de Cultura do Concello de Fisterra. Vese que hai moito interese en espallar e dar a coñecer as obras de autores e autoras das nosas bisbarras.



Acabamos puntualmente ás 20:00, logo de repartir apertas e sinaturas e facernos fotos.
E xa, sen demorar mais, puxémonos camiño de volta ata a casa da miña presentadora, onde nos agardaba unha degustación de productos procedentes de diversos sitios: viño de Oporto, xamón de Badaxoz, queixo do Cebreiro elaborado en Castroverde, empañada de mazán de Fisterra, tarta de Santiago de panadería local e moitos outros manxares da horta de Maricarmen. Coñecín á súa familia, incluíndo a Rufo, o seu can ladrador pero pouco mordedor.

Á mañá seguinte saín para Lousame onde deixara a miña Noa, e xa, de novo, regresamos a Fonteo.
Foi unha viaxe de lecer, de familia, de darme un baño de amizade e lembranzas dun tempo ido.






sábado, 27 de agosto de 2022

NEW STYLE



Invádenos o millo. Onde antes estaba a herba, agora está a millo. O camiño semella unha pasarela con muros verdes a cada lado. E pola pasarela vou vendo as modelos que amosan con fachenda os seus penteados de diferentes estilos e con moito corido e formas variadas.

Son as bonecas da miña infancia. Da nosa infancia. Porque non era so eu quen xogaba con estas garridas loiras e morenas cando eramos nenas. Daquela non había outras bonecas e abofé que istas substituían con fartura ás outras das que adoeciamos porque non había cartos para mercalas. So as fillas da xente rica de daquela podían permitirse o luxo de ter bonecas de verdade.

Chamóume a atención a gama de cores tan variados que teñen as de agora. Daquela so había a rubia e a morena. Era millo do país, non transxénico, se é isto o que pode influir no corido do pelo. Quedei fascinada e volvín sentirme nena e xoguei a facerlles algún penteado como as clásicas restras ou coletas.

Unha vez na casa, mesmo pensei en volver por alí e poñerlles outros complementos como sombreiros, capas de tul, lazos vistosos...Se algúen me vira, estaría xustificado que me considerase como algo tola.
Pero é que a nenez vai connosco o resto da vida. Salta en calquer intre e desfruta igual ou aínda mais, porque o que daquela era unha necesidade, agora é un antollo.

Mesmo pensei en artellar un paseo para que outra xente puidera sentir ese pracer de facer realidade os soños de ser perruqueiras e deixar as bonecas todas penteadas de diferentes estilos, sen arrincalas da planta. Eu, o que facía daquela era collelas da leira dos veciños e agochalas xunto ao palleiro para xogar con elas as agachadas sen que me visen meus pais e me rifasen pola desfeita que causaba.

Deixo a cada quen o deleite de buscarlles semellanzas con Marilyn Monroe ou con outras celebrities das que non sei os nomes pero tamén de mulleres que, coma nós, pasean entre o millo. 



 










As melenas da infancia
son agora reais.
Eu soñaba con elas,
soñaba con telas.
De cores variadas,
mil formas penteadas.
Eran as modelos
de pasarelas
inventadas.
Aínda me emocionan.
Sego sendo aquela nena
que xogaba con elas,
ás agachadas.
Á falla de bonecas
elas facían o efecto,
so que eran roubadas
do millo dos veciños.
Xunto cos contos
extraídos do chocolate,
foron os meus segredos,
a fantasía agochada

luns, 22 de agosto de 2022

A CARBALLEIRA

 


Dende a carballeira 

dos devanceiros,

na que xogabamos

sendo nen@s,

argallando batallas

con armas de pau,

nos recreos da escola.

As árbores son outras,

renovouse a familia,

medrou o desleixo,

ninguén quere zocas,

 non hai xa zoqueiros.

Onde van os avós,

nosos pais e nais!

Árbores caídas

das que se fixo leña

que quenta a memoria,

de muxicas sostida.

martes, 16 de agosto de 2022

QUÉROTE AQUÍ

 No faiado hai lembranzas. Hoxe é un bo día para desfacerse delas. Chove, vai frío, acendín o lume no lar, púxen o xale azul e decidín falar de tí.

Atopei unha lista detallada dos teus eventos como cociñeira de vodas e banquetes. En qué casa,  co gallo de qué, e numero de veces. Case todas eran vodas. Daquela celebrábanse nas casas, nas palleiras das  casas e tí cociñabas os asados de año no forno do pan. Eu probaba as costeliñas, para ver se se desprendían facilmente do óso. Como aquelas non volvín  saborear outras.




Emocionóume ver a túa letra e ler o nome das casas. Algunhas xa non existen. Gustábache escribir cartas á familia, facer notas, planificar por escrito o que pensabas cociñar para cada ocasión. Intentabas facer diferente das outras, sempre innovando. Aqueles aros de cebola rebozados que parecían calamares...tartas nupciais con varios niveis, tartas para "pedidas de man" que eran de masa de hoxalddre que ti preparabas e logo recheabas con froitas escarchadas e améndoas, rematando arriba cun enreixado, como a tarta de Mondoñedo.

No listado non engadiches as comidas que preparabas na casa para moitos comensais, por encargo. Case sempre troitas do Eo. "Imos comer unha troitada onde a Natalia de Fonteo"

As pataquiñas redondas que acompañaban aos asados e que tanto traballo che daba facer, cunha redondez perfecta...

Cociñaches para o día da inauguración da lúz eléctrica na parroquia. Había xente comendo en duas casas, en varios locais, e ti cociñaras para tod@s.

Sen contar as veces que ías cociñar para as mallas nas casas dos veciños, que te chamaban porque querían que a súa comida fose a mellor de todas.

As comidas dos curas que viñan facer os enterros. Daquela todo o mundo se quedaba a xantar despois da función. Ben fora na taberna e na palleira para a xente da veciñanza, ou no comedor da planta alta para os eclesiásticos. "Comen como os curas", dicían, porque como tiñan fame, non falaban. 

Non sei cómo empezaches co da cociña pois ti eras costureira e mais tarde tamén taberneira. Dabas comidas a cantos chegaban por aquí por unha ou outra razón. Chegaban de sorpresa e ti nunca os deixabas irse sen antes comer o que improvisabas no momento e a todos contentabas. Por iso viñan e voltaban a vir. 

Conservo o libro "La Cocina de la Mujer Moderna" que che regalara teu irmán Pepe. Foi un detalle moi bo por parte del, sendo un veciño mais do lugar cando apenas se viaxaba á cidade. Un libro con tapas gordas e que traía de toda clase de receitas. Ti tíñalo todo cheo de marcadores para atopar facilmente o que buscabas. Non o precisabas moito porque saía de ti cómo había que cociñar calquera receita. Eras creativa e gustábache adornar todo. Dicías que o prato ten que entrar pola vista primeiro. E así era. Xa se comía cos ollos. 


Eu son unha gardadora de todo. Cústame desprenderme dos recordos pero sei que teño que ir tirando cousas. Gardar so as mais relevantes, como este libro que aínda ten moito que ensinarme. Daquela, como o aceite apenas se mercaba, cociñábase moito con manteiga de porco. A comida sabía mellor pero. hoxe, nono atoparíamos saudabel. 
 
Con ela facías os polvoróns polo Nadal. Xa se comían sen ir ao forno!

E os fariñotes aqueles feitos coa manteiga cocida, de vaca, que daban un cheiro delicioso por toda a casa e atraían a xitano@ e pai@s.

Entroume unha especie de saudade que sempre se anticipa ao tempo que corre para o inverno longo. 
O lume; sentir o calor da leña, porque hoxe non temos calor solar, xa me pon noutra etapa que se aveciña e que me fai sentir que o bó pouco dura. O bó? nin tanto nin tan pouco! Hai calores que cansan e outros que nos adormecen.


martes, 2 de agosto de 2022

UN DÍA GRANDE



 


Así comezaba o derradeiro día de xullo, entre poemas e tenreiras, entre música e degustacións, entre moita xente chegada de todas partes, chiringuitos e divertimentos para a xente miuda...

No salón de actos da Casa da Cultura de Baleira, presentábase Río adentro. Na mesa: Xulio L. Valcárcel, poeta por excelencia, Anne Nikitik, profesora de linguas estranxeiras, Alberto Alonso, funcionario do Concello e a autora, que veño sendo eu mesma.

Despois de escoitarmos todo o bon que quixeron contar de mín, que foi moito e xeneroso, houbo lectura de poemas por parte dos rapaces e rapazas de Fonteo e Librán. 

E para rematar, un toque musical con Tania e o seu acordeón, acompañada dunha alumna e un alumno dos mais aventaxados e que resultóu tan movido que daban ganas de bailar.
 



Logo viría o momento de asinar libros, de poñer as verbas axeitadas a cada ún e unha, de sentir o aprezo de quen se achegóu ata alí, de saudarnos e prometernos novos encontros.


Baleira, hoxe, chea  a reverquer.

botaba para fora.

Tenreiras ao sol, cheiro a asado,

bachata e salsa.

Chiringuitos e bares desbordados,

xantares retrasados...

Dentro, no Centro Cultural, amig@s

que participaban

no día grande de Río adentro,

deixaban lembranza

do que perdurará no tempo.




Xa, unha vez rematado o acto, saímos a un sol que nos queimaba. Houbo quen quixo ir coñecer o río Eo e a miña casa, e iso fixemos, unha incursión rápida, sen moita demora porque nos agardaba a Feira da tenreira galega que era outro dos eventos do día.




Pero, antes, unha selfie con Anne Nikitik, diante das xovenquiñas, na que aparecemos sumamente complacidas de estar alí.




Vista panorámica na que xente e vacas compoñen a paisaxe que era realmente multitudinaria e co chan recién cuberto de area para a ocasión, semellaba que estiveramos no Oeste americano.




Chamounos a atención este tipo de vacas. Había duas nais, cada unha co seu tenreiro, mamando ás veces, pois auga, ou parasol, a poucas llas puxeron. Istas, concretamente, pasaran pola perruquería. Tiñan cortes de pelo con deseño e a súa cor tiraba a vermello.




E nos, puidemos apoderarnos de dúas mesas nunha terraza e alí agardar duas horas a que nos trouxeran algo que levar á boca. Iso sí, cando chegóu algo, sóubonos a manxar.

Así acabóu o día e a romaría  "and all is well if ends well" e isto acabóu ben.



Video da editorial Medulia, con Diana Varela, a súa directora, recomendando libros, entre eles, Río adentro.
Agradezo a súa participación no acto, promocionando os libros.


venres, 15 de xullo de 2022

ENTRE FONTEO Y EL MAR



 


Fai unhos anos que caeu nas miñas mans un libro que non só me axudóu a superar unha gripe senón que me achegóu ao coñecemento do río que nace onde eu nacín, o río Eo.

O seu autor, ben alcumado "el señor del Eo", Cándido Sanjurjo Fernández, investigóu a fondo a traxectoria do río e déixanos 246 páxinas con historias e aconteceres, usos e trafegos no percurso das suas augas,  ENTRE FONTEO Y EL MAR, editado en 1995, publicacions do Principado de Asturias.
E non só detalla con todo interese e emoción senón que ilustra con fotos da súa autoría, a toda cor, con documentos, cantigas populares e algún poema como iste que aquí deixo.
 
VIENDO COMO NACE EL EO
(En lengua vernácula)

Vendo o Eo nacer, gorgoleando
como un neno que chora e se espreguicia,
cando nos pardos montes de Galicia
o ferruxento sol se vai deitando.

O rumor que a corriente vai deixando
baixo a ponte que o acolle con delicia,
mismamente parece dar noticia
alegre dir por este mundo andando.

Teus padres; a floresta e o castaño
danche o ser desta auga limpia e fina;
teu Padrín debe ser este reigaño.

Que parece decirche: -¡ Corre axina,
lévalle auga fresquiña e sin engaño
da terra de Santiago a da Santina!...














Nacemento do Eo antes e agora.









Onte fixen, de novo, o percorrido de Fonteo a Ribadeo, seguindo o Eo e cando paso polos lugares nos que él se detivo tanto a describir e falar do que acontecía neles, como aquel primeiro tren que levaba o ferro e a xente dende a Pontenova a Ribadeo, non podo menos que sentir aquela época a meu carón e ver que as xentes que nos precederon tiveron que traballar arreo para que hoxe teñamos todo o que temos.

San Tirso de Abres, A Veiga...lugares que me producen un sentimento de cercanía, de vencello ca nosa historia, río adentro, ate chegar ao mar, a ese mar que eu venero e ao que sempre me dirixo porque me acalma os sentidos.

Deixo unhas cantas fotos que me inspiróu o momento no que cheguéi  á praia de Arnao, nunha mañá tapada pola brétema e que dilue a paisaxe como nun soño.













martes, 12 de xullo de 2022

SOBRE RODAS



 Inspirada polo relato de Xesús Trashorras, "Mentres agonizo", que saca a colación as memorias no seu Dyane seis, non puiden menos que subir ao faiado e buscar nos álbuns de fotos, todas aquelas que tiveron que ver cos coches que me levaron polas aventuras mais aventuradas.

O meu primeiro coche foi o Dyane seis amarelo, cabriolé, (que seica é a palabra axeitada para descapotable). Nesa foto estabamos de acampada en Monte Louro, pola zona de Muros. Era cando tiña a escola en Fisterra. A tenda mercarámola en Andorra, unha amiga e mais eu e funme quedando eu con ela.



O meu Dyane, eu lavábao, peiteábao, cambiáballe as rodas, o aceite...Era o meu primeiro coche!
Despois de Fisterra funme a Londres, e quedóu un ano no garaxe en Fonteo. Non me lembro ónde o metín porque garaxe non había na casa. Debín gardalo na casa duns primos. Sí, así foi!




Coñecín aló a Barry, un tipo de orixe irlandés que vivía con outros mozos e mozas na casa de Crescent Rd. no East End de Londres. Era unha casa con back garden onde se facían as parties. 
Él tiña un Mini Morris, con incrustacións de madeira. Acostumabamos  ir nel ao centro. Barry era un condutor que facía trampas para pasar aos coches meténdose polas veirarúas ou daba oito voltas a unha rotonda se non decidiamos que rumbo tomar. 
Aproveitando que se quedara sen traballo, pensóu  virse a Galiza comigo e facelo no seu Morris, así que viñemos cargados de petates dentro e fora do coche.



Fixemos algunhas paradas por Francia. Levabamos tenda de campaña e faciamos camping libre, cociñando e lavándonos preto a algún río. Lémbrome de ter lavado a cabeza no río, e de ter un tendal de roupa colgada entre as árbres.

Cando chegamos aquí, démoslle un merecido descanso ao Morris e collemos o Dyane para irnos de xira por toda España. Barry quería coñecer o país. Así que fixemos todo o Mediterráneo. Lémbrome dunha noite de tronos e raios en Benicasin, metidos na tenda e degustando un polo asado. O que mellor me soubo en moito tempo! 

Logo fomos ao sul. En Almería paramos perto dun campo de golf. Él era aficionado a este deporte e co calor que facía, atopar un prado verde, supoño que sería un oáse naquel deserto. 

En Marbella, preguntamos se podiamos poñer a tenda nunha especie de xardín privado dalgunha institución, prometendo non deixar nin rastro de lixo. Sorte que nos deixaron!

Fixemos unha tortilla de patacas en pleno paseo marítimo de Marbella. Hoxe, a boa hora poderiamos facer tal cousa, pero a excentricidade de Barry espertaba simpatía entre a xente que consideraban aquilo como un `happening`, algo que chamaba a atención. So nos faltóu pasar a gorra!




Nunha subasta en Aduanas en Coruña, mercamos esta Morris Van  que Barry rerfixo completamente. Era moi handy man e sabía cambiar o motor ou reconstruir a chapa. Nesa furgoneta viaxamos moitas veces a Inglaterra dende Santander. Nunha desas viaxes eu agardaba o noso bebé, a xulgar polo vestido que me fixera miña nai, pódese intuir que xa tiña unhos mesiños.
Aproveitamos para casarnos alí tamén, e mesmo temos a furgoneta por testigo.




Volvemos  na Morris, escabullindo multas que nos querían poñer, non sei polo que fora, pero sei que convencín aos axentes e libramos de milagre. Era por Cantabria ou país Basco.
Temos fotos saíndo dos ferries.






Fotos por algunha praia do norte de Portugal. 
Logo naceu o noso fillo e seguimos facendo viaxes tanto na furgoneta como no Dyane. 




Iamos a Madrid, aos concertos. Eu conducía en carretera e Barry entendíase moi ben pola cidade, aínda que daquela non había GPS´s.

Cando vexo de novo estas fotos, lémbrome dunha etapa da miña vida que puido ser duradeira pero non todo acaba como comeza. Foron tempos moi felices pero a felicidade é algo moi fráxil. Podo dicir que houbo cousas boas e non tanto.




Ao noso fillo gustáballe moito ir no Dyane pero case sempre ía chorando! Un día, que iamos os dous sos, él atrás, na súa cadeira, non paraba de chorar e eu púxenme moi nervosa. Debín facer algo raro na estrada que nos pararon os de tráfico. Eu expliqueilles que o neno choraba incansablemente todo o viaxe e que me poñía moi nervosa. Aconselláronme parar ate que se calmase e non me multaron tampouco aquela vez.

Logo tiven mais coches, pero xa nonos tratei tan ben. O Dyane marcóu un capítulo na miña vida. 
Andado o tempo, o meu fillo quería facerse con ún, cando xa apenas quedaban. Quiteillo da cabeza.
Era un coche que "afalándolle" daba de sí e adiantaba autos mellores costa arriba. Sobre todo se o conducía o meu compañeiro, de quén aprendín certos trucos na conducción.

Adícolle este post a J. Barry Evans, actualmente residente en Dover.






 Dyane  era un todo terreno,
tanto na Baqueriza nevada,
nas curvas  da Fonsagrada,
con seis cabalos galopaba

luns, 11 de xullo de 2022

UNHA MAÑÁ COSTEIRA

 


Cando cheguéi á praia só había outro coche aparcado. O seu ocupante tampouco se decidía a apearse. A bruma costeira cubría todo e daba un aspecto de incertidume, mesmo de certa desconfianza. A min gústanme as praias pouco concurridas pero, ésta, ademáis, está no fondo duns cantíns. Cambiei o coche de sitio, pensando, incluso, en dar a volta, despois dunha hora de camiño para chegar ata alí. Agardei a ver se chegaba mais xente e así aconteceu. Cando chegaron algunhas outras persoas, baixeime e dirixinme escaleiras abaixo ata a praia. 
A temperatura ambiental era moi agradable, mesmo tirando a fresca. Nada que ver cos case 43º que anunciaban para o día de hoxe. Probei a auga e sentína tépeda. Estaba empezando a subir a marea. Nesa praia apenas queda sitio cando a marea está chea, así que tiven sorte e ata atopei unhas gafas de buceo que traían as ondas.
 

Aproveitei para camiñar pola area antes de que non houbera sitio. Unha parella descolgábase polas rochas. Ela non estaba afeita e parecía que ía perder o equilibrio dun momento a outro. Él non tratóu de axudarlle. Tomeino como que era un home da nova masculinidade, ou sexa, que non se amosa protector.
Tiven curiosidade e necesidade de usar o WC que hai nesta praia. Subín as longas escaleiras de novo, e alo me fun, non moi segura de que estiveran tan sequera aberto. Pero sí! E a miña sorpresa foi ver que era de nova construcción, que xa non se parecía en nada ao que había antes. Tres portas: donas, cabaleiros e xente con discapacidade. Ao entrar vin todo ben limpo, con papel, xabón, espello, unha nota aconsellando a limpeza de mans, o chan limpo, taza nova e todo en metal e dunha peza, polo tanto non había que levantar ou baixar tapas nin  tocalo coas mans. Loei que na comunidade asturiana, tan veciña nosa, fixesen as cousas con mais esmero e interese. Todo para que a xente non faga as suas cousas na praia. Pois aínda así, vin como as covas que hai nos cantís, servían para o mesmo que antes. 


O día ía mellorando en todo, veu mais xente, non moita, había un bo retrete, atopei unhas gafas, a auga estaba como para meterse nela... en fín, a viaxe pagara a pena. E ademais, gústame ese sitio porque non lonxe dalí hai unha área recreativa na que se pode comer á sombra, colgar a hamaca nas arbres...
Ten un camiño a pé de costa cunhas vistas admirables e ademais, é o traxecto mais curto para achegarme ao mar. As duchas son boas, tamén para pés. Está ben vixiada por socorristas activos que pasean pola mesma ribeira e fíxanse nos e nas que están nadando...


Era case a 1:00 cando decidín emprender o camiño de volta para xantar na casa. Facía un calor xa que se asaban os paxaros no ar. A min non me gusta o ar acondicionado no coche. Con música e con auga, fun facendo a travesía, desexando chegar para meterme neste bunker de verán, que é a miña casa de pedra. Se algo ten de bo é que nestas temperaturas extremas, estáse como nunha cova.


E acabo con aquel trabalinguas que inventei un día a pé de camiño:

Cústame ir á costa
e cando ás costas lles custa ir á costa,
hai que darlle as costas á costa.

sábado, 9 de xullo de 2022

FORGIVEN NOT FORGOTTEN


 Un placer camiñar

entre luz e sombra

na frescura da tarde

coa Noa, amodiño

sentindo o silenzo

e a brisa suave

que abala con tenrura

a frondosa espesura

á veira do camiño.

O río invadido

de perexel salvaxe,

espello das arbres,

vai ledo e lizgairo

levando as súas augas

limpas, cristalinas,

case conxeladas.

É o Eo, no Ríogrande,

onde os carros de vacas

carregados pasaban

coa leña para o lume

e as nais lavaban

e eu, de pedra en pedra,

saltaba e saltaba...

Onde eu dicía "as palabras"

so pena de afogar na auga.

"Forgiven not forgotten"




martes, 5 de xullo de 2022

CLAFOUTIS DE CEREIXAS

 



O meu clafoutis de cereixas,

pasiño a paso, con amor,

foise facendo no forno

e nada sei do seu sabor.




As cereixas, un agasallo

que os visitantes deixaron.

O resto púxeno eu,

que sempre teño gardado.




Golos@s xa sei que sodes,

a xulgar polas visitas.

Cada vez que saco un doce,

o facebook  está que reloce.




Como a galiña do conto,

axiña vou preguntar:

Se queredes comer doce

a facelo hai que axudar!


E agora a receita que tomei do blog da nosa amiga e gran cociñeira, Kasioles.

Precisamos:

Molde de 23cm. desmontable (preferentemente)

350 gr. de cereixas

3 ovos

125 gr. azucre

62,5 gr. fariña trigo e 62,5 améndoa moída  (tipo fariña de améndoa)

250 ml. leite

Azucre glass


Preparación:

Forrar molde con papel de forno

Prequentar forno a 180 º


Dividir as cereixas pola metade para quitar as croias

Cubrir fondo do molde con elas co corte para abaixo, (pódese repetir tanda pero eu so puxen unha)

Nun bol mesturar os tres ovos co azucre ate ben traballado

Ir engadindo as fariñas de trigo e améndoa (mesturadas) pouco a pouco. (eu tamiceinas)

Ir engadindo o leite aos poucos ata conseguir unha mestura lixeira, sen consistencia

Volcar suavemente por enriba das cereixas no molde

Fornear uns 40 minutos, arriba/abaixo ( eu comprobei se saía limpo cun coitelo)

Retirar do forno, deixar temperar sobre reixa antes de desmoldar

Adornar con tres cereixas e azucre glass  (avainillado)